A Escola Americana de Proval: un Monumento Vivo

Páxina Principal

A escola na Arxentina

A escola en España

A situación en Galicia

A U.H.A.V.M.

O edificio da Escola

Ignacio Ares de Parga

Como eran as Escolas

O gabinete de FQ

Visitantes ilustres

Outras escolas

As Escolas no Franquismo

A Escola actual (I)

A Escola actual (II)

Bibliografía

As Escolas Proval no franquismo

 

No balcón, vestidas de falanxistas

1946: alumnos e alumnas que se preparaban por libre para o bacharelato, no claustro de Proval

 

Alumnas e alumnos da escola unitaria cos mestres

 

D. Luís Mouriño e dona Sara Fernández, mestres das escolas unitarias de Proval nos anos 1951 a 1969

 

Durante a Dictadura vaise producir a desaparición de todo o equipamento e dotacións cos que, tan xenerosamente, os nosos emigrantes quixeron dotar ás escolas, e o que é máis grave, vaise rexeitar o espírito educativo que representaban. O edificio, agás curtos períodos de tempo é utilizado pola Falanxe e algo máis tarde, compartindo espacio, por dúas unidades da escola pública.

Villa Laura: a Sección Feminina nas Escolas Proval.

A Falanxe creou no ano 34 unha organización, a Sección Feminina, co fin de adoutrinar ás mulleres. Inspirada no tradicionalismo católico, o modelo que defende é o da muller pasiva, submisa, orientada a ser nai e esposa, sometida sempre a autoridade do varón, polo tanto a educación que promove está orientada a formar boas amas de casa (costura, cociña, puericultura...), moi relixiosas e transmisoras dos valores tradicionais. A presencia da Sección Feminina nas Escolas Proval que comeza xa durante os anos finais da guerra e dura ata os 70, limítase aos veráns.

Mostra da importancia que lle daban a formación relixiosa das nenas é que preparaban un aula como capela, onde se impartía misa a diario entoándose cánticos gregorianos. A Falanxe ocupouse do mantemento do edificio e cando deixaron de utilizalo sufriu un rápido deterioro.

Organizaban cursos que eran obrigatorios para as xoves que querían ser mestras e funcionarias, e tamén campamentos de verán para as nenas, que agás os primeiros anos, viñan de toda España; era unha maneira barata de "ir a praia". No campamento a xornada comezaba "izando a bandeira" mestras se cantaba o himno da Falanxe (o "Cara al sol"), a continuación dedicaban parte da xornada a realizar exercicios ximnásticos, facíase teatro lido e xogos nos "lumes de campamento"; os domingos ían á praia no tranvía e organizábanse excursións (no ano 61 foron a Porto).

A Escola Nacional.

A chegada da Dictadura cortou de raíz os esforzos que a República e as sociedades de emigrantes (en Galicia), fixeron para pular unha educación emancipadora, que fora un instrumento ao servicio do progreso e da modernización do país. Sobre o colectivo de mestres republicanos a represión foi implacable.

As escolas, impregnadas dos valores do "nacionalcatolicismo", convertéronse en centros de instrucción en mans de mestres en xeral pouco cualificados e adictos ao Réxime. Organizáronse en aulas segregadas de nenos e nenas, onde se mesturaban diferentes idades e niveis, cun réxime moi autoritario onde a orde e a disciplina, apoiada en castigos, era un obxectivo prioritario. A lingua galega, desprezada, será prohibida nas escolas e os nenos que non falan español son marxinados.

Os mestres completaban os seus escasos salarios impartindo clases particulares, pola tarde ou pola noite, preparando o acceso por libre aos exames de bacharelato, de comercio ou ensinando linguas estranxeiras.

Na nosa escola exerceu D. Luis Mouriño de 1951 a 1969 e a partir deste ano D. Juan Méndez. Funcionaba unha horta escolar da que parte da colleita vendíase e o resto repartíase entre o alumnado.

Nos anos 70 o edificio sofre un gran deterioro e no 77 os mestres e nenos que aquí había trasládanse á escola de Vilariño.