Pagina nueva 1
 |
Lorenzo Varela (1916 - 1978) |
Xesús Lorenzo Varela Vázquez naceu en 1916 a bordo dun barco á
entrada da baía da Habana. Fillo de emigrantes orixinarios de Monterroso (Lugo),
en 1920 trasladouse coa súa familia a Bos Aires, mais a finais desde mesmo ano
regresarían á Galiza, instalándose en Lugo. Alí estudou o Bacharelato e nun acto
do Partido Galeguista celebrado nesa cidade en 1932 coñeceu a Castelao. Ao seu
abeiro ingresou nas fileiras do nacionalismo, partillando militancia nas
Mocidades Galeguistas,entre outros, con Del Riego, Celso Emilio e Carvalho
Calero, nun momento en que radicalizan o seu posicionamento e se declaran
"arredistas". Nestes anos tamén coñeceu a Ánxel Fole, con quen mantería unha
profunda amizade.
En 1935 Varela marcha a Madrid, onde se incorpora ás Misións
Pedagóxicas e ao equipo de redacción de PAN (Poetas, Andantes e
Navegantes), revista en que publicaban Rafael Dieste, Antonio Baltar e Otero
Espasandín. Na tertulia do café "La Granja del Henar" coñeceu, ademais, a
artistas mozos como Granell, Laxeiro, Maside ou Colmeiro.
No momento do alzamento militar, Varela, integrado na "Alianza
de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura", enrolouse como
miliciano e afiliouse ao Partido Comunista. Durante a guerra percorreu os
diferentes frentes alentando coas súas publicacións xornalísticas o espírito
revolucionario dos combatentes. En 1937 tomou parte no Segundo Congreso
Internacional de Intelectuais Antifascitas celebrado en Valencia. Finalizado o
conflito armado, atravesou os Pirineos e ficou durante uns meses no campo de
refuxiados de Saint Cyprien. En maio de 1939 conseguiu embarcar para México,
onde recuperaría o seu labor xornalístico. Dous anos despois, reencontrouse co
seu pai en Bos Aires, cidade en que o agardaban intelectuais amigos como Luis
Seoane, Rafael Dieste ou Arturo Cuadrado. Na capital arxentina recuperou a
actividade política e exerceu como crítico de arte e tradutor do portugués.
O golpe de Estado do xeneral Videla en 1976 forzou a Varela a un
segundo exilio. Ameazado polas organizacións paramilitares de ultradereita, saiu
precipitadamente do país pola fronteira brasileira e desde alí regresou a
Madrid. O apoio de Isaac Díaz Pardo resultoulle fundamental para iniciar esta
nova etapa, chea de isolamento e dificultades. Refuxiado na Galería Sargadelos,
dedicouse ás traducións e frecuentou a tertulia do café "Gijón".
Só e sen ningún tipo de recoñecemento, Lorenzo Varela morreu en
Madrid o 25 de novembro de 1978. O seu corpo foi soterrado no cemiterio familiar
de Monterroso.
Para alén da súa produción poética e xornalística en español, a
aportación ás nosas letras de Varela concretouse en Catro poemas pra catro
grabados (1944), con ilustración de Luís Seoane, e o poemario sobre a
guerra civil e o exilio Lonxe (1954).
A producción literaria de Xesús Lorenzo Varela céntrase,
fundamentalmente, en dúas etapas: estadía en Madrid nos anos 30 e exilio en
México e Arxentina entre os anos 40 e 70 do século XX. Nas dúas etapas son tamén
dúas as actividades nas que Lorenzo Varela centra os seus esforzos: as
colaboracións literarias e responsabilidades de dirección de diversas
publicacións; e a edición de poemarios. Xunto a elas o autor desenvolve tamén
algunhas traducións que constituirán o terceiro pilar da súa producción.
|