Ángela García Pérez
CATEGORÍA
BACHARELATO - CICLOS
Adrián López Canosa, 1ºBAC B
LOBO DE MAR
Fene ao fin. Iso
foi o que dixo aquel vello cabrón ó chegar ó noso pobo. Seguiuno unha leria
sobre o seu querido fogar e demais historias. Merda. Ese carcamal do carallo
pasou toda a vida fóra da casa e chega agora dicindo que me quere moito e que
quere recuperarme. Fillo de puta! Nunca imaxinei que este home ía volver. Non o
fixo cando a miña nai morreu, non, fíxoo agora que quedou sen un peso e non ten
onde caer morto.
Chorei si, pero ese tipo non pisaría a miña casa. El tamén chorou, suplicoume,
mesmo me dixo que marcharía para sempre se iso era o que eu quería, pero que
primeiro o escoitara. Non o fixen. Unha semana despois apareceu morto nun
accidente. Morreu afogado. Trataba de volver a pescar, segundo escoitei. Vello
tolo. No barco encontraron unha nota que poñía “Oxalá me escoitases”.
Debín facelo.
Noelia González Albariño, 1ºBAC C
Fene ao fin se
albiscaba na efémera liña que se produce no solpor, cando os últimos raios do
sol acarician a superficie da terra, dando paso á noite.
Os meus ollos
chispearon de felicidade durante unha fracción de segundo; o tempo que tardou en
invadirnos un sentimento de nostalxia ao pensar nos compañeiros que xa non
estaban, que loitaron con nós ombro con ombro, compartindo unha mesma suor,
defendendo un ideal común...
Pero este
sentimento axiña se substituíu por un máis forte e arraigado... a ledicia de
volver de novo, ao meu fogar.

Marta Yáñez Lamas, 1ºBAC C
OS CAMBIOS NUNCA VEÑEN MAL
Fene, ao fin, un
pobo coma outros, cos mesmos bares, as mesmas tendas…sempre o mesmo! Non estaría
ben facer cambios cada día? O luns ao saír á rúa ver unha cidade con rañaceos e
coches de luxo pola rúa. O martes érgome un pouco cansa e vexo un pobo con dúas
casiñas e vacas na miña porta…O mércores non hai nada, mellor quedar na cama. O
xoves, unha parada de metro diante da casa e ir ao instituto nel. E o venres,
sábado e domingo a miña rúa é unha zona de pubs e centros comerciais. Pero hoxe,
luns, o meu pobo é coma tódolos días, Fene, ao fin
…
Tamara Santamariña Sanmartín, 1ºBAC A
Fene ao fin!
Recordos da bágoa salgada que cae sobre os pétalos dunha rosa espiñenta. Diáfana
voz que me toca e leva de volta. Recordos dun futuro coñecido que nunca vivín.
Xuntos ámbolos dous camiñando sobre as tormentas do tempo.
-Fene ao fin!,
disme.
Eu respondo: -Si,
Fene ao fin!
|