(This page uses CSS style sheets)

Descrición

Thunderbird Portable

Queres levar o teu cliente de correo electrónico favorito no peto? Non te queres arriscar a chegar á biblioteca ou ó ciber e non poder consultar o teu correo electrónico? Se a resposta a estas dúas preguntas é afirmativa, aquí tes a solución: un lapis USB e o Thunderbird Portable

O Thunderbird Portable é similar á versión normal de Thunderbird pero pensada para a súa instalación e execución nun lapis USB; é dicir, vai onde ti vas. O único que tes que facer para instalar o Thunderbird Portable é premer na icona de instalación e indicar a ubicación de instalación (o lapis USB ou un directorio do disco duro); eso si, visita con regularidade a páxina do proxecto para manter o Thunderbird Portable ó día. A versión subministrada neste CD do Thunderbird Portable é unha modificación da versión orixinal traducida ó castelán, xa que polo de agora non hai tradución ó galego. 

Thunderbird é un moderno cliente de correo electrónico con funcionalidades avanzadas como filtros intelixentes para correo spam, comprobador ortográfico, aspecto configurable polo usuario, e diferentes temas para personalizar a súa interface, soporte IMAP/POP para ler as mensaxes de correo, composición de mensaxes en formato HTML, sistema de busca, libreta de enderezos, ferramentas de importación, sistema para completar enderezos, manexo de varias contas de correo e grupos de novas, etc. Ademais, coas extensións de Thunderbird é posible engadir novas funcionalidades para ter un cliente de correo aínda máis potente e funcional.

Igual que Firefox, o equipo de programación de Thunderbird ten a seguridade como un dos puntos principais á hora de desenvolvelo. Thunderbird proporciona funcionalidades cun nivel de seguridade empresarial e gobernamental como S/MIME, sinaturas dixitais, cifrado de mensaxes, soporte para certificados e dispositivos de seguridade. O filtro anti-spam de Thunderbird analiza os e-mails para identificar aqueles que seguramente sexan correos non desexados. Estas mensaxes poden ser borradas de xeito automático ou desviadas a un cartafol especial. O filtro anti-spam é de tipo adaptativo e tamén aprende os enderezos da túa libreta de contactos para mellorar o seu funcionamento.

Thunderbird está traducido a varios idiomas, entre eles o castelán. Na actualidade estase a rematar a tradución ó galego por parte do grupo galego21.org. Se queres ter o Thunderbird en galego, visita a páxina de grupo21.org para descargarte os arquivos para galego unha vez rematada a fase de probas.

Logotipo do MAGASI CD

Instalar

Páxina Web

Espazo en disco

24 MB

Licenza

MPL/GPL

En Galego

Tradución ó galego en desenvolvemento

En Castelán

Idiomas