A fins do século XIX o presidente Domingo F. Sarmiento impulsa unha reforma pedagóxica inspirada nos principios da escola moderna europea e norteamericana, que se centra no respecto ao alumno para que sexa a base dunha nova sociedade, democrática, de progreso social e benestar. Un aspecto fundamental desta reforma é a importancia que se lle dá ao edificio escolar. A arquitectura do edificio escolar está posta ao servicio dun ideal pedagóxico: ensina ao neno o importante que é a súa educación para a sociedade. É a primeira e inesquecible lección que recibe o alumnado ao chegar a unha escola instalada nos mellores e máis importantes edificios da comunidade, con fachadas monumentais, amplos corredores, escalas de mármore con varandas de bronce, aulas espaciosas, amplas fiestras, patios cubertos e abertos, xardín... A educación enténdese como formación de cidadáns conscientes e como creadora de benestar, atendendo non só a formación intelectual senón tamén a física e emocional. A calidade do mobiliario, adecuado aos nenos e nenas e o bo equipamento escolar, axudan na transmisión destas mensaxes educativas con máis eficacia que as leccións maxistrais. Procúrase que haxa un espacio axeitado para cada actividade, acondicionado de forma que axude ao alumnado a comportarse de acordo coa súa función, de tal xeito que un salón de actos debe ter a forma e a decoración adecuadas ás cerimonias, mentres que o patio debe ser un espacio para o xogo; estes contrastes lle facilitaran aprender a gozar da súa liberdade, da súa autonomía de vontade, do seu autodominio. Estes valores constructivos son aínda hoxe plenamente vixentes e unha das súas principais leccións é que: "Os edificios con historia teñen un valor engadido que é de gran utilidade para a educación. Unha escola con aulas polas que pasaron varias xeracións é unha escola poboada de significados". Gustavo A. Brandariz: "El pensamiento sarmientino en la arquitectura escolar" 1997 |