Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Imos para Porto

Imos para Porto

Pagina nueva 1

Venres, oito da mañá, en breve sairemos para Porto coa lingua e cuns cantos mestres de escolta.

 

O de ir de excursión coa lingua é unha iniciativa proposta polos equipos de normalización lingüística dos institutos de Ferrolterra, para promover o uso do galego entre nós, a xente máis nova, que maiormente a deixamos un pouco aparcada, como se non fose importante, cando en realidade é unha das poucas cousas propias e auténticas que temos.

 

Voltando ao tema da excursión, a saída retrasouse un pouco e, a iso das nove, máís ou menos, arrancaron os autocares. Durante a viaxe, puidemos relacionarnos con xente doutros institutos e superar eses prexuizos e medos que moitos xeramos antes de tempo sobre a xente que non coñecemos.

 

Situación de alto rendemento académico

 

Tras tres ou catro horas de autocar, chegamos a Porto a iso das dúas, hora española, mais se queredes que vos sexa sincera, penso que a maior parte de nós, non se fixou moito na cidade ao chegar, pois a fame era moita e as tripas rebulían.

 

Os profesores déronnos máis ou menos dúas horas e media de liberdade para que coméramos e déramos unha volta.

 

Sinceramente, o tempo sóubonos a pouco, xa que para visitar unha cidade desta envergadura penso que necesitaríamos polo menos unha semana.

 

Do pouco que nos deu tempo a ver, a min fascinoume o trazado das rúas, a colocación das casas, que semellaba medieval, a ponte sobre o río Douro, feita por Eiffel. Pero, o que máis me chamou a atención, foi sen dúbida a amabilidade da xente portuguesa, algo impresionante do que nós os galegos aínda temos moito que aprender.

 

Xa pola tarde, fomos visitar a “Fundación Serralves”, na cal puidemos ver unha colección de arte contemporánea e uns espectaculares xardíns de diferentes estilos (inglés, francés,…) cheos de todo tipo de árbores e plantas.

 

Ao saír da fundación fomos cara ó hotel, na Póvoa de Varzim, unha cidade preto de Porto. Xa nos tardaba chegar, era cuestión urxente unha ducha colectiva. Aínda que disto pouco vou comentar porque pola noite cada un fixo o que puido ou o que lle deixaron.

 

Pola mañá, e con moito pesar pola nosa parte, tivémonos que erguer ás oito, despois dunha noite de xolda. Almorzamos e saímos cara a “Real Companhia Velha” en Vilanova de Gaia, onde visitamos unha das bodegas máis coñecidas de viño do Porto, alí explicaronnos a súa forma de elaboración, e os diferentes tipos ou clases que comercializan.

 

Xa case rematando a nosa aventura, fomos ao “Visionarum”, un museo de ciencia moi interesante.

 

Ui! Perdoade, xa se me esquecía unha desas anécdotas graciosas que paga a pena contar. Á hora de xantar, houbo unha pequena confusión e case quedamos sen comida. Mais grazas á insistencia dos profesores déronnola. O gracioso foi velos de camareiros improvisados, aínda que hai que dicir que o facían bastante ben, maís dun xa debía ter experiencia.

 

E agora sí, despois de xantar fumos ao “Visionarium”, onde pasamos unhas horas moi interesantes rodeadas de obxectos científicos.

 

Moi ao noso pesar, á saída do “Visionarium”, chegou á súa fin a nosa pequena aventura por terras portuguesas. Foi hora de voltar á casa, á rotina diaria do instituto, mais a pesar de que foi curta, a experiencia valeu a pena e foi inolvidable.

 

Xa para rematar, vou sinalar un par de cousas.

 

En primeiro lugar, pedir disculpas aos profesores/as xa que moitos de nós non cumprimos o noso compromiso de falar integramente en galego no tempo da excursión.

 

E en segundo lugar, facer unha pequena reflexión, xa que penso que é conveniente que a xente saiba dunha  vez por todas, que Portugal é un país igual ao noso. Basta xa deses prexuizosos comentarios de que é un país pobre e atrasado onde non hai nada que ver. Eu diríalle a toda esa xente, descoñecedora da realidade, que vaia a pasar uns días alí, e que comprobe a fermosura, a amabilidade e a grandeza da cultura portuguesa.

 

Iso é todo amigos/as, aconséllovos a experiencia e recordade, fomentemos o uso da nosa lingua, o galego.Se non o facemos nós, ninguén o fará.

 

A ponte sobre o Douro

 

 

 

Una das turistas de Bac.