Andaina ao monte Aloia
Nesta primavera abondosa en choivas e que invita a mergullarse na natureza, o pasado trinta de maio, o alumnado de primeiro de Bacharelato aparcou por unhas horas os libros e os cadernos para enfundarse en calzado de montaña e roupa adecuada para iniciar unha andaina, xa popular, desde a localidade de Vincios ata o monte Aloia.
ÁREA DE DESCANSO CON BANCOS E AUGA ABONDOSA EN MORGADÁNS
A primeira etapa da andaina transcorre con normalidade e lévanos ata os montes veciñais de Morgadáns,onde aínda hoxe é doado ver pastar cabras, vacas e cabalos polo monte aínda que a vexetación abondosa de piñeiros e eucaliptos dificulte o aproveitamento dos pastos.
SEGUNDA ETAPA DESPOIS DE PASAR PRADO
Despois de deixar o Galiñeiro á nosa esquerda e observar algún que outro atentado á natureza coas canteiras a ceo aberto que están modificando a paisaxe de xeito irreversible e algún núcleo de poboación que, moi na liña galega do feísmo, se atopan ao londo do itinerario, xa se empezan a insinuar as estribacións do Aloia.
Antes de desfrutar desta imaxe de felicidade algúns tivemos que sufrir a dureza das condicións do terreo, cun desnivel considerable, maís ben para aqueles que non estamos moi acostumados a estas xeiras na natureza. O esforzo mereceu a pena e tamén para poñer a proba as nosas posibilidades físicas para este tipo de actividades. Agardamos volver.
Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo
Homenaxe a Celso Emilio
Á ENTRADA DO INSTITUTO DE CELANOVA
HOMENAXE AOS POETAS DE CELANOVA
9 DE MAIO DE 2012
Con este humilde ramallo, engarzado con poliñas de oliveira, ombú e unhas roseiras,todas elas cortadas no día de onte no xardín do Instituto do Castro, queremos sumarnos ás múltiples homenaxes que, no centenario do nacemento de CELSO EMILIO FERREIRO, se lle van tributar ao poeta nacido en Celanova en 1912.
Explicaremos por que escollemos estas tres plantas. A oliveira por ser a árbore coa que se identifica a nosa cidade, Vigo, e que foi tamén a de Celso Emilio; o ombú ou árbore da bela sombra, que tamén é a árbore nacional de Arxentina, e que evoca a acedume da emigración do poeta e de Galicia en xeral,motivo polo cal tamén hai un exemplar na casa da Matanza en Padrón ou casa-museo de Rosalia, e, por último, as roseiras, como símbolo universal do amor e da paixón que están presentes en todos os poetas,chámense Curros Enríquez, Celso Emilio ou Méndez Ferrín.
A todos eles grazas pola súa obra e que as súas ensinanzas prendan nas novas xeracións.
ALUMNADO DE 3º DA ESO DO IES DO CASTRO DE VIGO
DESDE VILANOVA DOS INFANTES CON CARIÑO PARA QUEN O VEXA
Imprimir este Artigo
Viaxe centenaria a Celanova
DIANTE DO BUSTO DE CELSO EMILIO.MATEO LE O MANIFESTO E CELIA DEPOSITA O RAMALLO
Non é esta a centésima vez que viaxamos á Baixa Limia e ás terras de Celanova, pero si é unha viaxe centenaria porque este ano, a diferenza dos anteriores, incluíase no programa un acto de homenaxe ao poeta de Celanova,Celso Emilio Ferreiro, por ter nacido nesta vila no ano 1912. Pois ben, como en edicións anteriores, a lexión de alumnado de 3º da ESO, o pasado día nove de maio de boa hora -aínda que sempre hai alguén que para desgraza dos demais retrasa a saída- con ameazas de tormenta, raxeira e choivas, encamiñouse cara ao sur ourensán ao parque natural da Peneda-Xurés na Baixa Lima, concello de Lobios
NOS MILIARIOS, A PUNTO DE INICIAR A ANDAINA POLA VIA ROMANA
Despois de realizar unha parada técnica no balneario de Riocaldo, chégase ata o lugar coñecido como dos Miliarios -porque aquí se concentraron varios exemplares- para iniciar unha andaina pola Vía Nova ou Vía XVIII que unía Braga con Astorga, e poder desfrutar dun espectáculo de colores e olores dunha floresta espectacular de érbedos, urces, xestas, así como dos sons de augas torrenciais que baixan pola aba da montaña dando lugar ás fervenzas espectaculares de Corga da Fecha ou outras menos caudalosas pero non por iso menos importantes polo que colaboran ao caudal do río, que este ano leva arrastrado xabre e rochas a ambas beiras e mesmo impedindo o paso por algúns dos lugares polos que habitualmente se soía transitar con facilidade. Ao chegarmos á zona recreativa de Riocaldo, agárdanos como sempre o ansiado baño nas augas termais que este ano non resulta doado combinar coas do río polo caudal e a friaxe das mesmas. A segunda etapa acércanos ata o encoro das Conchas, logo de deixar á nosa esquerda o templo de Santa Comba de Bande, xoia arquitéctonica da arte visigótica en Galicia, e ofrecernos o concello de Bande a posibilidade de visitar o centro de interpretación de Aquis Querquennis, visitar a exposición permanente e completar a información cun pase audiovisual sobre a Vía Nova. No exterior agárdanos o mar interior do encoro das Conchas que non submerxiu as excavacións do campamento romano nin da mansión romana alí conservados. Entre muros,arxila e arcos de medio punto, por onde hai vinte séculos se paseaban lexionarios e cabalos romanos, aproveitamos para repoñer forzas cando xa o sol se impuxo á choiva. Como case toda a xornada, a fume de carozo, subimos ao alto do Vieiro (850 m) para descender ao val de Celanova e saudar en primeiro lugar os bustos de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, e renderlle a este a nosa homenaxe particular. A visita obrigada ao mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado por San Rosendo, e que ten acollido entre as súas paredes multitude de servizos á vila -uns máis gratificantes que outros, por exemplo cando foi prisión e Celso Emilio sufriu a frialdade daquelas pedras que logo darían lugar ao famoso poemario Longa noite de Pedra- , serve para descubrir a magnitude deste mosteiro e das xoias que garda no interior: claustro barroco, capela de San Miguel (mozárabe), o retábulo ou o órgano, este case único en España e do que algúns puideron escoitar algunhas notas interpretadas pola organista responsable.
BAÑO NAS AUGAS TERMAIS DE RIOCALDO
A denominación de Celanova como “terra de poetas” queda probada coa visita á que foi a casa natal de M. Curros Enríquez e que hoxe acolle a fundación Casa dos poetas para renderlles tributo aos mortos e tamén aos vivos, que, como no caso de X. Luis Méndez Ferrín, á parte da súa contribución narrativa a esta comarca con Arraianos, preside a Real Academia Galega. Non podiamos deixar de visitar o lugar que serviu de inspiración a Curros Enríquez para recoller a lenda de tradición mariana da virxe do Cristal, Vilanova dos Infantes, lugar que segundo a tradición tería grandes zapateiros, panadeiros e músicos e que na actualidade acolle unha feira de artesanía todos os 17 de maio, coincidindo coas Letras galegas. Aquí, agárdanos o crego da parroquia que custodia a imaxe da virxe,e sempre moi atento llela mostra aos interesados rapaces e á vez sorprendidos polo seu diminuto tamaño, mentres a sombra da torre de homenaxe do antigo castelo vixía as terras de Celanova co seu Castromao altivo e as lonxanas Martiñá, Larouco ou montes do Furriolo. A volta á cidade realízase polo interior salvando a canle do Miño por Cortegada e coa firme vontade de que o próximo curso se poida voltar, e se alguén pensa doutro xeito que saiba que sempre estará presente no noso corazón.
O MUÍÑO AO PÉ DO RÍO CALDO, PEGADA DOUTROS TEMPOS
Imprimir este Artigo
O alumnado de 1º da ESO clausura o ano internacional dos bosques
O IES DO CASTRO CLAUSURA O ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES CUNHA PLANTACIÓN NO MONTE VECIÑAL DE CORUXO-FRAGOSELO
COS CARRABOUXOS NUN PRIMEIRO PLANO,MENTRES FÁTIMA E BEA DE 4º DA ESO REPRESENTAN Á AXENDA 21.AS CHOIVAS DE ABRIL DEIXAN ESTE MANTO VERDE E UNHA VEXETACIÓN EXUBERANTE
O Instituto do Castro, en colaboración coa Comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Coruxo vén de completar o labor inciado no ano 2011, ao coincidir este coa celebración internacional dos bosques e termos organizado diversas actividades entre ambas institucións.
No outono, cando o monte presenta unha face moi diferente á actual, levouse a cabo unha andaina co alumnado de terceiro da ESO para dar a coñecer e así respectar o patrimonio material e inmaterial que representan os montes veciñais en man común das parroquias periurbanas de Vigo; isto é, a importancia paisaxística, de lecer para diferentes actividades deportivas (ciclismo, senderismo, rutas a cabalo, etc.) e, por que non, o interese económico que supón para as persoas que perciben un salario polo seu traballo e para a comunidade polos ingresos da madeira, biomasa, cogomelos, froitos en cantidade de castañas, cereixas, noces ou mesmo nísperos.
DEIXAMOS ÁS COSTAS A RÍA E INICIAMOS O ASCENSO CARA Á REGUEIRA DE LAXIADE
Agora, coa primavera, foi o alumnado de primeiro da ESO, o que o día 17 de abril, despois dalgunhas explicacións previas na aula, puido desfrutar dunha xornada -cremos que inesquecible para algúns- de inmersión na natureza.
O día, coa ameaza constante de brétema, orballo e choiva, non arredou os organizadores e profesorado acompañante para trasladarnos ata a aba do monte onde se atopa a sede da Comunidade de montes, preto da capela de San Sebastián. Aquí, Aroa, unha das persoas que traballa para aquela, explícalles aos rapaces algúns aspectos relativos ás enerxías renovables e, en particular, o aproveitamento dos restos vexetais para a elaboración de compost como substrato/abono e a biomasa paroutras enerxías. A seguir, todos os que quixeron puideron manosear o cómpost e depositar algunha semente de ameneiro, piñeiro, etc. como unha nova experiencia e, se é posible, o próximo ano velas crecidas.
Aproveitando que escampaba, saímos en dirección ao petroglifo de Carballoso -que non se viu pola dificultade no acceso- e, despois de deixar varios microhábitats atrás, modificados pola man humana, e poder ver como ao lado da flora alóctona (eucalipto ou acacacia negra) conviven especies autóctonas (carballo, nogueira, cerdeira, capudre, érbedo, etc) e desfrutando dunha especie de corredor verde sobre a Ría, aproveitouse para facerlles reflexionar ao alumnado sobre conceptos tantas veces teóricos como: illa (Toralla, Cíes), val(Fragoso), cabo (Home), praia/areal (Sami), península (O Morrazo), etc.
Iniciamos o ascenso pola cara oeste en dirección á Regueira de Laxiade, un dos recunchos mellor recuperados, que despois de ter pasado por debaixo de piñeiros, eucaliptos ou carballos nos adentran na regueira con vexetación propia dese entorno: freixos, abelairas, amieiros ou acivros e,como non, auga e pegadas de xabarín, tritón ou píntegas que coa humidade afloran nestes días.
MOMENTO DE MÁXIMO ESFORZO PARA ALGÚNS, MENTRES PABLO ANIMA AOS DEMAIS.
Bautizamos este recuncho como “O Castriño”, pola súa ubicación e relación co nome do Instituto.
Unha vez repostas as forzas coa merenda matinal,continuamos co descenso cara ao punto verde, despois de rebasar outra regueira con abundancia de bosquetes con castiñeiros, acivros, bidueiros, cerdeiras, nogueiras ou espiños e mesmo unha árbore en flor:tulipeiro de Virxinia, que sorprende pola súa vistosidade, o mesmo que os carrascos violetas, toxos e xestas amarelos. Neste punto vemos como a máquina está a triturar o que vai ser o cómpost ou se vai destinar para a obtención de enerxía máis limpa.
En todo este percorrido non podía faltar unha explicación contundente do profesor especialista, de como o eucalipto se reproduce con tanta facilidade polas características morfolóxicas e a intervención humana para multiplicalo cando arde ou se tala, a pesar de que agora está ameazado por un escaravello que para combatelo tamén se consideran contaminantes os produtos fitosanitarios empregados. En conclusión, que calquera monocultivo é malo, porque ante unha praga, mesmo do castiñeiro, o panorama pode ser arrepiante como está a pasar co nematodo do piñeiro no sur da provincia de Pontevedra.
Cando xa é mediodía, agárdannos nun recuncho do monte -ao que bautizaremos como O Castriño-,un grupo de tres operarios (Aos que damos as grazas de maneira especial)coas ferramentas (laia e sacho)propias da ocasión para cubrir o obxectivo máis importante: plantar unha árbore.
A terra xa fora traballada polos operarios e así o labor resultou máis doado, aínda que non sinxelo porque para a maioría dos rapaces era a primeira vez que vían un sacho nas mans e iso non só era unha dificultade senón que tamén era un perigo polos movementos descontrolados das ferramentas que puideran acabar no corpo dalguén que tiña ao seu redor. Afortunadamente todo se resolveu satisfactoriamente e cada parella tivo o seu momento de gloria para facer o buraco, coller o carballo, depositalo no foxo e mesmo bautizalo. Cando estabamos a rematar, e aceptando que a natureza é sabia, empezou a chover para que os setenta carballos iniciásen así unha nova vida neste lugar escollido pola Comunidade de montes con vistas á cidade e que desde ese día os noventa nenos sentirán como algo máis seu e coa firme vontade de voltar en anos posteriores.Para que a mañá fose aínda máis plena, e por aquilo do patrimonio inmaterial, non podían faltar unhas patadas ao balón aínda que xa chovía miudiño.
A colaboración dos operarios foi fundamental
Cos eucaliptos ameazantes, o profesor explica algunha das maldades desa árbore
Imprimir este Artigo
Reportaxe fotográfica do Entroido 2012 no IES do Castro
Clique na imaxe ou na ligazón debaixo para visitar o sitio web dende onde se poderán ver as fotos da reportaxe e descargalas
As imaxes teñen unha resolución de 1000 px e 300 dpi, co cal a súa impresión será bastante aceptable
http://www.zatovisualworks.com/iesdocastro/entroido2012/
Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo













