OpenOffice PortableQueres levar a túa solución ofimática favorita no peto? Non te queres arriscar a chegar á biblioteca ou ó ciber e non ter a OpenOffice instalada? Se a resposta a estas dúas preguntas é afirmativa, aquí tes a solución: un lapis USB e a OpenOffice Portable. A OpenOffice Portable é similar á versión normal de OpenOffice pero pensada para a súa instalación e execución nun lapis USB; é dicir, vai onde ti vas. O único que tes que facer para instalar a OpenOffice Portable é premer na icona de instalación e indicar a ubicación de instalación (o lapis USB); eso si, visita con regularidade a páxina do proxecto para manter a túa OpenOffice Portable ó día. Hai que sinalar que a versión subministrada neste CD da OpenOffice Portable é unha modificación da versión orixinal para adaptala ó galego, empregando os arquivos de idioma da tradución feita pola Consellería de Innovación e Industria e o seu portal www.mancomun.org. OpenOffice é unha solución ofimática completa que inclúe un procesador de textos, folla de cálculo, editor de páxinas web e un programa de presentacións. Os documentos almacénanse comprimidos en formato XML (formato aberto e estandarizado), o que asegura a compatibilidade do documento e asemade reduce o espazo de almacenamento; por suposto, sendo posible ler e escribir documentos en distintos formatos, incluídos os documentos realizados coa Microsoft Office. Ademais do formato XML, hai que destacar que a OpenOffice permite a exportación a formato PDF e Flash. O compoñente de procesado de textos, Writer, permite a realización de documentos profesionais, informes, cartas, folletos, etc. O módulo de folla de cálculo, Calc, posúe sofisticadas ferramentas para cálculos, análise e visualización de datos, táboas en 2D e 3D, etc. O programa de presentacións, Impress, usa efectos, animacións e ferramentas de debuxo para axudarche a crear diapositivas multimedia que amosan o que ti desexas tal e como o desexas. O compoñente Draw permite crear desde sinxelos diagramas ata complexas ilustracións en 3D para usalas en documentos e presentacións. As ferramentas para bases de datos propocionan todos os instrumentos necesarios para o traballo diario con bases de datos en formato de folla de cálculo, soportando ademais bases de datos dBASE para aplicacións sinxelas, ou calquera base de datos ODBC ou JDBC para traballos a nivel empresarial. Debido ó elevado custo das solucións ofimáticas comerciais, usar OpenOffice pode constituír unha interesante fonte de aforro en software para as organizacións e individuos. OpenOffice estase a converter cada día máis nunha opción usada nos ámbitos da administración pública, a educación e as empresas. OpenOffice pode usarse de balde e está traducida a multitude de idiomas, tanto por voluntarios individuais como por organizacións gobernamentais, existindo versións en galego e castelán.
|

