 Escola de Artes aplicadas e Oficios Artísticos (actual Universidade Popular) en Vigo. Obra doado polo filántropo ourensán José García Barbón y Solá en 1904  Instituto Sta. Irene en Vigo, construído polo Concello de vigo en 1946 co legado do filántropo marinense José Policarpo Sanz  Escola mixta promovida en 1930 pola sociedade "Hijos del ayuntamiento de Mos" na parroquia de Tameiga  Colexio-instituto Sta. María de Cée (A Coruña) doado polo filántropo Fernando Blanco de Lema en 1886   Escola de nenas de Cée (A Coruña). Doazón de Fernando Blanco de Lema en 1887. Na actualidade é a sede do museo da fundación do mesmo nome  Interior do museo de Fernando Blanco de Lema que conta cunha importante colección de material didáctico procedente do Instituto Sta. María |
|
A acción dos emigrantes sobre a realidade educativa galega tomou diversas formas, nuns casos tratouse de axudar ás escolas públicas ou privadas existentes e noutros, creáronse escolas novas; estas, máis de 300, tiveron unha gran pegada no noso país, transformando o panorama sociocultural de moitas comarcas. Como o tema é moi extenso eliximos dous exemplos desta inmensa obra, que aínda que teñen elementos comúns, en tanto obra de emigrantes e con semellanzas no proxecto educativo, amosan tamén contrastes xa que foron construídas en momentos distintos, con recursos e orientacións diversas. A escola Fernando Blanco de Cee
A escola Fernando Blanco de Cee foi unha das primeira que se realizaron en Galicia xa que a súa construcción rematou no ano 1884. Foi financiada co xeneroso legado dun emigrante enriquecido en Cuba, Fernando Blanco de Lema (1796-1875). Os grandes recursos dos que dispuña póñense de manifesto na grandiosidade do edificio e do xardín botánico que a rodea, na dotación material en instrumental científico e didáctico, na gran biblioteca e nunha importante colección de pintura na que destacan oito cadros do pintor Madrazo. O seu programa combinaba unha educación humanista e científica con materias prácticas para o desenvolvemento económico da comarca. A preocupación por atender ás necesidades do entorno fixo que en 1887 se instalase no Colexio a primeira estación telefónica interurbana e que nos momentos de crise sanitaria, como a virose de 1888 ou as febres tifoides anos despois, xogase un importante papel proporcionando ós médicos os medios para loitar contra estas enfermidades, promovendo campañas gratuítas de vacinación e educación sanitaria. Os seus regulamentos reflicten actitudes pedagóxicas modernas, organizando tamén campañas de alfabetización para os traballadores. As escolas da Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais
As escolas das Sociedades de emigrantes de Lalín,(Unión del Partido de Lalín) Bandeira, ( Sociedade Pro Escuela en Bandeira) e Tomiño (Aurora del Porvenir Pro Instrucción), construídas na provincia de Pontevedra nos anos 20 do pasado século, baixo a supervisión do mestre e pedagogo Antón Alonso Ríos, son fillas dunha época e dunha mentalidade que lles da uns sinais de identidade diferenciados. Con moitos menos recursos que as anteriores (Fernando Blanco ou Proval) viron limitados o seu equipamento e tamén as súas posibilidades para actividades, talleres, laboratorios etc.. Non se trataba neste caso dunha gran escola con moitos profesores e unha organización xerárquica dirixida pola figura do Director, senón de escolas máis pequenas cun mestre que se coordina nunha estructura máis horizontal. Os principios pedagóxicos son semellantes aos xa vistos nas outras escolas: centrada no neno, racional, laica, graduada, con influencias da escola arxentina máis progresista e das correntes radicais da pedagoxía española. Caracterízanse por un maior compromiso co país no que están implantadas, que se manifesta na defensa do galego como vehículo de comunicación. Este compromiso supúxolles que ca chegada do franquismo se desatara contra os seus mestres unha forte represión, sendo boa mostra o caso do propio Alonso Ríos que tivo que fuxir polos montes ata chegar ao exilio. |