Curso 81-82: xogos na festa do patrón

Curso 82-83: recital de AC&DC en "play-back"

Curso 89-90: marcha cicloturista a Samil

Curso 99-00: teatro e bailes no día da paz


Curso 94-05: marcha a pé a Pontevedra reivindicando un aparcamento para os autobuses


Unha homenaxe a un compañeiro que se foi
Francisco Suárez: " Canario ", profesor no Instituto dende o ano 1981, militante de tódalas causas de transformación social, loitador infatigable. Director no curso 86/87, impulsou moitas actividades no Centro, entre elas a radio e a revista. Deu o seu tempo xenerosamente sempre que foi necesario. " O Canario" morreu en 1988 aos 32 anos.
A memoria é unha ponte,
a última, a definitiva,
unha firme e fermosa ponte,
por ela, seguirás vivo,
ata que remate o noso tempo.
R. P.
|
|
Unha escola con trazos propios
Os anos oitenta, cando se creou a escola, foron anos nos que se completou o proceso da transición democrática, nos que os desexos de liberdade, largamente reprimida na longa noite de pedra do franquismo, puideron realizarse. Os Institutos en xeral, e este en particular, ocupados por un profesorado novo e maioritariamente entusiasta coa súa labor convertéronse en auténticos espacios de liberdade; recollían sen sabelo, a tradición dos fundadores da nosa escola; inspirábanse nas experiencias máis innovadoras e radicais da pedagoxía do momento.
Os programas (case sempre inadecuados e obsoletos), a falta de normativa na organización interna e a necesidade de moitas das autoridades educativas de reconverterse á democracia, favoreceron unha grande liberdade de actuación. O profesorado rexeitou o modelo de instrucción anterior e tratou de impulsar a educación nun ambiente de portas abertas, no que a disciplina, reducida aos mínimos, dera paso á aprendizaxe do autocontrol, da consciencia e o respecto a personalidade propia do alumnado, dos seus límites e das súas posibilidades.
Os que tiveron a "sorte" de ser profesores da FP, atopáronse cun alumnado complexo, con variedade de niveis e actitudes fronte a aprendizaxe. A teima de "programa, programa" foilles allea dende o comezo, había que sacar adiante a uns rapaces e rapazas en xeral desmotivados e, en moitos casos, cunha longa experiencia de fracaso escolar, o que supoñía non só cambios na forma de dar as clases senón tamén, idear actividades que favoreceran a súa integración. Este programa esixía de toda a comunidade educativa un gran esforzo de participación , un "tempo extra" que docentes e non docentes estiveron dispostos a entregar.
Algunhas das actividades máis destacadas foron:
a participación no proxecto "O vídeo na escola" que supuxo un curso de vídeo no Instituto, impartido por profesionais da TV, e que se elaboran varios vídeos polos alumnos
-
a posta en funcionamento dunha radio escolar
-
a publicación dunha revista, "Cianuro", por un grupo de alumnos e profesores
-
a creación dun laboratorio de fotografía
-
a formación dun grupo de teatro (aínda continúa) que montou e representou varias obras, dentro e fora da escola
-
Clases de educación sexual impartidas por persoal cualificado
-
a celebración anual dunha marcha ciclista á praia de Samil
-
numerosas viaxes de un ou varios días dentro e fóra de Galicia (un ano foise a Roma)
-
intercambios con escolas de Portugal
-
campionatos deportivos con gran participación do alumnado
Eran tantas as iniciativas que chegouse a mercar un autobús, operación que amosa ben a importancia que se lle daba a todo este conxunto de actividades.
Hai que subliñar que todo este esforzo non supoñía un abandono da preocupación polo traballo na aula; na Comisión Pedagóxica, (órgano xerado polo profesorado da época e que nada ten que ver coa actual), nas xuntas de departamentos e de titorías, discutíase a cotío sobre metodoloxías, tratamento de conflictos etc. A calidade do ensino e o rigor científico eran obxectivos de primeira orde para o colectivo docente.
Non todo foi fácil, houbo tamén tensións internas (que xeralmente non transcendían ao alumnado) e externas xa que non só "gozaron" da incomprensión e da desvalorización do entorno social, senón que tamén tiveron que afrontar a falta de apoio e a desatención das Administracións. Os problemas ca Delegación déronlles sona de " Instituto conflictivo"; e n moitas ocasións e logo de innumerables xestións reiteradamente ignoradas tiveron que recorrer á presión para poder conseguir o qué reclamaban: fixéronse marchas a Pontevedra cos alumnos e alumnas e cos pais, en autobús... a pé. Íase pola calefacción, polos talleres, polas obras para mellorar o Instituto, polo aparcamento...
Ás veces coa colaboración das autoridades, ás veces sen ela foise conseguindo un espacio digno para seguir traballando, para axudar a construír o futuro. |