
|
Estamos novamente a voltas co Ronsel do Paroleiro,
revistiña que tiramos dende hai nove anos entre os Equipos de
Normalización Lingüística do IES de Fene e do CIFP de Fene.
Queremos, ante todo, agradecer todas as colaboracións de todo o persoal
destas Comunidades Educativas, aínda que, se nos permitides, queremos
mandar unha chiscadela especial ao alumnado de adultos, que este ano se
apuntou dun xeito entusiasta a aparecer neste número.
Nesta edición, como noutras, facemos unha pequena
escolma das numerosas actividades que se levan a cabo en calquera centro
educativo como os nosos. Pero ollo, non pensedes que están as mellores,
nin as favoritas. Só é unha mostra, como poderían aparecer outras cousas
totalmente distintas.
Por último, deixádenos expresar o desexo de que o
ano que vén podamos continuar realizando esta revista e outras
actividades relacionadas coa normalización lingüística porque os
anuncios de pasos atrás que pretende dar a nova Administración Educativa
neste terreo fainos pensar nun futuro moi incerto e carregado de
polémica.
Agardamos que a cordura e o sentido común volvan a
poñerse de manifesto e todos os poderes públicos se poñan de acordo
dunha vez en que coa nosa lingua, que é de todos, non se debe facer
política.
|