A importancia da educación como base do progreso da sociedade é unha idea moi estendida entre as minorías políticas e intelectuais da España liberal do século XIX. Coa Lei Moyano de 1857, a enseñanza pasaba a ser unha cuestión de Estado e nela establecíase que o ensino primario debía chegar a tódolos cidadáns.
A principios do século XX distintas iniciativas, unhas públicas (creación do Ministerio de Instrucción Pública) outras privadas (Institución Libre de Enseñanza, Escola Moderna e Escola Nova) trataron de dar un novo pulo a unha escola para todos e popular; esta obra tivo unha importante repercusión nos ámbitos burgueses e urbanos, aínda que cunha gran discriminación para as nenas, pero o mundo rural, maioritario daquela, quedou á marxe.
En Galicia nas primeiras décadas do século XX máis da metade da poboación era analfabeta. No mundo rural o ensino elemental cubríase, na súa maior parte, coas chamadas "escolas de ferrado", en lugares mal acondicionados nos que mestres, pozo ou nada cualificados, impartían coñecementos moi rudimentarios (ler, escribir, facer contas e algo de relixión). As escolas eran mantidas polos pais e a falta de asistencia dos nenos á clase era a norma ante a indiferencia das autoridades. Estas carencias educativas, foron sempre sinaladas polos nosos intelectuais como un dos maiores obstáculos para o desenvolvemento social e cultural de Galicia
A situación do Val Miñor a principios do século XX
A principios do século no Val Miñor había moita pobreza. O campo producía pouco e a maioría da xente tiña que emigrar. A incultura e o analfabetismo empeoraban a situación. (Alejandra Prado Vidal e Jorge García Pascual de 3º B de ESO)
O ensino non era moi bo. Unha parte dos mestres non tiñan máis estudios que saber ler, escribir e doutrina. Os mestres tiñan condicións de traballo moi duras. Cobraban pouco e con atraso. Os nosos vellos tiñan un dito: "pasar máis fame que un mestre de escola". A pesar disto algúns facían un bo traballo, outros en cambio desanimábanse e non traballaban ben. (Alejandra Prado Vidal)
Os nenos non asistían á clase por mor de que tiñan que axudar aos pais nas labores do campo. O mal tempo impedíalle aos nenos pobres ir á escola por que non tiñan roupas nin zapatos apropiados para os días de frío e chuvia e tiñan medo de enfermar. Aínda por riba os profesores non os apoiaban e motivaban. (Alejandra Prado Vidal e Jorge García Pascual)
Os locais onde se daba a clase tiñan unhas condicións lamentables: moitas veces o chan era de terra e cando chovía entraba auga. Os nenos estaban sentados en bancos colectivos en lugar de pupitres individuais e carecían de materiais axeitados. No mesmo local impartían clase a distintos niveis. ( Alejandra Prado Vidal e Jorge García Pascual)
Os métodos de ensino eran moi deficientes. Aprendían a ler e algunhas cousas máis relacionadas coa igrexa. O método de estudio consistía en ler o que puña o libro, chapalo para sabelo de memoria e máis nada, entenderas ou no. A escola estaba desconectada da realidade e da sociedade que a rodeaba. ( Jorge García Pascual) |