A Escola Americana de Proval: un Monumento Vivo

Páxina Principal

A escola na Arxentina

A escola en España

A situación en Galicia

A U.H.A.V.M.

O edificio da Escola

Ignacio Ares de Parga

Como eran as Escolas

O gabinete de FQ

Visitantes ilustres

Outras escolas

As Escolas no Franquismo

A Escola actual (I)

A Escola actual (II)

Bibliografía

Ignacio Ares de Parga: pedagogo

 

Ignacio Ares de Parga: o pedagogo de Proval

Ares de Parga na escola de nenos (arriba) e de nenas (abaixo)

Fotografias cedidas por cortesía de A. Bouzó do Instituto de Estudios Miñoranos (IEM)

 

Na obra das Sociedades americanas de emigrantes galegos xogaron un importante papel algúns pedagogos, homes de gran valía intelectual que orientaron e marcaron as pautas a desenvolver nas escolas de emigrantes. Neste labor destacou Ares de Parga.

O ourensán Ignacio Ares de Parga (1865-1922), matemático e pedagogo, estudiou na Institución Libre de Enseñanza, onde coñeceu e fixo amizade con Giner de los Ríos. Republicano e galeguista, emigrou á Arxentina no ano 1855, onde traballou como catedrático de matemáticas superiores e promoveu campañas de alfabetización de adultos e obreiros. Participou activamente nos círculos galegos, organizando o plan de estudios da Casa de Galicia e na fundación do Banco de Galicia. Moi vencellado ás Escolas Proval, valoraba en moito os esforzos dos emigrantes como dí o profesor Malheiro: "recoñece con orgullo a capacidade dos seus coterráneos por transformar en positivo as propias carencias persoais...mediante a organización colectiva en obras de inmensa significación altruísta"

Ares de Parga e as Escolas Proval

No que se refire á nosa escola, participou no deseño do seu proxecto pedagóxico e dirixiu durante anos o seu Boletín e visitounos nalgunha ocasión. O tipo de escola que defendía era:

Unha escola comprendida como instrumento emancipador do pobo, capaz de garantir o benestar xeral da sociedade, inspirada nas concepcións máis progresistas do modelo arxentino.

Unha escola antiautoritaria; neste senso é moi crítico cos sistemas de premios e castigos que incentivan, uns a envexa , outros a hipocresía.

Unha escola laica, neutral respecto do feito relixioso.

Unha escola favorecedora da creatividade e da iniciativa individual do alumnado. Está en contra dos exames, é partidario dunha avaliación continua e integral.

Unha escola impulsora dunha educación que atenda ademáis dos aspectos intelectuais, á educación física, moral e de tódolos coñecementos, como os profesionais, que favorezan a integración dos nenos e nenas na cultura e na sociedade na que viven.

Unha escola práctica e intuitiva, baseada na experimentación, en contacto coa realidade que a rodea e sobre a que se proxecta.

En resume, citamos ao profesor Malheiro: "preconizou unha educación integral, racional, neutral, positiva e utilitaria, na que a escola había semellar un laboratorio de acción persoal constante nun clima de tolerancia e liberdade. As orientacións do seu modelo escolar renden culto á verdade e á xustiza, e forman un estado social en plena conciencia de vida democrática coincidindo co modelo arxentino. (...) E estas orientacións, froito da reflexión e da praxe educativa hai agora case un século, seguen a estar completamente vixentes na actualidade"

Información extraída de X. M. Malheiro Gutiérrez. Tese de doutoramento: "Mobilización societaria, correntes de pensamento e escolas de emigrantes en Galicia durante o primeiro tercio do século XX: o protagonismo de Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Rios" Univ. de Santiago. Setembro 2003