  Placas conmemorativas da subscripción "Pro-vida Propia" realizada a principios dos anos trinta que, lamentablemente non coseguiría o obxectivo de evitar o peche das Escolas por motivos económicos no ano 1934 |
|
Os promotores: a Sociedade Hispano Americana pro Valle Miñor |
| |
O 5 de Xaneiro de 1905 queda constituída na arxentina a "Unión Hispano- Americana Pro Valle Miñor" por un grupo de emigrantes dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar. Aínda que algúns dos fundadores da Sociedade eran republicanos, evitaron unha definición política clara para abrirse a todo o colectivo emigrante, independentemente da súa ideoloxía. Poderíamos sinalar, nembargantes, que nas actuacións da Sociedade hai un estilo próximo á corrente do liberalismo democrático; boa mostra deste espírito é que no Centenario da Constitución de Cádiz, no 1912, a institución enviou unha placa conmemorativa en nome dos "españoles del Valle Miñor (Argentina), que hoxe está exposta na fachada do edificio gaditano onde se reuniron as Cortes que elaboraron a Constitución.
No Boletín que a U.H.A.V.M. publicaba, póñense de manifesto as inquedanzas intelectuais da Sociedade e a grande variedade de autores que nel colaboran, fálannos da súa mentalidade aberta as correntes de pensamento da súa época. Podemos citar: ...."Homes do seu tempo, enraizados nunha sociedade, a arxentina, cosmopolita, moderna, urbana e progresista, non esqueceron as súas raíces e tentaron construír unha ponte entre as dúas culturas, a galega e a americana. Ares de Parga recoñece con orgullo a capacidade dos seus coterraneos por transformar en positivo as propias carencias persoais...mediante a organización colectiva, en obras de inmensa significación altruísta" ...( Malheiro) Ó iniciar a súa andaina a Sociedade establece como obxectivo prioritario promover a educación, construíndo unha escola que ademais de rexenerar e impulsar o progreso da comarca, servira para preparar aos nenos e nenas para que puideran desempeñar oficios dignos na emigración. Contou cunha Comisión Directiva formada polos promotores na Arxentina e un Consello de Administración no Val Miñor, que supervisaba e informaba periodicamente da marcha da escola. A Asociación chegou a ter máis de 600 socios, todos eles aportaron as súas cotas e o seu apoio nesta empresa e con todos eles temos unha débeda de gratitude. |
 Manuel Lago Lemos  Gumersindo Busto  Manuel Losada Carrera |
|
Algúns membros da U.H.A.V.M. destacados polo seu papel dirixente o pola importancia da súa achega:
Manuel Lago Lemos (Mallón Nigrán 1875 - Mendoza -Arxentina- 1946). Fixo a súa fortuna na Arxentina coa producción de viños. Foi un dos principais impulsores da creación e sostemento das Escolas Americanas Val Miñor, ás que visitou en diferentes ocasións. Presidiu a Comisión Directiva durante varios anos. En 1932 iniciou a campaña "Pro Vida Propia" co fin de conseguir fondos para poder manter a escola. Non foi posible. Ademais do seu traballo a prol da Escola interveu na construcción do mercado de abastos da Ramallosa e favoreceu o proxecto de converter a zona de Lourido nunha estación de veraneo. O Seu irmán Laurano colaborou con il en todo, presidindo a súa vez a Comisión algúns anos. Gumersindo Busto (Santiago 1872 - Bos Aires 1937). Estudiou dereito en Montevideo e exerceu de escribano en Bos Aires durante toda a súa vida. Foi o artífice da Biblioteca América, " para espallar en España a cultura americana e cooperar na confraternidade dos nosos pobos de común orixe" . Nun primeiro momento pensou instalala nas Escolas Proval pero finalmente decidiuse por Santiago, por ser esta cidade o centro universitario galego. Inaugurouse no 1926. Colaborou moito co noso centro, sendo o responsable da importante biblioteca que este posuía. Membro da Academia Galega e da de Historia de América de Bos Aires foi socio de honor do Centro Galego desa cidade.
Manuel Losada Carrera . De Gondomar. Fixo a súa fortuna na Arxentina. Promotor das Escolas, foi membro da Comisión Directiva da Sociedade. No 1918 custeou tamén unha escola en Gondomar cun resultado que non lle satisfixo. Interveu na constitución da Sociedade de Tranvías de Vigo. Dou cartos para a construcción do camiño de Gondomar a Couso e a praza de abastos, ademais do reloxo da torre do Concello. González Paglieri. Médico. Presidente da Sociedade nos primeiros anos, foi nomeado fillo adoptivo da Sociedade. Laureano Pérez Rouco. Panxón 1891. Gran colaborador da U.H.A.V.M., xogou na comarca un importante papel impulsando a Sociedade "Círculo Social dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán", da que foi presidente dende os anos 40. Manuel Salgueiro. Gondomar 1842 - Bos Aires 1912. Destacou como un gran benfeitor, sempre preocupado polos desfavorecidos. Foi o primeiro presidente da Sociedade e impulsou na nosa escola a sección de talleres. |