Nota da ANPA IES DO CASTRO a todas as familias do mesmo

Imaxe: Alberte Zato
NOTA DA ANPA IES DO CASTRO A TODAS AS FAMILIAS DO IESO DO CASTRO
Con motivo da folga do próximo 18, na que figura entre os seus convocantes a confederación de ANPAs de colexios públicos española CEAPA, da que formamos parte a través de FOANPAS e CONFAPA GALICIA, e tendo en conta que estas dúas organizacións secundan e apoian esta convocatoria de folga, dende a Xunta Directiva da ANPA queremos comentarvos o seguinte:
1.-Os motivos da convocatoria parécennos certos e suficientes para manifestar o noso desgusto como nais e pais pola actual política educativa
2.-Compartimos a idea dos convocantes de que as nais e pais e familias somos parte indispensable da comunidade educativa, e que entre os nosos dereitos figura o de poder opinar sobre a política e o sistema educativo de xeito directo e inmediato, exercendo para esta opinión cantas medidas estimemos oportunas e nos permita a lei.
3.-Cremos que entre as medidas ás que temos dereito para manifestar o noso desacordo, está a de non enviar aos nosos fillos a clase nesa data, manifestando ás autoridades educativas os nosos motivos, e asumindo a responsabilidade que temos, como nais e pais dos nosos fillos, de velar pola súa tutela, sen que iso signifique nin denunciar o seu deber nin renunciar ao seu dereito á escolarización nunha educación pública de calidade.
4.-Asumimos que a perda de días lectivos debe ser sempre un recurso extremo, pois o obxectivo de impartir os programas das materias parécenos de especial relevancia.
5.-Aínda que na directiva somos partidarios de apoiar esta convocatoria de folga, coidamos que é ben certo que colleunos na ANPA do IES pouco preparados para debatela nunha asemblea e optar por secundala ou rexeitala. Nosa asemblea xeral xa tiña data decidida antes de que CEAPA fixera público o seu apoio a folga do 18, e foi convocada antes de que FOANPAS adoptara a súa decisión de apoiar esta folga. Nesa asemblea, o próximo luns 22 ás 18:30, temos que falar do que facer si esta situación repítese ao longo do curso, e debater que medidas activas ou reactivas adoptar.
Por todo iso avisámosvos de que a ANPA do IES do Castro non ten unha postura oficial ante esta convocatoria de folga. A opción de enviar aos fillos ao Instituto é sempre unha opción persoal de cada familia, un deber e un dereito regulados pola lexislación. No caso de que os alumnos non asistan ese día a clase, a responsabilidade é nosa e non dos rapaces que non poden ser castigados ou sancionados por elo; aínda así recomendamos enviar unha nota de xustificación da falta (podedes descargar o formulario dende http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?cat=50) alegando como razón a folga promovida pola familia, co obxecto de que a mesma sexa considerada xustificada pola dirección do centro. Coidamos que o Claustro do centro é consciente desta convocatoria, e suponse que respectará a data no que a evitar exames refírese. Na próxima asemblea da ANPA do luns que ven, temos que debater o asunto e adoptar unha postura xeral para este curso ante feitos e convocatorias coma o presente.
Tamén vos comunicamos para xeral coñecemento que a FOANPAS ven de anunciar unha convocatoria de manifestación para o vindeiro xoves 18, a data da folga, que se concentrará ás 19:45 na Farola de Urzáiz e baixará ata a Praza da Estrela, e é aberta a tódalas familias.


Ante a publicación no DOG do día de hoxe da Orde do 18 de marzo de 2013, pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2013, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva, xúntase cartel informativo desta convocatoria, co rogo da súa difusión entre o alumnado posible beneficiario destas axudas.





