Do Castro a Castromao-Celanova

Publicado o 9 Maio, 2013 na sección Viaxes, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Zona Alumnado, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

foto0117.jpg

Un grupo de alumnas na casa dos Poetas/ Antigo fogar de M.Curros Enríquez

Todos os cursos académicos son moi semellantes,pero este reúne algo especial, porque se celebra o vixésimo aniversario da apertura de curso aló polo ano 1993, tal e como se pon de manifesto pola ampla mostra fotográfica que recobre as paredes dun dos corredores con imaxes desta curta pero densa historia.

Pois ben, para unirnos a esta efeméride non podiamos esquecer unha actividade moi vencellada á biografía  do centro, como é a visita interdisciplinar á comarca de Celanova, e desta xeira a Allariz e Ourense co alumnado de 3º da ESO.

Nesta edición. a xornada celebrouse o día 7 de maio, agardando pola primavera florida e os días máis longos.

En cursos pasados, a tradición marcaba a chegada ata a Baixa Limia por terras do Xurés no concello de Lobios para refrescarnos a memoria romana coa Vía Nova, o baño  en Río Caldo e o xantar no encoro das Conchas. Este día optouse por recortar a distancia e quedarnos por terras de Celanova, entre outras razóns polo terreo enchoupado e a lonxanía da fronteira portuguesa.

Cando eran as dez da mañá estabamos escoitando as campás da igrexa do mosteiro de San Salvador de Celanova e repartíndose o alumnado  en dous grupos para uns visitar o recinto monacal e outros a Casa dos poetas. Os dous lugares de referencia da vila, xa que entre as súas paredes se toman a maior parte de decisións con respecto á vila nos aspectos culturais, políticos e relixiosos.

foto0120.jpg

Nas termas de Outariz

A visita ao mosteiro inclúe unha explicación  de tipo histórico e, sobre todo arquitectónico,dos claustros, o retábulo barroco ou os coros de feitura moi interesante. Este ano, ademais, como coincidiu a visita co horario escolar do Ies de Celanova,  tamén se realizou un percorrido polo famoso Claustro do Poleiro e a Biblioteca, que foi do mosteiro, e impresiona polo seu tamaño e os andeis barrocos en madeira de castiñeiro -Algún case se creu que podía ser a de Howards-.

O recinto monacal, á parte das múltiples actividades que se desenvolven nel, inclúe, nun espazo anexo, que foi horta do mosteiro, a capela mozárabe de San Miguel, -a xoia da coroa-, e unha rocha curiosa da que se teñen dado diferentes interpretacións, se de lugar de cultos pagáns para algún ritual ou ben, simplemente, para uso doméstico (lagar).

Na Casa dos poetas, que pertenceu á familia de Curros, e funciona a xeito de lugar de pequenas exposicións e con información relativa ao poeta por excelencia de  Celanova, tamén  inclúe unha pequena mostra de paneis relativos á biografía e obra do autor, así como algún retallo da obra de Celso Emilio Ferreiro e do que foi presidente da Real Academia Galega, X. L. Méndez Ferrín, poeta e narrador moi vencellado á localidade cercana de Vilanova dos Infantes, lugar no que se venera a virxe do Cristal e que de seguido nos mostraría o crego da parroquia a imaxe conservada e que serviría a Curros para compór o famoso poema narrativo da Virxe do Cristal.

foto0114.jpg

Na horta do mosteiro ao pé da capela de san Miguel

A sorpresa da xornada estivo na decisión de ir repoñer forzas á vila cercana de Allariz, xantar ao pé do río Arnoia, desfrutar da harmonía desta vila que foi recoñecida en 1994 co premio europeo de urbanismo e de seguido encemiñarse cara a Ourense cidade.

O serán estaba, en certo modo, reservado para o lecer e o paseo pousado polo casco vello da cidade das Burgas, pero, tamén había que contar con algún imprevisto; como así foi.

Cando iamos todos decididos a mergullarnos nas novas Burgas públicas, habilitadas para o baño no centro da cidade, a sorpresa e decepción foi total porque xusto ese día fora escollido para reformas. Había que buscar outra alternativa, pasada por auga. Cal? Pois, nesta ocasión,  a solución era doada, dada a abundancia de recursos termais da cidade.

Foi deste xeito como decidimos trasladarnos á ribeira do Miño e achegarnos ata as termas da Chavasqueira e de seguido ás de Outariz, onde se deu cumprida satisfacción ao baño termal, logo dun interesante pero non curto percorrido á beira do río. A xornada remataba entre lusco e fusco cando chegabamos ao Castro.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Campaña de Divulgación, OMBÚ=ÁRBORE SENLLEIRA

Publicado o 5 Xuño, 2012 na sección CAS, Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal por Isabel Flores

No IES do Castro estamos levando a cabo unha campaña de divulgación ou concienciación entre a comunidade escolar. O obxetivo final é solicitar que o Ombú do noso xardín pase a estar no Catálogo de “árbores senlleiras” de Galicia, da Consellería de Medioambiente e Medio Rural.

cartel-ombu-peq.JPG

Este catálogo inclúe as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan ‘merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección’ (Decreto 67/2007, do 22 de marzo de 2007, DOG 74). A finalidade do catálogo é ‘protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación’

 

Neste momento, a táboa recolle 147 árbores e 31 conxuntos. Algunhas especies senlleiras de Vigo son a Camellia japonica (Matusalén de Camelias do Pazo de Castrelos), Casuarina equisetifolia (Casuarina da Alameda da Praza de Compostela), Eucalyptus globulus ( Eucaliptos do Pazo de Castrelos), Fagus sylvatica (Faias do Pazo de Castrelos), Liriodendron tulipifera (Tulipeiro de Virxinia do Pazo de Castrelos) e Olea europaea (Oliveira do Paseo de Alfonso XII).

 

Arredor deste 5 de xuño, día do Medioambiente recolleremos sinaturas entre a comunidade escolar.

 

Tamén queremos protección para o noso Ombú.

Axúdanos a que o Ombú se sume a lista!

 

Alumnado Axenda 21

IES do Castro, Vigo

 omb_-7-peq.JPG

ombu8-peq.JPG

la-fotopeq.JPG

Máis fotos e algunha información nun blog en construcción

http://castrogalego.blogspot.com.es/

 poster-texto.pdf

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Convocatoria do Concurso de Relatos Curtos

concurso_relatos_curtos.jpg

 

 Clique na imaxe superior para ver as Bases e Normas

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

O IES do Castro e a Casa dos poetas de Celanova: Diploma de fidelidade

Publicado o 1 Xuño, 2011 na sección Viaxes, Zona Alumnado, Lingua e Literatura galegas por Alberte Zato

celanova_2011_450.jpg

O alumnado de 3º da ESO da promoción 2010-2011 celebra na horta da Casa dos poetas en Celanova- Casa natal de Curros Enríquez- a entrega do diploma recibido polo Instituto da Fundación Casa dos poetas, pola fidelidade nesta visita ao longo de moitos anos.

[Clíquese na imaxe para vela a maior resolución]

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Do IES do Castro a Castromao

Publicado o 27 Maio, 2010 na sección Lingua e Literatura galegas, Normalización e Dinamización Lingüística, Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 diante_igrexa.JPG

 

1ª Parte : A contorna do Castro-Vigo

O mes de maio é abondoso en acontecementos non só porque a primavera está no seu maior apoxeo, senón porque tamén coincide con varias actividades que desde xa hai ben anos son obxecto de atención no ámbito escolar. Este curso para non ser menos que outros, o alumnado de terceiro da ESO tivo a oportunidade de poñer en práctica algúns deses quefaceres habituais que pretenden ir moldeando ao alumnado de acordo cunha serie de principios que desde a Comunidade educativa do Ies do Castro se consideran fundamentais.

(Ler o resto do artigo »)

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

DiGaTIC - Dicionario Galego das TICs

Imprescindible ferramenta na Rede de redes para o bo uso e abuso dos termos das TICs. que as veces se utilizan incorrecta ou caprichosamente, cando non inxustamente Green with Envy. Primeiro coñeza a tecnoloxía, e logo refírase a ela con propiedade. Agora pode facelo doadamente con esta ferramenta, con diferentes traducións, i.e. :

Icona

Tradución portugués:ícone

Tradución castelán:icono

Tradución francés:icône

Tradución italiano:icona

Tradución inglés:icon

Tradución alemán:Ikon

DiGaTIC - Dicionario Galego das TICs

 digatic.jpg

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Magosto 2009

Publicado o 27 Novembro, 2009 na sección Lingua e Literatura galegas, Vicedirección por Xulio Dobarro

vista_desde_o_parque.JPG

Acabáronse as vendimas

e veñen as esfolladas

para comer coas mozas

catro castañas asadas

O primeiro intento de celebración do Magosto, o día doce de novembro, refesta do San Martiño, non foi posible a causa do mal tempo e pola falta de veranciño do mesmo nome. Houbo que agardar unha semana máis, o dezanove, para que con moita puntería se acertase na escolla de tal día en canto ás condicións climatolóxicas que,dito sexa de paso,  non puideron ser mellores.

Os preparativos xa viñan  de quince días antes, -quizais por iso as castañas en vez de secaren o que lles pasou foi humedecérense-,porque cómpre organizarse como se fósemos de cámping: a leña seca e o carbón para armar o lume e  - o máis importante-  as brasas para asalas, as castáñas picadas para que non estoupen, o tixolo, especie de plataforma para colocalas enriba do lume e, o que non é menos importante, a sabedoría das persoas para que todo se resolva segundo o previsto: leña axeitada, pouco fume, punto de cocción e algo de humor.

grupo.JPG

A xornada ten mudado en canto á organización desde que nos primeiros anos de celebración se realizaba  dentro do recinto escolar, pero ao igual que outras festas relacionadas con ciclos festivos (Entroido, Maios, etc) tamén esta do Magosto se foi  restrinxindo a determinado alumnado, concretamente aos do primeiro ciclo da ESO, desde que nun determinado intre se observou que só participaban os máis cativos e os demais optaban por un lecer malentendido, o de non comer castañas nin deixalas comer.

O lugar escollido cremos que é o ideal, o parque forestal de Beade, porque permite disfrutar dunha xornada en contacto  coa natureza e de respecto con esta, e, ao mesmo tempo, festexar este día ao estilo tradicional comendo castañas asadas e saltando entre os castiñeiros, as cerdeiras, os carballos, algún que outro toxo, xesta ou salgueiro, a maior parte destes xa sen folla ou a punto de quedarse nus.

Os preparativos pasan, como en edicións anteriores, por levar algún material de xogos populares: a chave, a corda, os balóns, pero o que maís os motiva  é o sentimento de liberdade e incluso de aventura nesa paisaxe de bosque autóctono e de tempo outonal.

Os días previos á celebración foron varios carteis informativos os que puxeron ao alumnado en relación co Magosto: coplas, refráns, receitas de cociña que teñen a castaña como elemento principal, así como outros datos relativos á produción e transformación do produto homenaxeado.Falouse de que a castaña foi moi importante na alimentación dos nosos antepasados mentres non chegou o millo e as patacas de América, que  actualmente se aproveita para usos máis sofisticados na elaboración do “marron glacé”(castaña confeitada) ou como complemento para pratos da cociña moderna: xabarín con castañas, e receitas máis tradicionais que teñen a castaña case como base  única: asadas, cocidas, xeralmente con fiúncho e despois acompañadas de leite frío. Incluso alguén apuntaba que era de mal agoiro pisar unha castaña porque iso non ía favorecer os amores ao establecerse unha relación de semellanza entre a castaña e o corazón ou que outros  puidesen  pillar “unha castaña” aínda que fose sen viño.

A xornada foi ben aproveitada, todo se desenvolveu moi rápido: Saír do centro ás 10,40 h, chegar ao Parque sobre as 11,30 e ao pouco tempo xa estaban degustando a primeira fornada  de castañas asadas, pero houbo que repetir ata cinco ou seis veces o ritual de asar porque para saciar a  cento cincuenta comensais había que espabilarse aínda que a leña non axudase moito e houbese que recolectar algunha polo arredor. Cando xa estabamos decididos a voltar ao Instituto algúns deciden iniciar unha aventura montesía e perderse por entre a maleza. Todo quedou nun pequeno susto que se resolveu de contado e que nos permitiu voltar ao Instituto sen novidade e segundo o horario previsto.Houbo algún grupo que mesmo se atreveu a cantar, -1º ESO C- , aínda que o resultado fose abondo pobre pero  prometeron que o próximo ano o ían facer mellor porque xa contaban con antelación coa letra das coplas e con máis tempo para os ensaios.

De entre as coplas que se incluían no repertorio incluímos aquí unha pequena mostra e agardamos que o próxima edición de non ser mellor que non sexa peor.

outra.JPG

Naquela banda do río

ten meu pai un castiñeiro,

dá castañas en outono

e uvas no mes de xaneiro

Non chas quero, non chas quero

     castañas do teu magosto,

     non chas qero, non chas quero,

      que me cheiran a chamosco.

Canta cuco, canta cuco,

na galla do castiñeiro,

coa machadiña na man,

aprendendo a carpinteiro.

Non chas quero, non chas quero…

Miña nai dóeme a barriga,

-Miña filla, confesión.

As castañas que comiches

de que castiñeiro son?

Non chas quero, non chas quero…

Moza que estás no canizo,

tira castañas abaixo,

anque non teña mandil,

acádochas co refaixo.

  Non chas quero, non chas quero…

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Do IES do Castro a Castromao

Publicado o 20 Maio, 2009 na sección Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

Despois de máis de dez anos de visitas continuadas ás terras da Baixa Limia e de Celanova, cremos que xa estamos en condicións de poder considerar esta actividade como típica para o alumnado de 3º da ESO. Por iso, e a pesar de que as condicións climatolóxicas non eran moi apropiadas, e cando eran sobre as 11 da mañá estabamos realizando a primeira parada técnica na localidade de Río Caldo (Lobios), no presente curso 2008-09, o pasado trece de maio, aproveitando que os días son máis longos e a natureza está no seu máximo apoxeo, aqueles desprazáronse ata esas comarcas, limítrofes, en parte,  con Portugal. Non podemos perder de vista que inicialmente proxectárase en cursos pasados de realizar a ida, -por ser máis curta- por terras portuguesas e a volta por Ourense, e, ademais, unha das ideas que preside a actividade é a do libro de relatos de X.L. Méndez Ferrín que, precisamente, se titula Arraianos e inclúe como protagonistas daqueles a persoas que se moven entre a realidade e a ficción por esta raia seca galego-portuguesa.

(Ler o resto do artigo »)

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo