O proxecto do edificio da escola americana foi realizado polo arquitecto vigués Jacobo Esténs Romero, titulado pola Escola de Arquitectura de Madrid en 1905. Trátase dunha obra clásica que atende aos postulados hixienistas da época para a educación integral. É a arquitectura entendida como necesidade e satisfacción
O edificio está sobre un terreo san, permeable, cunha elevación dun metro respecto da estrada e rodeado dun xardín tal e como establecen os preceptos hixiénicos da época. Consta dun pavillón central de planta baixa e piso e dous laterais de planta baixa, formando unha U arredor dun patio ou claustro, disposición que obedece á idea de panóptico, control visual do recinto dende un punto. A comunicación dos tres pavillóns entre si efectúase por medio dunha galería aberta que percorre o contorno do patio. Na parte aberta deste último e a carón dos pavillóns laterais hai dous pequenos pavillóns de servicios que se conectan entre si baixo un alpendre sobre columnas de fundición.
A disposición simétrica do conxunto tradúcese no alzado principal, con grandes fiestras separadas por pilastras de cantería na súa parte central e combinando esquinais do mesmo material con panos caleados nas laterais. No remate superior da parte central hai un pequeno frontispicio para por as siglas da sociedade promotora.
Hai que destacar como elemento moi característico do edificio, ademáis da fachada, os remates dos muros piñóns con rectángulos escalados, solución moi usada para ocultar o pico do tellado que de verse, sería demasiado rústico, "impropio" dun edificio institucional. O resultado é unha fachada sinxela pero moderna, singular e dunha certa prestancia, acorde coa finalidade do edificio.
Os locais destinados a aulas e talleres están nas naves laterais, así coma os locais para gardar a roupa, os retretes e as duchas. A cociña e a despensa sitúanse nos pavillóns de servicios.
Na planta baixa do pavillón central están, ademáis da entrada principal os locais destinados á dirección, á enfermería, sala de profesores e maternidade. Nos laterais deste pavillón central están tamén a biblioteca e un gabinete de física e química así coma un museo de historia natural.
Por último, no piso do pavillón central ao que se accede por una escala dende a planta baixa, disponse unha vivenda para o director. |