Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: A nosa biblioteca

O Pazo de Barallobre

O SEGREL DO PENEDO

   O SEGREL DO PENEDO

 

A biblioteca do noso instituto, Biblioteca “O Segrel do Penedo” toma o seu nome do último segrel de Galicia, Xosémaría Pérez Parallé, o poeta do Penedo de Barallobre. Home que dedicou toda a súa vida ao ensino, a Galicia e á poesía e a quen queríamos render unha cariñosa e merecida homenaxe.

A nosa biblioteca vén funcionando dende hai bastantes anos a pesar da falta de recursos e persoal especializado, pero gracias á boa vontade dun grupo de profesores e profesoras ao fronte do cal sempre houbo un coordinador ou coordinadora que con poucos coñecementos e moitas ganas de traballar e organizar o que ao principio era un “almacén de libros” lograron, ao cabo destes anos, crear unha verdadeira biblioteca escolar. Pero é  a partir do ano 2005, cando entramos a formar parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia (PLAMBE), cando o noso proxecto da biblioteca “O Pazo da Fantasía” foi unha realidade grazas, entre outros, á constitución dun grupo de profesorado estable que se dedica á súa organización, xestión e dinamización, ofertando un espacio educativo ao servicio da nosa comunidade educativa.

Nestes dous últimos anos o noso máximo interese céntrase na idea de converter a nosa biblioteca escolar nun verdadeiro centro de recursos da información, a lectura e a aprendizaxe na que o alumnado, o profesorado e todos os membros da nosa comunidade escolar sexan os seus protagonistas principais. Deste xeito, a dinamización da nosa biblioteca é un dos nosos obxectivos prioritarios, entendendo por dinamización o tratamento de tres grandes eidos como son a formación de usuarios, a alfabetización informacional e a animación lectora.

Os obxectivos da formación de usuarios son crear lectores autosuficientes na biblioteca o que implica dominio do espacio e coñecemento dos servicios, así como dar a coñecer o fondo e as técnicas para acceder á información. Este curso, e debido ás obras que se estiveron realizando, así como o cambio e ampliación no mobiliario, teremos que levala a cabo durante este último trimestre, para o que xa temos preparados uns dossiers que lle facilitará a aprendizaxe ao noso alumnado.                                                            

Elaboramos un “Caderno do Explorador” para o alumnado de 1º e 2º de ESO. O caderno divídese en varios apartados:

-       Os distintos tipos de documentos que se poden atopar nunha biblioteca: obras de consulta, libros informativos, información periódica e documentos electrónicos.

-       As distintas partes dun libro tanto por fóra como por dentro, así como as dun periódico.

-       A organización dunha biblioteca. A Clasificación Decimal Universal

-       Como atopar un documento nunha biblioteca.O OPAC “Online Public Access Catalog”

Así mesmo xa temos case rematado o “Caderno do Navegador”, para o alumnado de 3º e 4º de ESO. O que pretendemos con este caderno é facilitarlles a busca de información a traveso da web. As bases de datos, os buscadores, as clases de busca, os metabuscadores son algúns dos termos cos que deberán familiarizarse.

En canto ás actividades de dinamización, estas van encamiñadas por un lado a potenciar a utilización da nosa biblioteca e por outro, a acercar ao alumnado ao libro e a outros materiais, á lectura e á literatura oral, dun xeito máis lúdico para o ocio e o tempo libre e que dende a nosa biblioteca desenrólanse ao longo de todo o curso. Esa oferta de actividades, como podedes comprobar, é moi ampla. Temos “O libro dos nosos favoritos” á porta da biblioteca, no cortizo da biblio aparecen “A frase da Semana”, as Suxestións mensuais de lectura e cine, o boletín coas novidades que se expoñen no recuncho das novidades da biblioteca. Así mesmo organízanse exposicións con motivo dalgún feito ou dalgunha data sinalada, este curso organizámos algunhas; polo “Día  dos Dereitos dos Nenos”, o “Día da Paz”, o “Día da Muller”, o “Día da Poesía” e o “Día do Libro” e por se foran poucas acabamos de montar unha sobre “A historia do Cómic en España e o Cómic do século XXI”

  

Estas exposicións van acompañadas dunha selección de libros, maioritariamente novelas, escollidas de entre as que temos na biblioteca do centro así como de entre as novidades do mercado editorial, onde se aborde o asunto central, procurando que haxa unha oferta suficientemente plural en canto aos enfoques a considerar. Así mesmo compleméntase con material audiovisual, dende cancións alusivas ao asunto a tratar, das que se elabora unha relación e se fan sonar algunhas delas dende a radio escolar durante os recreos, ata proxeccións de imaxes mediante un canón de vídeo que se dispón estratexicamente e se pon en marcha igualmente durante o tempo de lecer, e que pretende chamar a atención  do alumnado e atraelo a un medio, o audiovisual, posiblemente máis  afín ás súas inquedanzas e aos tempos que corren.

Como complemento de todo o exposto con anterioridade, tamén se editan dípticos e trípticos informativos sobre a temática en cuestión, así como guías de lectura, música e cine; recomendacións ás que poden ter fácil acceso xa que forman parte dos fondos da nosa biblioteca. Todas estas exposicións acompáñanse de distintas actividades que son desenvolvidas, principalmente, polos titores e titoras da ESO durante as horas dedicadas á titoría de aula.

Ademais neste curso e con motivo do Día das Letras Galegas, elaboramos unha webquest, sobre María Mariño, a súa obra e a época que lle tocou vivir, destinada ao alumnado de ESO e que traballa as materias de Lingua Galega e Sociais. E para celebrar esta data organizamos unha serie de actividades e xogos para o venres 18 de maio. A “Xincana cultural, “Poemas para un Día”, “As caras das Letras”, xogos populares e un taller de Cerámica impartido polo prestixioso ceramista Francisco Pérez Porto.

Organizáronse varios clubs de lectura entre o alumnado da ESO, onde se trata a temática da violencia entre iguais e outras culturas e tradicións, e o alumnado de plástica de 4º está  a decorar os exteriores da biblioteca cuns murais sobre o libro e a lectura onde o protagonista é a nosa mascota.                                   

Así mesmo o día 23 de abril, Día do Libro, saíu á luz o noso blog www.osegrel.blogspot.com Neste espacio dixital, aparecen as actividades da nosa biblioteca, recomendacións de lectura (pronto música e cine), direccións de páxinas web interesantes... é unha bitácora ao servizo da comunidade educativa e que pretende ser un punto de encontro e aprendizaxe no que vos animamos a participar cos vosos artigos, as vosas suxestións, os vosos comentarios....

Alguén podería estarse a preguntar, que todo isto para que. Estou convencida de que se ofertamos unha boa biblioteca, unha biblioteca viva e dinamizada, un bo centro de documentación con información variada, equilibrada, actualizada e en múltiples soportes veremos como medra o uso e a necesidade das bibliotecas escolares. Pero non sería xusto rematar este artigo sen amosar o recoñecemento a todos eses compañeiros e compañeiras que, traballando ás veces de xeito illado, pola apatía dos claustros e/ou a incomprensión das direccións, pero sempre recibindo o recoñecemento do alumnado, seguen a manter a ilusión e as ganas de traballar, por seren todos eles os que manteñen o facho das bibliotecas escolares en Galicia   

 

Loly Lago (Coordinadora da  Biblioteca)