
No
presente curso escolar 2004-2005 un grupo de profesores e profesoras deste
instituto, con inquedanzas comúns relacionadas co medio ambiente, reuníronse e
acordaron a formación dun colectivo organizado que preparase e alentase
distintas actividades medioambientais dirixidas fundamentalmente ao alumnado,
e inserido no labor diario do propio IES. O fin último que persegue este
grupo non é outro que o da concienciación do alumnado no respecto pola
Natureza.
Así, a primeira das actividades que se puxeron en marcha foi a convocatoria
dun concurso entre o alumnado do que debería saír o nome e o logotipo ou
mascota deste colectivo.
Como veredes na parte superior, o noso sinal de identidade é un precioso
raposiño, deseño que debemos a Tania Fernández Turnes de 4º de ESO que foi a
gañadora do devandito concurso.
En
canto ao nome, partindo do propio deseño de Tania, o xurado do concurso
acordou poñerlle o de Grupo Natura.
Despois desa primeira actividade, o Grupo Natura organizou o Día
da limpeza do patio que se celebrou o pasado 17 de marzo de
2005.
Para ese día fixéronse grupos de alumnado e profesorado voluntarios que,
repartidos polos exteriores do centro escolar, recolleron máis de trinta
bolsas da limpeza cheas de lixo. Supoñemos que veríades esas bolsas, xa que se
puxeron no vestíbulo de exposición como un xeito máis de concienciación.
Asemade, colocáronse distintos paneis e carteis chamando á utilización das
papeleiras. Como complemento a todo isto, os compañeiros/as de soldadura
comezaron a fabricación de novas papeleiras para o centro educativo, colocando
ese día –de modo simbólico- a primeira delas.
Pero aínda hai máis, xa que tamén se puxo en marcha a
recollida de papel para reciclar. Con ese motivo comezáronse a colocar caixas
en todas as aulas e dependencias susceptibles de recollida de papeis para, en
lugar de envialo ao lixo, comezar a recoller para reciclar.
O
Grupo Natura, en estreita colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do
Concello de Fene (especialmente representado por Antón Muñiz, enxeñeiro
agrícola e xardineiro municipal) está a preparar un traballo para adecentar o
terreo anexo ao centro educativo, propiedade do Concello que nolo cedería para
convertilo nun fermoso parque mirador. Ademais, o cerne do traballo está na
recuperación da flora e de parte do muro do antigo pazo que ocupaba os terreos
nos que hoxe está asentado o Instituto.
Por último, só nos queda facervos unha chamada a todo o alumnado para que
participedes naquelas actividades que este grupo vaia proponiendo, xa que só
pretendemos facervos cómplices da tarefa de deixar un planeta mellor aos nosos
descendentes.