Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Microrrelatos ESO

Pagina nueva 1

CATEGORÍA 1º - 2º ESO

Roque Sanfiz Arias, 1ºESO A

Fene á fin. Conseguiu traballo para ASTANO. Dá moita alegría ver saír os barcos pola Ría, as botaduras, e, o mellor de todo, oír tocar a sirena pola mañá e ver entrar as milleiras de almas a traballar, a dar de comer ás súas familias. Ante a demanda de vivendas estanse a construír unhas onde antes estaba Carburos Metálicos. Agora veñen pedidos de todo o mundo. Os empresarios loitan porque o seu barco sexa construído en ASTANO. Este estaleiro é coñecido no mundo enteiro por ser o construtor dos barcos máis grandes do planeta: cargueiros, petroleiros e gaseiros son uns poucos da longa lista deste estaleiro.

Pero houbo un día no que isto foi diferente, un día no que só se vían saír barcos reparados, un día no que sobraban vivendas de traballadores, pois apenas os había, non había botaduras, non tocaba a sirena. Por desgraza, ese día é hoxe.

 

 

Soraya Filgueiras Arnoso, 2ºESO B

OS DINOMAMUTS

Fene á fin. Algún día tiña que pasar...Tiñan que chegar a Fene...os DINOMAMUTS. Será mellor que empece polo principio da historia: estaba na praia, dándome un pequeno mergullo e, de repente, vin un estraño animal. Estaba lonxe e non o vía moi ben, pensei que sería mellor non darlle importancia. Ao marchar da praia notei como alguén me seguía...e pensei, será a miña imaxinación! Cheguei a casa, e na miña habitación, a escuras, sentín moverse algo debaixo da miña cama. Entón saíu un estraño animal... Aínda estando asustada collino e leveino a un veterinario amigo. Díxome que era un animal propio doutros países, e que debía considerarme moi afortunada ao telo, xa que eran moi especiais: eles elixen con quen queren vivir, escollendo só a xente de bos sentimentos. Sentinme moi ben...marchei á casa co dinomamut... Algún día os DINOMAMUTS tiñan que chegar a Fene.


 

Ángela García Pérez, 2ºESO A

SUPERMÁN E AS SÚAS VIAXES

Fene, á fin. Tras dúas semanas aquí estou, intentando volver ao meu mundo.

Comezarei polo principio. Eu son Supermán, si, Supermán. Un día, na sesión das oito da miña película en Polonia, algo estraño sucedeu. De repente, estaba nunha sala con moitas persoas ao meu arredor sentadas e comendo. Saín correndo e, na porta, un home recoñeceume. Levoume para a súa casa a vivir o tempo necesario e explicoumo todo.

Existen dous portais que conectan o mundo do cine co da vida real. Un estaba en Polonia e o outro nun lugar de Galicia, concretamente en Fene. O de Fene servíalle a moitos personaxes perdidos para volver ao seu mundo de fantasía na gran pantalla, mentres que o de Polonia facía ao revés.

Nos dous días seguintes fun ao aeroporto e viaxei ata Fene. Entrei no cine Perla, que estaba a punto de ser derrubado. Acendín o proxector na miña película e aquí estou, entre as butacas preparado para saltar. Grazas, Fene!
 

 

CATEGORÍA 3º - 4º ESO


Icía Sanmartín Novo, 3ºESO A

Fene, ao fin. Estaba cansa. Unha viaxe moi longa, nunca remataba. Só soñaba con volver a Fene, onde nacín, onde vivín... Aquí pasei todos os bos momentos da miña vida, tamén os malos, pero xa non os recordo. De pequena, xogaba no xardín da casa, cos meus xoguetes, co meu can... Cando marchei, todo perdido. De pequena, cando anoitecía e o sol se poñía, un fulgor laranxa reflectía no mar, fermoso, inesquecible. Cando marchei, nada. De pequena, o arrecendo a herba mollada, a flores frescas... mellor que un caro perfume. Cando marchei, só me quedaba o recordo. Dese olor, xa non quedaba nada.

Perfume de Chanel: 68€
Un can de raza: 1700€
Volver á terra de onde un día tiveches que marchar, non ten prezo.

 

Sara Cribeiro Silva, 3ºESO A

AO FIN

Fene ao fin! Tras longas escapadas por sendas infernais, tras fatigosas viaxes por extensos mares, mentres que un incesante vento impedía ver o horizonte; tras pasar meses incomunicado co mundo, ao fin estaba na casa. Entón ata a máis ínfima herba me parecía dunha inmensa importancia. Ao fin chegara. E, cando ao fin me sentía feliz, atrapoume.

 


 

Rocío Malpica Rivas, 3ºESO A

FIN EN FENE

-Fene ao fin, dixo ela con resignación. Estaba núa e miraba pola ventá sen importarlle as veciñas, non lle importaban o que dirán nin o pensarían dela. Xa non lle importaba nada.

Ela espera ata que se ergue, sentada nunha cadeira mirando pola ventá como facía sempre, sempre igual.

El viuna e preguntoulle:
-Que miras?
-O único que se pode ver a través desta ventá de merda: Fene, respondeulle.
-Non te poñas así, síntoo moito. Xa sei que esta casa é unha merda.
Prendeu un pito e abriu a ventá.
-Pero tranquila, hoxe mesmo comezaremos unha nova vida...
Bicáronse e desapareceron na ventá onde sempre, sempre igual se sentaba a miña nai.