Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Malos tempos

Malos tempos

Pagina nueva 1

Coa nova contrarreforma avecíñase unha nova desfeita no ensino. Seguen sendo as intencións políticas as que estan por enriba de calquera consenso capaz de estabilizar un proxecto que englobe ó conxunto da sociedade.

Fanse pequenas modificacións, aparecen novas asignaturas, redúcese o horario doutras e ademais o problema engadido de non saber que facer coa relixión, pero iso sí, hai que seguir co espírito da Loxse que tan bos resultados deu. De plantexar un modelo que cuestione tanto os contidos como a maneira de impartilos,  diso nada de nada.

Ó profesorado só nos queda continuar como animadores pedagóxicos en permanente contacto coas familias. Hai que resignarse e intentalo doutro xeito: nada de libros;  ler cansa, videoxogos, sesións de espiritismo, ciclos de conferencias organizados por Cañita brava,  actividades que integren realmente ós alumnos na sociedade que estamos vivindo, e por que non podemos ser nós tamen como Beckam e  promocionar salas de festas, ou anunciar unha marca de colonia nun Alcampo.

É posibel que se nos comportamos deste xeito, tal vez empezen a tomarnos algo en serio e ó mellor ata se lles pasa pola imaxinación facernos algún tipo de consulta, digo eu que algo teremos que dicir de todo isto.

Vexo difícil saír desta minoría de idade cando se ten como modelo a Ronaldo, Coto Matoros e unha longa lista de ídolos de masas.

Discúlpenme agora que me poña un pouco serio, e faga algún comentario a partires do borrador do anteproxecto de lei da Loe que se ven de apresentar estes días.

Vanse facer duas avaliacións, unha en 4º de Primaria e outra en 2º da Eso co propósito de medir o nivel xeral de tódolos alumnos pero sen repercusións académicas,xa que non se trata de avaliar individualmente a cada alumno senón o funcionamento do sistema educativo (medidas propostas dos plantexamentos e as solucións educativas adoptadas en políticas que se apliquen), non me digan que non é surrealista.

Na Eso desaparecen horas lectivas de Música, Plástica e Tecnoloxía, e no Bacharelato a asignatura de Filosofía deixa de ser común nos dous cursos e vai ser suplantada por outra de nova creación chamada Ciencias para o mundo contemporáneo, que se vai impartir no bacharelato de Humanidades e ciencias sociais.

Este interese por eliminar progresivamente a Filosofía é algo que xa fixeran cando se implantou a Loxse, daquela xa se intuía por onde ían as cousas o lema parece ser hai que ser modernos e para elo primeiro empezamos por cargarnos o Latín e o Grego e agora tócalle o turno á Filosofia.

Pensamos que detrás de todo isto non hai só unha clara intencionalidade política senón tamen unha profunda ignorancia. Descoñécese non só en que consiste a Filosofia o cal non é grave senón tamen a Ciencia, que é o que precisamente tratan de introducir para paliar as posibles deficiencias dos alumnos de humanidades.

As ciencias son sectoriais é dicir acotan e estudan un determinado campo gnoseolóxico da realidade (Bioloxía, Física, Xeoloxía, etc) e a relación que manteñen entre elas é dialéctica xa que non pode haber unha Ciencia das ciencias, pois ben esta relación dialéctica lévase a cabo precisamente dende a Filosofia. Poderase explicar a un alumno de humanidades que son as células nai ou en que consiste a clonación pero para elo antes hai que empezar por explicar que é unha célula e como funciona , algo que se explica en clase de Bioloxía, e se o que queremos é falar das implicacións éticas que suscita a clonación entón obviamente estamos rebasando ese campo gnoseolóxico.En resumidas contas,que non hai filosofia sen ciencias éstas precisan aclarar seus presupostos ontolóxicos, xa que a idea mesma de ciencia é de carácter filosófico (Algo que aparece reflectido en textos de Einstein, R. Thom, Ilia Prigogine,etc ).

Diremos máis, para quen realmente pode resultar interesante a asignatura é precisamente para os alumnos do bacharelato de ciencias. O que non se entende ben é como a suprimen do bacharelato de Humanidades.

Asignaturas como: Latín, Literatura, Filosofia educan a nosa capacidade abstractiva e proporcionan un certo rigor intelectual e crítico, o que antes se chamaba amobla-la cabeza ( capacidade de razoamento e un correcto uso da linguaxe).

Bueno é mellor deixalo porque isto da para escribir moitísimo, que me din desa nova perla chamada Educación para a cidadanía non lles recorda aquela Formación do espìrito nacional ou un Manual dos bos costumes.

Deberían repartir os manuais polas casas como fixeron coa nova Constitución europea. Viva a modernidade!  Hai que loerse!

 

Coda: Se patético resulta que uns cantos señores que estan de paso pola política fagan e desfagan a seu antoxo, máis patética resulta a pasividade dun colectivo con mentalidade de funcionario que non está disposto a   interrumpir a súa tranquila espera da xubilación. 

 

 

                                                              Xosé luis arias

 

  

 

Exercicio proposto pola redacción da revista para pensar