Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Deportes: o Racing

DEPORTES

DEPORTES

CrónicasdoRacing

Historia, pasado e presente do Clube mais coñecido da comarca de Ferrolterra, e un dos máis importantes de Galicia, relatada por un alumno de segundo de bacharelato.

A  comezos do século XX, agrupábanse en Ferrol unha serie de equipos de fútbol  que xogaban en campionatos locais, ningún destacaba pola súa importancia mais aló da cidade, algúns destes equipos eran: o Giralda, o Alfonso XIII, o Ferrol Arenas, Jaime I ...

 

     Moitos pensaban que Ferrol precisaba dun equipo máis importante que se puidese comparar con equipos xa consolidados en Galicia como o Celta, Pontevedra, ou o Coruña. Por iso o 17 de abril de 1917 fusionáronse o Jaime I e o Giralda, formando así o que chegaría a ser un dos equipos mais importantes de Galicia, o Racing de Ferrol.

 

     Pronto o Racing converteríase no equipo máis importante da cidade e comezaría a ter sona en toda Galicia.

 

     O 29 de maio de 1921, inaugurouse o histórico campo do Inferniño, onde o Racing tivo múltiples momentos de gloria, posteriormente o campo sería bautizado como "Manuel Rivera"

 

     Na tempada 28/29, o Racing proclamouse campión galego, cun emocionante duelo có Coruña ata o final, que rematou cun 1-0 a prol dos departamentais no último partido. Grazas a este título, o Racing xogou o campionato de España, e incorporou ó seu escudo a cruz de Santiago.

 

     No ano 1939, despois de eliminar ó Coruña, á Real Sociedade e ó Oriamendi, o Racing chegou á final da Copa de España (o que agora é a Copa do Rei). Enfrontouse en Montjuich e ante uns 60.000 afeccionados ó Sevilla. Foi unha emocionante final na que os nervios e os erros puntuais decidiron o marcador que rematou cun 6-2 a prol dos sevillistas. A final con máis goles na historia da copa.

 

     Na súa historia o Racing recolleu grandes resultados, ante equipos coma o Real Madrid nunha eliminatoria de copa no ano 46, na que o Racing venceu por 2-1, ou coma o Barcelona ó que derrotou por 2-7 no ano 1927.

 

    Polo Racing tamén pasaron grandes xogadores como Manuel Rivera, que foi un dos mellores xogadores da súa época, ou Marcelino, o famoso xogador que marcou o gol da vitoria na final da Eurocopa do ano 1964, que enfrontaba a España contra a U.R.S.S. Recentemente tamén pasaron vellos mitos do fútbol polo club ferrolán, como por exemplo Angel Cuéllar, que xogou no Betis e no Barça e tamén foi internacional. Ou futuras promesas que nos ten deparadas o fútbol coma o xa famoso Ikechuku Uche, que é pretendido por moitos equipos de primeira, ou Mario Bermejo, que é o derradeiro pichichi da segunda división, e, sen dúbida, un dos mellores xogadores que vin xogando coa camisola do Racing.

 

 

     O Racing pódese caracterizar por ser un equipo ascensor, xa que nos seus longos anos, pasouse ascendendo e descendendo de categoría multitude de veces, incluso chegou a xogar algunha promoción de ascenso á primeira división. Nunha das divisións que mais estivo foi na segunda. Na actualidade é o segundo equipo con máis temporadas en segunda da historia, só superado polo Eibar en dúas campañas. Nos últimos anos, o Racing viviu dous ascensos a segunda (2000 e 2004), categoría á que aínda pertence, e espero que siga pertencendo durante moito tempo, a non ser que ascendamos a primeira, claro está.

 

     En 1993, inaugurouse o que aínda é o estadio do Racing "A Malata", un estadio moderno e con boas instalacións, cunha capacidade para 12.000 seareiros, aínda que poucas veces chegou a albergar a tantos.

 

     Actualmente o Racing conta cuns 3.500 socios e cada domingo á Malata asistimos pouco máis de 4.000 fieis. Pero, iso si, eses 4.000 van estea o equipo en  segunda, en Segunda-b, ou en rexional, porque os que somos Racinguistas sómolo para toda a vida.

 

     Para esta tempada adquiriu un bo cadro. Unhas boas fichaxes de verán danlle seguridade na defensa e potencia no ataque. Aínda que isto non sirva nin para estar na zona media da clasificación. Disto teñen boa culpa, na miña opinión, os adestradores Xoán e Xosé Veiga. Non dubido que sexan bos adestradores, coma xa demostraron na primeira volta da tempada pasada, pero é que esta campaña non dan unha, ademais de xogar mal, teñen unha mentalidade defensiva excesiva que os leva a ser un dos equipos que máis empates leva de segunda. Nalgún partido chegaron a poñer ata a oito xogadores de carácter defensivo. Teñen un planeamento de partido que acumula á xente atrás e que sae ó contragolpe. O único que fan e que se molesten uns xogadores a outros estando perdidos no campo. Aparte disto, non levan nunca a iniciativa do partido. Deixan xogar ó rival como quere e non debería ser así, e menos cando xoga na casa. Espero que cambie pronto, xa que se non complicaríase a permanencia e o Racing ten equipo para estar perfectamente na zona media-alta da clasificación.

 

     Non quero rematar estas liñas sen antes facer un chamamento a toda Ferrolterra para que cada domingo vaia a apoiar ó Racing á Malata. Animádevos e ide ver ó voso equipo, que aínda que a algúns lles pese é o terceiro equipo de Galicia

¡¡¡ AUPA RACING !!!

 

 

Bruno Santiago Aneiros             2º Bachiller A