Arte e Historia en Pontevedra

Publicado o 8 Marzo, 2017 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Zona Alumnado por Alberte Zato

Facer un cadro non é nada fácil. E non soamente a realización, buscar a temática, as cores adecuadas, o fondo, o punto de vista, as técnicas… non, tamén a busca dos materiais precisos. Pero, máis difícil era na Antigüidade, cando o artista víase obrigado a facer os materiais e cores que precisaba para a realización da súa obra dende cero, ou as superficies onde a ía realizar. E  isto foi o que nós, os alumnos de 2º de bacharelato, puidemos aprender na Escola de Belas Artes de Pontevedra, na visita previa ao gran aliciente do día, o Museo de Pontevedra.

viaxe_pontevedra.jpg

Dividido en 6 edificios, e pasando por tódalas épocas e estilos posíbeis (pero mantendo a localización ou arte galega coma estandarte), contén obras de autores recoñecidos mundialmente coma Sorolla ou Castelao, e un taller onde se fai a restauración das obras que chegan ao museo e precisan dela.

Ao chegar ao museo, comezamos a visita por un edificio que, con cristais transparentes ao exterior, tiña escaleiras núas, que recordaban ao cadro de Escher das escaleiras que soben, pero ao mesmo tempo baixan… todo depende da perspectiva coa que o mires.

O seguinte, ou primeiro que vimos, foi o edificio reconvertido dos xesuítas, o edificio Sarmiento, construído entre 1685 e 1714, e que dende o ano 1981 forma parte do museo. Cando se realizou, era unha igrexa e á vez un convento ou colexio. Nas súas salas exhíbense como exposición permanente os fondos arqueolóxicos da Prehistoria e da antigüidade, a arte galega medieval ata o S. XIII, as coleccións de loza de Sargadelos, cerámicas de Pontecesures e unha selección dos alfares nacionais máis representativos, como, por exemplo, os de Manises, Paterna… Neste apartado vimos o tesouro de Caldas de Reis, que eran xoias da prehistoria, destacando entre eles os lingotes ou peites, e que apareceron no  1700 a.C.

viaxe_pontevedra2.jpg

Por outra parte, tamén observamos restos humanos nas tumbas paganas, e estelas funerarias como eran a de Vilar de Sarria e a de Araño. A parte destas, a nosa guía informounos sobre as tumbas da necrópole dunha ermida da  Praia da Lanzada, que se correspondía cunha ermida galaico-romana.

Máis tarde, pasamos a ver a zona medieval, onde encontramos un retablo galego feito en madeira e con inscricións na propia lingua, o cal, como a guía nos contou, foi atopado por un matrimonio que decidiu deixalo ao Museo, xa que hoxe en día é o único retablo medieval galego que conservamos, e é unha peza de moitísimo valor para a nosa cultura. Foi nesa misma zona onde se atopaba a Virxe Blanca, realizada por Joao Ruao.

Tamén nos informaron sobre a Xeración Doente, que era una xeración formada polos pintores máis destacados do último terzo do século, e que se chamaban así por seren grandes artistas que morreron cando eran grandes promesas.

viaxe_pontevedra3.jpg

Por último, a nosa visita finalizou na Basílica de Pontevedra, que, coma nos contaron dúas compañeiras, é unha igrexa católica, datada no século XVI e convertida en Basílica dende o ano 1962 por decreto do Papa Juan XXIII.

Como puidemos observar, é de estilo gótico, con influencias portuguesas,  e na cal o que máis destaca é a fachada principal con moita decoración e esculturas como a de San Pedro e a de San Pablo. Por estes motivos, foi considerada, dende 1931, Monumento histórico-artístico por pertencer ao tesouro artístico nacional.

En conclusión, pódese afirmar con claridade que esta xornada foi moi enriquecedora para os alumnos de 2° de bacharelato, na que adquirimos coñecementos sobre moitas cousas e na que o arte foi o que nos absorbeu, e non ao revés,  como soe pasar en clase. En definitiva, unha mañá moi boa, a pesares da chuvia, do frío ou das presas.

Alicia Val, María Alonso e Andrés Weiss 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Xornada de inmersión cultural do alumnado de 3º da ESO

Publicado o 28 Outubro, 2015 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

                                                                   monxe.jpeg

Un monxe explica algunhas das virtudes do mosteiro

Cando  está a rematar o mes de outono, e denantes de que o inverno deixe núas árbores e  plantas e, en particular, as vides que estes días presentan unha variada gama de cores na comarca do Ribeiro, tivemos a oportunidade de adentrarnos na Galicia profunda, case no seu corazón, porque foron os lugares  de Oseira, O Carballiño e san Cibrao de Las os escollidos para levar a cabo o que poderiamos denominar como bautismo cultural para o alumnado de terceiro da ESO.

Explicaremos  en primeiro lugar o de bautismo cultural, porque, como se puxo de manifesto, para a maioría, lamentablemente, isto de mosteiros, igrexas e pedras como que non lles suscita demasiada curiosidade, e, por iso, as institucións públicas, chámense escolas, institutos, etc. teñen a responsabilidade de  dárlles a coñecer ese patrimonio e así aprender a respectalo. Nesta ocasión foi o patrimonio artístico representado en dúas xoias da nosa arquitectura: O mosteiro, abadía, ou cenobio de Santa María a Real de Oseira e o que queda do castro de San Cibrao de Las, despois de ter pasado polo Carballiño e observar o estilo ecléctico da igrexa da Veracruz do arquitecto Antonio Palacios, porriñés con abondosa obra na comarca (Templo Votivo de Panxón, A Virxe da Roca, edificio do concello do Porriño, por non citar outras moitas na cidade de Madrid e quen propuxo un ambicioso deseño urbanístico para Vigo  que non se chegou a materializar)

sara.jpg

Sara, Samuel, Raquel e Miguel seguen con atención a explicación

Pois ben, a crónica foi máis ou menos así. O día ameazaba choiva constante pero non por iso deixamos de arriscarnos porque así estaba programado. O primeiro punto de destino era a abadía de Oseira e alí aterramos a media mañá despois de deixar atrás a comarca do Ribeiro e cruzar por lugares tan sinalados como Leiro, San Clodio, O Varón, Partovia…Cando nos estamos achegando ao lugar, observamos con sorpresa que eran moitos os pelegríns que seguindo a Ruta da Prata se dirixían cara ao mosteiro e tamén son varias as panadarías que anuncian o famoso pan de Cea, con denominación xeográfica. No fondo dun pequeno val regado polo río Oseira, ao abrigo da serra da Martiñá, móstrase en todo o seu esplendor o espectacular cenobio, rodeado de verdes prados,frondosos  soutos e carballeiras que, como no caso das viñas, tamén estes días poden  presumir  de colorido. Na finca que rodea o edificio pasta ao aire libre gando de raza autóctona frieiresa, unha das últimas incorporacións ás diversa actividades “industriais” que desenvolven os monxes.

Segundo a información facilitada por un dos monxes que actuou como guía, e para entender o porqué alguén quixo outorgarlle ao mosteiro a denominación de “Escorial galego”  chegaría  para confirmalo a  superficie construída de 43000 m.cadrados, e a maiores os 83000 m. da finca que o rodea. A fundación data do ano 1137 e, por destacar algún dato significativo, poderían sinalarse os seguintes: expulsión dos monxes cando a desamortización de Mendizábal, case en ruínas regresan en 1929 e inician unha restauración titánica, chegando a concedérselle o premio Europa Nostra. Algunhas das fontes que presidían os claustros foron trasladadas á cidade de Ourense, despois de ter sufrido algún incendio.

En construción de tales dimensións é doado observar os diferentes estilos arquitectóncos que se encerran tanto no seu interior como fóra. Por sinalar algún elemento especial está a igrexa con planta de cruz latina, que se construiu entre 1200 1 239, polo tanto, momento do esplendoroso románico galego, pero, neste caso, enriquecido con arcos oxivais pola influencia da arquitectura cisterciense -orde á que pertencen os monxes na actualidade-, con abondosas pinturas na bóveda e laterais, así como unha peculiar bóveda de estilo gótico inglés, que, segundo os especialistas é case única en España. Nun espazo anexo á igrexa, actualmente sacristía, atópase a ” xoia da coroa”, a sala capitular do sec. XV que está sustentada por catro columnas centrais de fustes torsos rematando nunha orixinal bóveda con motivos filosóficos, celtas, etc. (Sala das palmeiras, porque as columnas semellan palmeiras en movemento).

junior.jpg

Iníciase o ascenso ao castro

Claustros, cociñas,solainas e escaleiras dunha riqueza decorativa excepcional seguen sorprendendo ao visitante, así como algunha que outra curiosidade como a de que conservan no que foi  a antiga botica do  convento o BOTAME con plantas medicinais desde moi antigo, e eses recipientes son de fabricación orixinal de Sargadelos.

Desde o punto de vista gastronómico, todo parece indicar que a importancia do polbo na comarca do Carballiño se debe a que o mosteiro chegou a ter un priorato da súa xursidición na vila de Marín e que parte dos diezmos serían pagados en especie co antedito cefalópodo, que o darían a coñecer os monxes, aínda que o seu aspecto non fose moi atractivo ao vérllelo comer a aqueles -que aínda hoxe son máis ben vexetarianos  e de peixe-, pois así se fixo popular por aqueles lares. Do resto de produción propia non esqueceremos o famoso eucaliptine, licor con distintos sabores, o que non é de estrañar cando historicamente teñen elaborado champaña, pormenor que non sorprende ao sabermos que a orde aínda segue a ter a día de hoxe a sede central n Francia.

Para despedirnos deixamos ás nosas costas unha fachada ornamentada con columnas salomónicas e un almohadillado que remata coas dúas torres barrocas e o arco de entrada ao recinto que lle concede toda  a solemnidade que o cenobio merece.

Despois de facermos unha parada técnica na vila do Carballiño, dirixímonos a un dos castros máis grandes de Galicia en proceso de escavación desde a metade do século pasado; San Cibrao de Las. Ademais, desde hai pouco tempo funciona na aba do monte un centro de interpretación da cultura castrexa que con abondosa documentación e unha xeira pola “Ciudá” serve de ilustración e reflexión sobre unha etapa tan importante para o coñecemento da nosa historia, a configuración da nosa cultura e, da lingua, en particular.

ascenso.jpeg

Inmersión no castro

Son os guías do recinto os que nos van trasladar a eses tempos prehistóricos e, en particular, ás actividades que puideron desenvolver dentro e ao redor do castro. Lembremos que son aproximadamente catro séculos, desde o II a. C. ata o II d. C, e, polo tanto estamos no momento cumio de transición entre a cultura “autóctona”, castrexa, prerromana e a latinización do noroeste da Península, o que explica , en parte, as grandes dimensións do recinto amurallado e o seu avanzado estado de romanización.

A visita ao centro documéntase cunha introdución a algunhas actividades coñecidas (agricultura, gandería, metalurxía, ourivería, etc), para dar paso  a un percorrido in situ sobre as características da cidade: murallas defensivas, accesos, alxibe, antecroa, lar, ata coroar a croa desde onde as vistas se poden estender ata outros puntos fortificados na antigüidade, así como puntos xeográficos de interese natural como  a serra de san Mamede, monte Faro,Castromao, e mesmo o río Miño, despois de regar a cidade de Ourense, acoutarse en Castrelo de Miño e encamiñarse cara a foz de Camposancos.

lanza.jpeg

Ardor guerreiro e pirómano

A sorpresa da xornada quedou reservada para o final, cando un dos guías do centro se preparou para mostrarnos algunhas réplicas de artiluxios de caza como lanzas de madeira, que foron evolucionando a distintos  metais, pero, o máis impactante foi conseguir lume a partir da frición de dous paus, iesca e estopa. Produciuse o milagre e fíxose o lume, e mesmo algúns participaron do ritual de saltalo como se fose a cacharela de san Xoán.

Chove. Seguen berrando.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

A contorna do CASTRO como recurso didáctico

Publicado o 2 Decembro, 2013 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

p1010443.JPG

O alumnado de 3º de ESO C accedendo ao recinto amurallado

O curso pasado non se chegou a realizar esta actividade porque ao estar programada para o mes de maio sempre presenta dificultades por ser datas próximas á fin de curso. Por iso, este ano se anticipou ao veraniño de San Martiño para ver a cara do outono no monte do Castro. Son os grupos de 3ª da ESO os que tradicionalmente veñen realizando esta actividade e que consiste esencialmente nunha reflexión sobre o máis próximo e, en particular, sobre aquilo que  -que é moito-   nos fala da orixe da cidade, da súa historia, da súa paisaxe, do seu pasado e presente, do patrimonio vexetal e arquitectónico e outras moitas curiosidades.

Pois ben, a tarefa consiste na resolución dun cuestionario que o alumnado deberá responder segundo unha serie de puntos de interese. Estes puntos de interese arrancan do xardín do Instituto, desde onde deberá situar o centro con respecto aos puntos cardinais e dar detalle sobre unha serie de árbores e froitos do recinto. De seguido achéganse ata a igrexa da Soedade na que, entre outras observacións, deberán explicar o estilo arquitectónico, recoñecemento das letras do frontis e o número áureo.

Na aba do Castro atopamos as escavación iniciadas por X. Mª. Álvarez Blázquez, e que serven como reflexión sobre as orixes da cidade e a romanización. Nun nivel intermedio ubícase o momumento homenaxe sobre a batalla  de Rande (1702) e lles vale como reflexión sobre a lenda que rodea os galeóns que viñan cargados de metáis nobres e especias das “Indias”, e,como non, a referencia a X. Verne que incluíu na súa obra “Vinte mil leguas de viaxe submarina” á enseada de Rande.

p1010449.JPG

En primeiro plano a demolición do Castillo

Non foi coincidencia, senón unha oportunidade única para ver como, na medida do posible, as cousas mal feitas deben ser corrixidas. Referímonos á demolición e traslado do que foi un lugar de culto gastronómico, o restaurante El castillo, que despois de moitos tiras e afrouxas, finalmente está sendo derrubado para que quede visible a muralla do que foi unha fortaleza case única do séc. XVIII, segundo testemuño do arquitecto vigués Jaime Garrido. Como non podía ser menos, e considerando que o edificio, sen ser extraordinario tampouco era un adefesio, ponse de manifestó como por enriba do custe  debe prevalecer  a historia e o respecto polo patrimonio.

De camiño, e aproveitando que xusto debaixo  se atopaba un busto de Curros Enríquez -que tamén foi trasladado aos xardíns do Areal para darlle maior visibilidade-  e que estamos no paseo de Rosalía de Castro, cheo de coches, coméntase a importancia que tiveron estes autores para as letras galegas e de maneira especial no Rexurdimento  e a necesidade de convertir en peonil todo o monte.

Pasamos ao lado do estanque ao que tantas veces sendo nenos lles foron dar de comer aos parrudos, escoitar as rulas e pombas que peteiran ao seu redor e, de aquí ao interior do recinto amurallado ata chegar ao punto máis alto, despois de deixar á nosa esquerda o monumento á memoria histórica dos que foran fusilados cando a Guerra Civil. Desde o mirador orientado á Ría procuramos identificar os puntos geográficos máis relevantes: Cíes, O Morrazo, Rande, A Guía, etc.

p1010452.JPG

Alumnado de 3º ESO B accedendo ao recinto amurallado

De volta ao Instituto detémonos á beira do monumento a Martín Códax e aproveitamos para reflexionar sobre os xograres da Ría de Vigo da lírica medieval. Ademais, en dirección sur-oeste tamén se aproveita para analizar a paisaxe nas diferentes manifestacións en canto a altitude e orografía: O Galiñeiro, Alba,Cepudo, O Lagares, Val do Fragoso,etc.  Cando xa transcorreron  case tres horas, entramos no centro coa idea de que é moi importante coñecer este patrimonio tan noso,tan cercano -e ás veces tan descoñecido-,  e así respectalo e conservalo para nós e as xeracións vindeiras

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Conferencia de Rosaliano Riascos. Rede Escolas Amnistía Internacional

Publicado o 25 Novembro, 2013 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Noticias do Programa do Diploma do BI por Lucía López Bejo

 

O pasado 15 de novembro estivo no noso centro ROSALIANO RIASCOS, destacado defensor dos dereitos humanos afrocolombiano, para  impartir unha charla ao alumnado de 1º Bacharelato
   

rosaliano-riascos.jpg

Estas son as reflexións sobre as súas palabras, elaboradas por María Rodríguez Arias, de 1º E:

Adeus Colombia…

“Alí onde as pedras cantan e as ondas bailan a golpe de currulao”, un paraíso de olores, de praias, de sabores… o pequeno paraíso de Rosaliano a uns 8000 km de distancia de onde debe vivir agora. Alí naceu el, afroamericano de 55 anos, na costa pacífica de Colombia, en Buenaventura.

O 11 de Maio do ano 2000, entraron, á 01.30 de madrugada, un grupo de paramilitares na comunidade de Sabaletas. A tiros, acabaron coa vida de 12 dos seus compañeiros e a el, dérono por morto. Non era un criminal, non era un ladrón ou un asasino, simplemente era afroamericano e trataba de loitar polos dereitos da súa comunidade.

En Colombia existe actualmente e dende hai varios anos un grave problema de narcotráfico do que se está beneficiando tanto o seu goberno como o goberno estadounidense. Os afrocolombianos, que levan siglos vivindo alí e herdando, xeración tras xeración, as propiedades dos seus antepasados, vénse desprazados polos intereses no cultivo de droga. O Goberno creou uns grupos de asasinos formados por paramilitares para quitarlles as propiedades aos afroamericanos e destinalas ao cultivo de droga. Así, pola forza ou comprándolles os terreos por unhas cantidades ridículas de diñero, están acabando coa comunidade afroamericana en Colombia e sembrando o terror.

Rosaliano Riascos Rodríguez vive e viviu isto en primeira persoa. Loitaba polos dereitos da súa comunidade que atopábase totalmente anulada no seu país. Grazas ás súas movilizacións conseguiron ser recoñecidos no artigo transistorio 55 da Constitución para evitar que lles arrebaten as súas propiedades, pero aínda así os asasinatos e ‘roubos’ continúan.

Denuncia a situación que se está a vivir en Colombia, os asasinatos e a violación dos DD HH que dáse cada día no país.

El, que é unha das vítimas desta guerrilla, vive agora en León dende fai dous anos cos seus dous fillos, grazas a Amnistía Internacional e o seu Programa de Proteción Temporal de Defensores de Dereitos Humanos. Está moi agradecido da axuda que lle proporcionaron en España, pois a pesar de que Colombia tambén ofreceulle asilo, continuaba a recibir constantes ameazas de morte e vivindo con medo, polo que decidiu vir aquí.

Non sabe cando volverá, nin sequera se o fará, pero garda a esperanza de facelo algún día.

Aquí, en España, continúa con movilizacións para rematar co conflito en Colombia pero di “unha sola persoa non pode cambia-lo mundo, pero sí coa axuda de todos pódese lograr, pois a unión fai a forza”. Rosaliano leva o movemento socio-cultural afrocolombiano, e así, a través do diálogo e non a partir da forza, agarda rematar coa pesadilla que están a vivir miles de familias en Colombia.

“Mi voz la que va gritando,

mi sueño el que sigue entero,

pues saben que solo muero

si ustedes van aflojando,

porque quién murió luchando

vive en cada compañero.”

 

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Do Castro a Castromao-Celanova

Publicado o 9 Maio, 2013 na sección Viaxes, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Zona Alumnado, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

foto0117.jpg

Un grupo de alumnas na casa dos Poetas/ Antigo fogar de M.Curros Enríquez

Todos os cursos académicos son moi semellantes,pero este reúne algo especial, porque se celebra o vixésimo aniversario da apertura de curso aló polo ano 1993, tal e como se pon de manifesto pola ampla mostra fotográfica que recobre as paredes dun dos corredores con imaxes desta curta pero densa historia.

Pois ben, para unirnos a esta efeméride non podiamos esquecer unha actividade moi vencellada á biografía  do centro, como é a visita interdisciplinar á comarca de Celanova, e desta xeira a Allariz e Ourense co alumnado de 3º da ESO.

Nesta edición. a xornada celebrouse o día 7 de maio, agardando pola primavera florida e os días máis longos.

En cursos pasados, a tradición marcaba a chegada ata a Baixa Limia por terras do Xurés no concello de Lobios para refrescarnos a memoria romana coa Vía Nova, o baño  en Río Caldo e o xantar no encoro das Conchas. Este día optouse por recortar a distancia e quedarnos por terras de Celanova, entre outras razóns polo terreo enchoupado e a lonxanía da fronteira portuguesa.

Cando eran as dez da mañá estabamos escoitando as campás da igrexa do mosteiro de San Salvador de Celanova e repartíndose o alumnado  en dous grupos para uns visitar o recinto monacal e outros a Casa dos poetas. Os dous lugares de referencia da vila, xa que entre as súas paredes se toman a maior parte de decisións con respecto á vila nos aspectos culturais, políticos e relixiosos.

foto0120.jpg

Nas termas de Outariz

A visita ao mosteiro inclúe unha explicación  de tipo histórico e, sobre todo arquitectónico,dos claustros, o retábulo barroco ou os coros de feitura moi interesante. Este ano, ademais, como coincidiu a visita co horario escolar do Ies de Celanova,  tamén se realizou un percorrido polo famoso Claustro do Poleiro e a Biblioteca, que foi do mosteiro, e impresiona polo seu tamaño e os andeis barrocos en madeira de castiñeiro -Algún case se creu que podía ser a de Howards-.

O recinto monacal, á parte das múltiples actividades que se desenvolven nel, inclúe, nun espazo anexo, que foi horta do mosteiro, a capela mozárabe de San Miguel, -a xoia da coroa-, e unha rocha curiosa da que se teñen dado diferentes interpretacións, se de lugar de cultos pagáns para algún ritual ou ben, simplemente, para uso doméstico (lagar).

Na Casa dos poetas, que pertenceu á familia de Curros, e funciona a xeito de lugar de pequenas exposicións e con información relativa ao poeta por excelencia de  Celanova, tamén  inclúe unha pequena mostra de paneis relativos á biografía e obra do autor, así como algún retallo da obra de Celso Emilio Ferreiro e do que foi presidente da Real Academia Galega, X. L. Méndez Ferrín, poeta e narrador moi vencellado á localidade cercana de Vilanova dos Infantes, lugar no que se venera a virxe do Cristal e que de seguido nos mostraría o crego da parroquia a imaxe conservada e que serviría a Curros para compór o famoso poema narrativo da Virxe do Cristal.

foto0114.jpg

Na horta do mosteiro ao pé da capela de san Miguel

A sorpresa da xornada estivo na decisión de ir repoñer forzas á vila cercana de Allariz, xantar ao pé do río Arnoia, desfrutar da harmonía desta vila que foi recoñecida en 1994 co premio europeo de urbanismo e de seguido encemiñarse cara a Ourense cidade.

O serán estaba, en certo modo, reservado para o lecer e o paseo pousado polo casco vello da cidade das Burgas, pero, tamén había que contar con algún imprevisto; como así foi.

Cando iamos todos decididos a mergullarnos nas novas Burgas públicas, habilitadas para o baño no centro da cidade, a sorpresa e decepción foi total porque xusto ese día fora escollido para reformas. Había que buscar outra alternativa, pasada por auga. Cal? Pois, nesta ocasión,  a solución era doada, dada a abundancia de recursos termais da cidade.

Foi deste xeito como decidimos trasladarnos á ribeira do Miño e achegarnos ata as termas da Chavasqueira e de seguido ás de Outariz, onde se deu cumprida satisfacción ao baño termal, logo dun interesante pero non curto percorrido á beira do río. A xornada remataba entre lusco e fusco cando chegabamos ao Castro.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Tratado Internacional de Comercio de Armas, charla de Pilar Requena

Publicado o 18 Xuño, 2012 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia por Isabel Flores

O pasado día 14 de maio, a periodista PILAR REQUENA, estivo no noso centro con alumnado de 1º de Bacharelato. A charla inscríbese na Campaña por un Tratado Internacional de Comercio de Armas (TAC) promovida por A.I.

Pilar Requena é periodista de En Portada (RTVE) e foi Premio de Periodismo Europeo ‘Salvador de Madariaga’ no ano 2007, ocasión na que o xurado resaltou a súa ‘capacidade para convertir en comprensibles para o grande público ideas complexas sobre asunto que o espectador, en ocasións, pode considerar alonxadas do seu interese máis próximo’.

 Amnistía Internacional pide un tratado sólido sobre o comercio de armas que asegure que non se autorizarán transferencias de armas cando haxa risco sustancial de que seren utilizadas para cometer ou facilitar violacións de dereitos humanos. Está previsto que este tratado se negocie na ONU do 2 ao 27 de xullo de 2012.

Nas fotos, Pilar Requena e parte do alumnado asistente

p1010029.JPG

p1010030.JPG

 

Como informaron Faro de Vigo e outros medios , esa mesma tarde a periodista pronunciou unha conferencia sobre esta temática no Centro Socio-cultural Novacaixagalicia:

http://ocio.farodevigo.es/agenda/noticias/nws-87992-dudo-violencia-sangre-sean-lo-realmente-quiere-gente.html

http://www.atlantico.net/noticia/199188/amnistia/apoyo/tratado/armas/

 

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2012/06/16/amnistia-internacional-escenifica-descontrol-venta-armas/00031339867520251579633.htm

As fotos e vídeos desa conferencia,  con Pilar Requena  máis o activista de A.I. Alberto Estévez pódense ver neste vínculo
http://www.facebook.com/amnistiavigo

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Obxetivos do Milenio

Publicado o 5 Xaneiro, 2011 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia por Isabel Flores

Proxecto de sensibilización do

Consello de Solidariedade e Cooperación do Concello de Vigo

 

O alumnado de 3º de ESO participou no mes de decembro en dous obradoiros sobre os Obxetivos do Milenio (1) baixo o título:

 

“Pensamos no mundo. Actuamos aquí e agora?

Vigo a prol dos Obxectivos do Milenio”

actividade-1.JPG

 

Este proxecto ‘ten como obxectivo principal impulsar a educación para o desenvolvemento

-promovendo nas escolas o coñecemento das desigualdades existentes no reparto da riqueza económica e do poder no mundo,

-favorecendo a reflexión sobre as súas causas e consecuencias,

-fomentando actitudes e comportamentos responsables e a toma de conciencia sobre o noso papel no mundo.’

Os obradoiros consistiron nunha  ‘serie de actividades desenvolvidas na súa totalidade  coa colaboración das ONGD: Entreculturas, Educación Sen Fronteiras, Intermon Oxfam, Fundación Balms, Médicos do Mundo e ADDIS Galicia as cales forman parte do Consello de Solidariedade e Cooperación do Concello de Vigo.’

Algunhas fotos destas actividades

actvidade-2-en-3-a.JPGgrupo-traballo-1-3a.JPGjudith.JPG

actividade-3-c.JPGactividade-3-c-2.JPGactividade-3-c-3.JPG

 clase-en-3c-2.JPGclase-en-3c-3.JPG

Outras dúas actividades acompañaron a esta campaña de sensibilización no IES do Castro:

-unha exposición sobre os Obxetivos de Desenvolvemento do Milenio, que foi aproveitada especialmente polo Departamento de CCSS para diversas actividades co alumnado

-unha mesa de productos de comercio xusto -durante os recreos- na que se proporcionaba información sobre o concepto de ‘comercio xusto’ e outras cuestións relacionadas

Algunhas fotos destas actividades

exposicion.JPGexposicion-2.JPG

comercio-xusto.JPGcomercio-xusto-2.JPG

(1) Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM):

·         Erradicar a fame e a pobreza

·         Lograr a educación primaria universal

·         Corrixir as desigualdades de xénero

·         Reducir a mortalidade infantil

·         Mellorar a saúde materna

·         Combater o VIH/SIDA, a malaria e outras enfermidades

·         Garantir un medio ambiente  sustentable

·         Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento aumentando a cooperación internacional

‘191 Xefes de Estado e de Goberno asinaron a Declaración do Milenio no ano 2000 comprometéndose a traballar xuntos para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e rematar coa pobreza estrema no mundo antes do 2015.

Ademais de seren un compromiso sen precedentes, os 8 ODM marcan unha folla de ruta para o desenvolvemento, medíndose o seu progreso a través dunha serie de metas e indicadores, con datas límites para o seu cumprimento.’

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo