Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: O Pazo de Barallobre

O Pazo de Barallobre

Este noso instituto é un edificio cheo de inocentes estudantes con intencións de aprobar e malvados mestres con perversos exames

Este noso instituto é un edificio cheo de inocentes estudantes con intencións de aprobar e malvados mestres con perversos exames. Pero antes de todo isto houbo un día no que estas terras escolares foron habitadas polo señoritos do pazo de Barallobre, que chamaban a atención cos seus elegantes vestidosdegala no día do patrón e aínda que a relación coa igrexa non era sempre boa, contaban con bancos reservados na igrexa e tiñan dereitos a elixir ó párroco de Barallobre.

Segundo Arias e Sanfiz, o pazo de Barallobre foi construido no ano 1591 por Fernando Lago e Obaña, que deixou como herdeiro o seu sobriño, Lanzarote de Lago, un Crego que fundou a capela do Bon Xesús en 1648. A partir de aquí o pazo foi herdado por diversos persoeiros entre os que destacaremos como curiosidade a Juana Márquez, quen ó enviuvar quedou co pazo no que vivía nas tempadas estivais, xa que o inverno o pasaba na Coruña. Foi nesta cidade na que dona Juana exerceu como benefactora dun hospicio, e mesmo lle puxo o apelido “Barallobre” a moitos orfos.

O último propietario do pazo foi Juan Jaspe que morreu sen descendencia a principios do século XX, deixando como herdeiro a un afillado que vendeu a propiedade. Esta contaba cunha horta con gran variedade de froitas e árbores exóticas chegadas de diversos puntos do planeta.

Co paso do tempo e o abandono, o pazo acadou un aspecto ruinoso que provocou o seu derrubamento do que soamente sobreviviría o escudo dos propietarios do pazo e a árbore centenaria que hoxe forman parte do noso instituto.

 

Para saber máis sobre o pazo consultamos ós nosos maiores, e aquí tedes unha mostra:

·Entrevista a Carmen Pedreiras (veciña de Barallobre)

¿Como era a vida no pazo?

Era xente que se adicaba á labranza.

¿Quen foron os últimos inquilinos do pazo?

Foi unha familia numerosa. Traballaban en ASTANO e tiñan diversos oficios, entre eles fotógrafos, escaiolistas, etc.

¿Que relación tiñan os veciños de Barallobre coa xente do pazo?

Relacionábanse dunha forma cordial, algo normal.

¿Coñeces a alguén que vivise no pazo?

Si, hai numerosos veciños hoxe en día en Barallobre que viviron de novos no pazo.

Os últimos anos de vida do pazo….

Comprouno un cubano dunha familia que vivía alí.

¿Qué facía a xente nova no pazo?

Os nenos ían xogar a un xardín que había dentro do pazo, e os rapaces xa máis maiores íamos alí mocear.

¿Había algo no pazo que che chamase en especial a atención?

Si, na capela, había unha guillotina e obxectos para castigar.

 

Vista do Pazo na que aparece o piñeiro que aínda existe.

 

·Entrevista a Alexandre Ripoll (vicedirector do IES de Fene)

¿Cal foi o ano de construción do IES de Fene?

O primeiro edificio (o de FP), foi construido no ano 1980 e comezou a funcionar no curso 1980/81. O edificio B contruiuse no ano 1984 e empezou a funcionar no ano seguinte.

¿Coincide co ano de derrubamento do pazo?

O último inquilino deixou en herdanza a uns familiares o pazo, pero estes non o aceptaron porque estaba en ruinas. Por iso o Pazo pasou a ser propiedade municipal. A destrución completa do pazo foi no ano 1982, co derrubamento dalgúns edificios que aínda se encontraban en pé.

¿Cales foron as razóns que motivaron a construción do instituto no lugar do pazo?

Pola necesidade de centros de ensino en Fene e a necesidade de centros de Formación Profesional, bacharelato tecnolóxico e ciclos relacionados nas zonas próximas a Fene.

¿Pensa que o pazo estaba en condicións para un posible rehabilitamento en lugar do derrubamento?

Había diversidade de opinións, xente que dicía que non se podía arranxar e outras que dicían o contrario. Pero para podelo arranxar faría falla moitos máis cartos que para o instituto.

¿Cantos anos tiña o Pazo?

O pazo construise no século XVIII.

 

·Entrevista a Bertila (antiga caseira do pazo)

¿Que extensión de terreo tiña o pazo?

Uns cincuenta ferrados.

¿Qué tipo de plantas había nel?

Magnolios, camelias, piñeiros, frutais… Tamén se plantaban patacas….

¿Como era o pazo?

Era unha casa señorial, tiña balcóns, unha sala de armas, lareira e un recinto onde gardaban os cabalos.

¿Antes de tiralo xa estaba en moi mal estado?

Sí, só lle quedaban as paredes.

¿Que foi o que se conservou do pazo?

O escudo que está no instituto e o piñeiro.

¿Como pagaban as rendas: con diñeiro ou especias?

Con diñeiro.

¿Que sentiu o día do derrubamento?

Moita tristeza porque podía ser un museo.

¿Os rapaces ían roubar froita?

Sí, sobre todo mazás.

Temos entendido que a capela foi transladada dende o Bon Xesús ata o pazo, ¿poderíanos dicir se é verdade?

Sí, é correcto.

Con este artigo pretendíamos achegarvos algunhas novas sobre o emprazamento do noso instituto, esperamos que cumpríramos o noso obxectivo.

 

·Bibliografía para saber máis do Pazo

-Arias, M.X., e Sanfiz, H., 1996. Barallobre no pasado. Edita o Concello de Fene.

-Muñiz, A. As árbores e o entorno do Pazo en Ronsel, revista do IB. O Pazo, Fene. Nº 10, maio de 1995.

-Vázquez Rey, A., El pazo de Barallobre, su historia en O Paroleiro, nº 0,1.2.3. Órgano de información dos alumnos do CNFP de Fene, 1981-1982.

 

·Entrevistas realizadas a:

Bertila

Carmen Pedreiras

Alexandre Ripoll

·Autores:

Ero Alvariño Porto

Abel Aguilar Rodríguez

Antonio Cortizas Bañobre

Rocío Fernández Souto

Sara Fernández Souto

Tania Fernández Turnes

Alberto López Díaz

Laura Vizoso Armada

Baixo a supervisión de: Manuela Santalla

A capela do Pazo, desaparecida na actualidade