
Linterna de proxeccións

Balanza hidrostática

Prensa de Pascal

Botella de Leyden |
|
Ademais da biblioteca e talleres un espacio destacado e gratamente recordado polos alumnos era o Gabinete de Física, Química e Historia Natural.
Lamentablemente a escola actual non conserva nada do abundante material de laboratorio que nel había. Facémonos unha idea de como era polas testemuñas recollidas e polo inventario que se fixo no ano 1946.
O equipamento excepcional e uso do Gabinete estaba acorde cos métodos pedagóxicos da Escola: ensino racional, sen moldes ríxidos, con clases prácticas e vivas nas que os alumnos e alumnas pensan, falan e discuten, manipulando os aparellos, medindo lonxitudes, áreas e volumes, observando ó microscopio, facendo herbarios, prácticas de física, de química, ...
A maioría dos modernos instrumentos foron adquiridos en París, feito habitual nesa época nas escolas americanas. Había máis de 40 instrumentos para o estudio dos líquidos e gases, da electricidade, neumática, termoloxía, dilatación, óptica; balanzas, material de vidro para química, coleccións de insectos, bolboretas, minerais, animais desecados, o famoso esqueleto humano (procedente dun cadáver real; os alumnos tocábano para "perderlle o medo"), o microscopio, o equipo de proxeccións e clichés ...
No Gabinete de Física funcionou tamén un laboratorio de fotografía creado no ano 1916, no que os alumnos e alumnas revelaban as súas fotos feitas coa cámara da propia escola.
E había tamén unha estación meteorolóxica cunha garita de madeira, termómetros e pluviómetro subministrados polo Observatorio Central Meteorolóxico, ó cal se lle enviaban os datos recollidos polos alumnos e polo profesor encargado. É curioso facer notar como a historia se repite, xa que desde o ano 1987 hai na actual escola outra estación meteorolóxica oficial do Instituto Nacional de Meteoroloxía cun profesor encargado que envía os datos recollidos a dito organismo.
Información e material gráfico elaborado por Salvador. Rodríguez Muñoz (Seminario de Ciencias do IES "Escolas Proval")

Microscopio |