Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Xurxo Souto no instituto

Xurxo Souto no instituto

Pagina nueva 1

A finais do primeiro trimestre visitounos este escritor, músico, showman, cineasta e activista incansable. Nunha charla repleta de anécdotas, contounos a súa experiencia musical cos Diplomáticos de Monte Alto e falounos de como, á hora de contar historias, descubreu que as había e moi boas a carón da súa casa na Coruña. Díxonos que ás veces estamos un pouco cegos pola tele, o cine e todo iso. Que está moi ben, pero que aquí ao noso lado hai historias moi poderosas, como lle gosta decir, que tamén darían para facer novelas e películas.

 

Imos reproducir, sen a gracia do directo, dúas desas anécdotas que ilustran a aventura e a poesía da nosa vida cotiá:

- Unha tarde de hai seis ou sete anos, uns rapaces, veciños do barrio de Monte Alto, estaban a coller percebes furtivamente nos cantis da Torre de Hércules. De repente escoitan un ruido (Flu...Flu...Flu....Flu...) que se lles acerca cada vez máis forte. É un helicóptero facendo unha pasada por riba deles. Ben, curioso porque non é habitual pero imos seguir aos percebes. Aos dous ou tres minutos, outra vez...Flu...Flu...Flu....Flu......Agora  máis baixo. Nace unha certa  desconfianza no corazón dos percebeiros. Ao pouquiño, outra vez Flu...Flu....Flu.....Non hai dúbida, é a Garda Civil que debe vir por eles! Neno, tira os percebes e corrre! Escapan como poden e chegan completamente rendidos ao bar de sempre. Eh! Acabades de saír na tele rapaces! Que dis oh? Nada, que vos acaban de sacar na tele co helicóptero do final da etapa da Vuelta Ciclista a España!

- Cando o Depor xogou a final da Copa do Rei en Madrid, foron trens e autobuses desde a Coruña. Nun deses autobuses ían os protagonistas da seguinte historia, uns trinta rapaces que nunca saíran de Galicia pero que lles estouraba o peito de emoción! Saen da Coruña: Forza Depor! Pasan por Betanzos: flipa co globo, tío!!! Cruzan Lugo: menuda muralla!!!!!! Chegan ao Cebreiro: Os Ancares por un lado e O Courel por outro!!!!!!! Baixan ao Bierzo: Prada a Topeeee!!!!!!! (Nota da redacción: Prada é unha coñecida cadea de tascas con productos do Bierzo). Rapidamente avanzan pola meseta, a paisaxe é chá, os campos están secos....No autobús......silenzo. Pasa un minuto, dous minutos, tres minutos ata que un dos rapaces exclama:”Flipa neno, hai que ver como baixa a marea aquí!”.

 

 

Pasámolo en grande con Xurxo. Contou cosas serias facéndonos rir. Tamén falou de Andrés do Barro, un xenio da música. Para os que sodes máis novos diremos que Andrés foi un cantante da comarca, que nos anos setenta tivo moitísimo éxito. Foi como un Bisbal ou un Juanes de aquel entón. O  mérito non foi só colocar os seus temas de número 1 en varias ocasións senón que ademais eran cancións en galego. Sirva esta foto de Andrés para recordalo e darlle as grazas a Xurxo pola súa presenza.

 

Andrés Dobarro