Viaxe centenaria a Celanova

Publicado o 13 Maio, 2012 na sección Celebracións por Xulio Dobarro

celso-2.JPG

DIANTE DO BUSTO DE CELSO EMILIO.MATEO LE O MANIFESTO E CELIA DEPOSITA O RAMALLO

Non é esta a centésima vez que viaxamos á Baixa Limia e ás terras de Celanova, pero si é unha viaxe centenaria porque este ano, a diferenza dos anteriores, incluíase no programa un acto de homenaxe ao poeta de Celanova,Celso Emilio Ferreiro, por ter nacido nesta vila no ano 1912. Pois ben, como en edicións anteriores, a lexión de alumnado de 3º da ESO, o pasado día nove de maio de boa hora -aínda que sempre hai alguén que para desgraza dos demais retrasa a saída- con ameazas de tormenta, raxeira e choivas, encamiñouse cara ao sur ourensán ao parque natural da Peneda-Xurés na Baixa Lima, concello de Lobios

NOS MILIARIOS, A PUNTO DE INICIAR A ANDAINA POLA VIA ROMANA

miliarios-1.JPG

Despois de realizar unha parada técnica no balneario de Riocaldo, chégase ata o lugar coñecido como dos Miliarios -porque aquí se concentraron varios exemplares- para iniciar unha andaina pola Vía Nova ou Vía XVIII que unía Braga con Astorga, e poder desfrutar dun espectáculo de colores e olores dunha floresta espectacular de érbedos, urces, xestas, así como dos sons de augas torrenciais que baixan pola aba da montaña dando lugar ás fervenzas espectaculares de Corga da Fecha ou outras menos caudalosas pero non por iso menos importantes polo que colaboran ao caudal do río, que este ano leva arrastrado xabre e rochas a ambas beiras e mesmo impedindo o paso por algúns dos lugares polos que habitualmente se soía transitar con facilidade. Ao chegarmos á zona recreativa de Riocaldo, agárdanos como sempre o ansiado baño nas augas termais que este ano non resulta doado combinar coas do río polo caudal e a friaxe das mesmas. A segunda etapa acércanos ata o encoro das Conchas, logo de deixar á nosa esquerda o templo de Santa Comba de Bande, xoia arquitéctonica da arte visigótica en Galicia, e ofrecernos o concello de Bande a posibilidade de visitar o centro de interpretación de Aquis Querquennis, visitar a exposición permanente e completar a información cun pase audiovisual sobre a Vía Nova. No exterior agárdanos o mar interior do encoro das Conchas que non submerxiu as excavacións do campamento romano nin da mansión romana alí conservados. Entre muros,arxila e arcos de medio punto, por onde hai vinte séculos se paseaban lexionarios e cabalos romanos, aproveitamos para repoñer forzas cando xa o sol se impuxo á choiva. Como case toda a xornada, a fume de carozo, subimos ao alto do Vieiro (850 m) para descender ao val de Celanova e saudar en primeiro lugar os bustos de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, e renderlle a este a nosa homenaxe particular. A visita obrigada ao mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado por San Rosendo, e que ten acollido entre as súas paredes multitude de servizos á vila -uns máis gratificantes que outros, por exemplo cando foi prisión e Celso Emilio sufriu a frialdade daquelas pedras que logo darían lugar ao famoso poemario Longa noite de Pedra- , serve para descubrir a magnitude deste mosteiro e das xoias que garda no interior: claustro barroco, capela de San Miguel (mozárabe), o retábulo ou o órgano, este case único en España e do que algúns puideron escoitar algunhas notas interpretadas pola organista responsable.

bano.JPG

BAÑO NAS AUGAS TERMAIS DE RIOCALDO

A denominación de Celanova como “terra de poetas” queda probada coa visita á que foi a casa natal de M. Curros Enríquez e que hoxe acolle a fundación Casa dos poetas para renderlles tributo aos mortos e tamén aos vivos, que, como no caso de X. Luis Méndez Ferrín, á parte da súa contribución narrativa a esta comarca con Arraianos, preside a Real Academia Galega. Non podiamos deixar de visitar o lugar que serviu de inspiración a Curros Enríquez para recoller a lenda de tradición mariana da virxe do Cristal, Vilanova dos Infantes, lugar que segundo a tradición tería grandes zapateiros, panadeiros e músicos e que na actualidade acolle unha feira de artesanía todos os 17 de maio, coincidindo coas Letras galegas. Aquí, agárdanos o crego da parroquia que custodia a imaxe da virxe,e sempre moi atento llela mostra aos interesados rapaces e á vez sorprendidos polo seu diminuto tamaño, mentres a sombra da torre de homenaxe do antigo castelo vixía as terras de Celanova co seu Castromao altivo e as lonxanas Martiñá, Larouco ou montes do Furriolo. A volta á cidade realízase polo interior salvando a canle do Miño por Cortegada e coa firme vontade de que o próximo curso se poida voltar, e se alguén pensa doutro xeito que saiba que sempre estará presente no noso corazón.

muino-2.JPG

O MUÍÑO AO PÉ DO RÍO CALDO, PEGADA DOUTROS TEMPOS

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo