|
Expertos en seguridade informática, instalación e administración de redes, deseño de páxinas web, programación de aplicacións, montaxe e reparación de equipos informáticos, deseño, administración e mantemento de bases de datos, son algúns dos perfís máis solicitados polas empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs). Estudar o Ciclo Formativo de Grao Superior de Administración de Sistemas Informáticos no I.E.S. Xulián Magariños de Negreira permitirache acadar o título oficial de Técnico superior en administración de sistemas informáticos, cun alto grao de especialización que nos demandan e recoñecen as empresas do contorno. En só 2 cursos académicos estarás preparado para incorporarte de xeito inmediato ó mundo laboral; ou se o prefires, poderás acceder á universidade con convalidacións de materias nas enxeñerías técnicas de informática de sistemas e de xestión. Hai que sinalar que este período de formación de 2 cursos xa inclúe prácticas en empresas cunha duración de 3 meses, onde ampliarás a túa formación nun contorno real de traballo. O alto grao de especialización obtense a través das numerosas prácticas nas aulas-taller onde o alumno traballa con ordenadores, equipamento de rede (switches, routers-wifi, etc.) e software empregado (e demandado) polas empresas. Para completar a formación do noso alumnado e adecuarnos rápidamente ás demandas do tecido empresarial, o departamento de Informática do I.E.S. Xulián Magariños comezará no mes de xuño unha experiencia pioneira, consistente na impartición de cursos de especialización ó noso alumnado (actual e antigo) a través da Aula Virtual do instituto. E por suposto, terás acceso á bolsa de traballo, asesoramento para a inserción no mercado laboral, titorías personalizadas, préstamos de software con licenza (MSDN, GPL e MPL) para realizar prácticas na casa, poderás participar en proxectos extraescolares (tradución de software ó galego, desenvolvemento de contidos educativos para a páxina web do centro...), etc. Se che interesan estes estudos ou tes
dúbidas
sobre
eles, podes poñerte en contacto co profesorado do
Departamento
de Informática do instituto facéndonos unha
visita, ou no
enderezo de correo
electrónico asinegreira@yahoo.es
ou ben chamando ó
teléfono do instituto 981.88.53.49. Lembrámosche
que poderás matricularte durante os meses de
xuño, xullo e setembro. Se pensas que a algún dos teus coñecidos lles puidese interesar realizar estes estudos, non dubides en remitilo ó centro ou en facerlle chegar o tríptico informativo que ves á dereita ou o MAGASI CD. |