

Marcos Calveiro co alumnado de 1º da ESO
Sobre a pantalla as pedras negras
O azar quixo que a semana pasada coincidira a presentación do libro “Palabras de agua”, polo seu autor Marcos Calveiro, co pasamento de Nelson Mandela, premio nóbel da Paz, presidente de Surafrica e principal líder da loita contra o apartheid .
Pois ben, o alumnado de 1º da ESO escoitou do propio autor cales foron algunhas das razóns que o motivaron para artellar esta narración, que no ano 2012 recibiu o premio Merlín. Para iso, iniciou a charla-coloquio cunhas imaxes que, en parte corresponden ás ilustracións do libro, e, outras, que a el o impresionaran cando as viu nunha revista e que ilustraban a miseria dalgunhas tribos africanas cando tiñan que aproveitar os restos das formigas ao redor dos termiteiros e, a partir de aí foi afondando en diferentes cuestións de tipo cultural, usos, costumes, crenzas, etc. ata obter o produto xa coñecido pola maioría do alumnado.
Recordounos que o libro é unha homenaxe aos nenos e mulleres africanas que en pleno século vinte e un viven nesas tribos, moitas delas alleas ao poder político oficial dos diferentes estados, sexan estes “pobo” senegalés, congoleño ou angoleño, e moitos outros
Libros,autor e lectores entusiasmados
En palabras da editorial, Edicións Xerais, -que, dito sexa de paso, foi a que nos brindou a oportunidade de contar no Instituto con Marcos-, o relato “é unha viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura, mais tamén un camiño iniciático cara á madurez”.
En esencia, Marcos presentounos a situación que sofren case todas as tribos africanas a causa da seca, os incendios intencionados das multinacionais para arrasar coa flora e fauna e así sementar soia, as loitas étnicas que acaban dexenerando en verdadeiros xenocidios, desprazamentos masivos e a inmigración que desde o Sahel chega ata o Mediterráneo para aquí atoparse coa barreira infranqueable da incomprensión e a falta de solidariedade dos estados “ricos”.
Polo tanto, case podemos dicir, que se presentou unha análise sociolóxica de África a través dunha historia sinxela protagonizada por Amadou e a súa familia, que son vítimas da fame, da explotación laboral, e da hipocresía dos estados que miran para outro lado, ou mesmo da natureza que lles é adversa.Como exemplo máximo desta explotación extrema está a que protagoniza o irmán de Amadou cando é secuestrado por soldados e sofre unhas durísimas condicións de inseguridade laboral cavando e carrexando “as pedras negras” (o coltan), mineral moi prezado na actualidade polo alto valor de mercado ao ser básico para a fabricación de móbiles. Por iso o autor,como querendo lanzar un SOS á nosa conciencia, nos recordou que, en certo modo as sociedades maís “desenvoltas” teñen unha parte de culpabilidade porque “todos os móbiles levan no seu interior algunhas pingas de sangue humano” e, o que é peor, de “sangue novo”.
Aínda quedou un momento para o lecer cunha animada sinatura de libros e autógrafos e o desexo de que o espirito de Madiba perdure ata o infinito e máis alá.
Non había présa por ir ao recreo

Recollida Banco de Alimentos
Mañán xoves 19 de nadal remata o prazo para os que queran entregar no Instituto a súa contribución ó Banco de Alimentos. O Equipo de Voluntariado do Instituto quere agradecer en nome do Banco de Alimentos e das familias necesitadas a contribución de todos os que estades aportando a vosa axuda e ós que o fagades entre hoxe e mañan.


Actividades do venres 20 de decembro
Estimados pais/titores:
O próximo venres, dia 20 de decembro de 2013, o IES do Castro suspenderá as clases ordinarias e alterará o horario habitual tal e como se indica a continuación:
1- A hora de entrada será ás 10:30h e os titores dos diferentes grupos entregarán as cualificacións da primeira avaliación nas aulas correspondentes de cada grupo (para 1º e 2º da ESO) ou na aula de materia do profesor titor (no caso do resto dos cursos).
2- Ás 11,00h dará comezo o Festival de Nadal, con diversas actuacións musicais tanto por parte do alumnado coma do profesorado. A hora prevista para o remate do festival será ás 13:00h.
3- O alumnado deberá permanecer no centro ata as 13,00h, coa excepción dos/as alumnos/as de 4º da ESO e Bacharelato que teñan autorización paterna por escrito para saír antes (en ningún caso poderán saír antes os alumnos/as de 1º, 2º e 3º da ESO). A este respecto recórdase que están a disposición do alumnado, tanto en conserxería como na web do IES do Castro, as follas oficiais de xustificación de faltas que serán as esixidas como autorización.
Bo Nadal e Aninovo
A Dirección

Conferencia sobre os montes veciñais en man común en xeral e os periurbanos de Vigo
Os dous técnicos da Consellería do medio rural na conferencia
O xoves 28 de novembro, presentóuselle ao alumnado de 3º da ESO, o proxecto no que imos traballar ao longo deste curso dentro do progama MONTENTÉRATE da Consellería de Educación en colaboración coa de Medio rural e do mar.
Pois ben, para ter un coñecemento máis preciso sobre a historia, a transformación e a actualidade dos MVMC en Galicia contamos coa colaboración da Secretaría do medio rural e do mar para o que se desprazou ata o centro o enxeñeiro de montes, Alejandro García Puente, que disertou extensamente sobre este espazo tan característico de Galicia,e explicou como hoxe, quizais máis que nunca, estes montes están de actualidade ao cambiar a situación xurídica despois do cambio da situación política coa Autonomía e a posta en valor daqueles.
Por outro lado, púxose de relevo a importancia da existencia destes montes, non só polo seu valor como patrimonio material para os comuneiros pola rendabilidade do aproveitamento forestal para madeira, biomasa, etc, senón tamén, e, quizais sobre todo para un alumnado urbano, como é o caso, polo patrimonio inmaterial desde o punto de vista paisaxístico, cultural ou de lecer.
A idea que anima a esta actividade parte dun principio comúnmente aceptado, isto é, que se non se coñece algo, -como soe ser o caso do que estamos a falar- non se lle dá o valor que merece, que como se viu, no caso da cidade de Vigo é moito.
Ademais, resulta sorprendente saber que son arredor de 700000 Ha. de superficie de MVMC coas que contamos en Galicia e que son arredor de 2800 Comunidades de montes as que os xestionan. Coa particularidade de que probablemente moitos destes espazos, hoxe incluídos dentro da Rede natura, xa non estarían porque seguramente se destinarían a outros usos se non estivesen protexidos pola lei.
En resumo, e facendo nosas as palabras de Eloy Enciso Cachafeiro que vén de estrear “Arraianos” no cine diremos que “O MVMC fala moito da identidade e da memoria” e que Galicia é singular non só pola lingua, a historia, ou a cultura en xeral, pero tamén o é polo seu MONTE e, de maneira especial, polo MVMC.
A segunda parte da conferencia estivo a cargo de Luís Enrique Martín Uriarte, técnico forestal do distrito XVIII do Porriño, que con moito fervor, cabeza e, sobre todo, corazón, se adicou a contarnos todas as belezas dos montes periurbanos da cidade de Vigo e como a ferradura que se estende desde Teis ata Saiáns nos permite desfrutar dun patrimonio natural e paisaxistico excepcional, ademais do interese cultural (mámoas, petróglifos, lendas, toponimia, etc.) que se pode atopar nese percorrido. Tamén aproveitou para indicarlles aos oíntes aquilo que non se debe facer para que o monte sexa rendible e sostible, evitando, por exemplo, a caza próxima ás casas, rueiros para motos e bicis de montaña que perturban a paz da contorna do monte ou arrasan con especies da flora e fauna.
En resumo, cremos que a conferencia foi moi rendible desde o punto de vista da adquisición das competencias básicas e, de xeito especial,na do coñecemento e na interacción co medio físico.Esta actividade terá continuidade na primavera coa inmersión do alumnado nalgún destes montes da periferia da cidade.

A contorna do CASTRO como recurso didáctico
O alumnado de 3º de ESO C accedendo ao recinto amurallado
O curso pasado non se chegou a realizar esta actividade porque ao estar programada para o mes de maio sempre presenta dificultades por ser datas próximas á fin de curso. Por iso, este ano se anticipou ao veraniño de San Martiño para ver a cara do outono no monte do Castro. Son os grupos de 3ª da ESO os que tradicionalmente veñen realizando esta actividade e que consiste esencialmente nunha reflexión sobre o máis próximo e, en particular, sobre aquilo que -que é moito- nos fala da orixe da cidade, da súa historia, da súa paisaxe, do seu pasado e presente, do patrimonio vexetal e arquitectónico e outras moitas curiosidades.
Pois ben, a tarefa consiste na resolución dun cuestionario que o alumnado deberá responder segundo unha serie de puntos de interese. Estes puntos de interese arrancan do xardín do Instituto, desde onde deberá situar o centro con respecto aos puntos cardinais e dar detalle sobre unha serie de árbores e froitos do recinto. De seguido achéganse ata a igrexa da Soedade na que, entre outras observacións, deberán explicar o estilo arquitectónico, recoñecemento das letras do frontis e o número áureo.
Na aba do Castro atopamos as escavación iniciadas por X. Mª. Álvarez Blázquez, e que serven como reflexión sobre as orixes da cidade e a romanización. Nun nivel intermedio ubícase o momumento homenaxe sobre a batalla de Rande (1702) e lles vale como reflexión sobre a lenda que rodea os galeóns que viñan cargados de metáis nobres e especias das “Indias”, e,como non, a referencia a X. Verne que incluíu na súa obra “Vinte mil leguas de viaxe submarina” á enseada de Rande.
En primeiro plano a demolición do Castillo
Non foi coincidencia, senón unha oportunidade única para ver como, na medida do posible, as cousas mal feitas deben ser corrixidas. Referímonos á demolición e traslado do que foi un lugar de culto gastronómico, o restaurante El castillo, que despois de moitos tiras e afrouxas, finalmente está sendo derrubado para que quede visible a muralla do que foi unha fortaleza case única do séc. XVIII, segundo testemuño do arquitecto vigués Jaime Garrido. Como non podía ser menos, e considerando que o edificio, sen ser extraordinario tampouco era un adefesio, ponse de manifestó como por enriba do custe debe prevalecer a historia e o respecto polo patrimonio.
De camiño, e aproveitando que xusto debaixo se atopaba un busto de Curros Enríquez -que tamén foi trasladado aos xardíns do Areal para darlle maior visibilidade- e que estamos no paseo de Rosalía de Castro, cheo de coches, coméntase a importancia que tiveron estes autores para as letras galegas e de maneira especial no Rexurdimento e a necesidade de convertir en peonil todo o monte.
Pasamos ao lado do estanque ao que tantas veces sendo nenos lles foron dar de comer aos parrudos, escoitar as rulas e pombas que peteiran ao seu redor e, de aquí ao interior do recinto amurallado ata chegar ao punto máis alto, despois de deixar á nosa esquerda o monumento á memoria histórica dos que foran fusilados cando a Guerra Civil. Desde o mirador orientado á Ría procuramos identificar os puntos geográficos máis relevantes: Cíes, O Morrazo, Rande, A Guía, etc.
Alumnado de 3º ESO B accedendo ao recinto amurallado
De volta ao Instituto detémonos á beira do monumento a Martín Códax e aproveitamos para reflexionar sobre os xograres da Ría de Vigo da lírica medieval. Ademais, en dirección sur-oeste tamén se aproveita para analizar a paisaxe nas diferentes manifestacións en canto a altitude e orografía: O Galiñeiro, Alba,Cepudo, O Lagares, Val do Fragoso,etc. Cando xa transcorreron case tres horas, entramos no centro coa idea de que é moi importante coñecer este patrimonio tan noso,tan cercano -e ás veces tan descoñecido-, e así respectalo e conservalo para nós e as xeracións vindeiras

