CelestiaCelestia é un simulador do universo baseado na información astronómica que se posúe na actualidade. Inclúe estrelas, galaxias, planetas, lúas e algúns pequenos corpos orbitais como a Estación Espacial Internacional. Celestia non está limitada ó noso sistema solar, sendo posible visitar outras estrelas e mesmo viaxar a través da galaxia; ademais, aparecen modelos de planetas extra-solares en órbita ó redor daquelas estrelas para as que se teñen evidencias de corpos planetarios. Terás un completo control sobre o tempo e o espazo, sendo posible observar as estrelas dende a localización e a época escollidas; ademais, é posible programar presentacións para demostracións complexas. Existen extensións que permiten engadir novos corpos celestes e mesmo, por mor da súa utilidade no mundo educativo, existen presentacións pensadas para educación primaria e secundaria. Estes recursos adicionais pódense atopar na páxina web www.celestiamotherlode.net. Para decatarse das posibilidades de Celestia, podes iniciar o programa e presionar D para lanzar unha Demo. Celestia precisa unha tarxeta gráfica compatible con OpenGL (os equipos modernos deberían tela). Está dispoñible para MS Windows, UNIX, Linux, e MacOS X. |
