parque arqueolóxico

 

O parque arqueolóxico era na época dos romanos unha explotación aurífera de tipo secundario (depósitos nos que o ouro aparece libremente, xa liberado doutras partículas de minerais asociados) cun espesor de aluvión considerable e sobre o cal os romanos empregaron técnicas de explotación de carácter masivo, en concreto as coñecidas como cortas de minado ou ruina montium. 

Esta técnica consistía no abatemento desta masa aluvial por medio da construcción dunha rede de galerías subterráneas para logo soltar grandes cantidades de auga coa finalidade de tirar o monte abaixo. Isto fixo que o terreo quedase escarpado con forma polilobulada e cunha grande concentración de cantos rodados de cuarcita que eran apartados manualmente xa que impedían o discorrer polos canles de decantación nos que se separaba o ouro das demais substancias. Cando apartaban os croios (cantos rodados) máis grandes, o que facían era amontoalos en grandes amoreamentos chamados “muradelas” ou “murias”.

Esta explotación é coñecida como A Finca da Cruz e atópase emprazada na media ladeira dun espigón que penetra no cauce so río Sil obrigado a describir un gran meandro o seu paso por esta zona, a unha altitude de 355m sobre o nivel do mar. Esta explotación na súa orixe era moito máis grande do que se conserva na actualidade xa que se estendía por todo o barrio de San Roque, dende o cemiterio ata o río.

Como característica xeomorfolóxica subliñar que este xacemento está formado por masas de aluvión consolidado de cor vermello con presenza de limos finos mesturados con cantos rodados de distinto tamaño depositados polo río na era terciaria.

Na actualidade o que podemos observar desta explotación aurífera da época dos romanos son varios frontes de explotación así como unha grande cantidade de amoramentos de cantos rodados que delatan esta actividade económica baseada no beneficio do ouro.

Hoxe en día do conxunto desta explotación aurífera únicamente se conserva unha pequena parte xa que o resto foi ocupado durante o século XX por diversas edificacións así como polo cemiterio da parroquia de San Mauro de O Barco.

Como curiosidades dicir que esta finca, que hoxe en día é coñecida como A Finca da Cruz pero moitos dos vecinos do barrio de San Roque coñécena como a Finca da Pega cuxo antigo propietario pertencía á familia dos Gurriarán de O Barco e nela tiña unha cova de viño escavada na rocha e un pequeño edificio destinado a polvorín.