Marcos Calveiro co alumnado de 1º da ESO
Sobre a pantalla as pedras negras
O azar quixo que a semana pasada coincidira a presentación do libro “Palabras de agua”, polo seu autor Marcos Calveiro, co pasamento de Nelson Mandela, premio nóbel da Paz, presidente de Surafrica e principal líder da loita contra o apartheid .
Pois ben, o alumnado de 1º da ESO escoitou do propio autor cales foron algunhas das razóns que o motivaron para artellar esta narración, que no ano 2012 recibiu o premio Merlín. Para iso, iniciou a charla-coloquio cunhas imaxes que, en parte corresponden ás ilustracións do libro, e, outras, que a el o impresionaran cando as viu nunha revista e que ilustraban a miseria dalgunhas tribos africanas cando tiñan que aproveitar os restos das formigas ao redor dos termiteiros e, a partir de aí foi afondando en diferentes cuestións de tipo cultural, usos, costumes, crenzas, etc. ata obter o produto xa coñecido pola maioría do alumnado.
Recordounos que o libro é unha homenaxe aos nenos e mulleres africanas que en pleno século vinte e un viven nesas tribos, moitas delas alleas ao poder político oficial dos diferentes estados, sexan estes “pobo” senegalés, congoleño ou angoleño, e moitos outros
Libros,autor e lectores entusiasmados
En palabras da editorial, Edicións Xerais, -que, dito sexa de paso, foi a que nos brindou a oportunidade de contar no Instituto con Marcos-, o relato “é unha viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura, mais tamén un camiño iniciático cara á madurez”.
En esencia, Marcos presentounos a situación que sofren case todas as tribos africanas a causa da seca, os incendios intencionados das multinacionais para arrasar coa flora e fauna e así sementar soia, as loitas étnicas que acaban dexenerando en verdadeiros xenocidios, desprazamentos masivos e a inmigración que desde o Sahel chega ata o Mediterráneo para aquí atoparse coa barreira infranqueable da incomprensión e a falta de solidariedade dos estados “ricos”.
Polo tanto, case podemos dicir, que se presentou unha análise sociolóxica de África a través dunha historia sinxela protagonizada por Amadou e a súa familia, que son vítimas da fame, da explotación laboral, e da hipocresía dos estados que miran para outro lado, ou mesmo da natureza que lles é adversa.Como exemplo máximo desta explotación extrema está a que protagoniza o irmán de Amadou cando é secuestrado por soldados e sofre unhas durísimas condicións de inseguridade laboral cavando e carrexando “as pedras negras” (o coltan), mineral moi prezado na actualidade polo alto valor de mercado ao ser básico para a fabricación de móbiles. Por iso o autor,como querendo lanzar un SOS á nosa conciencia, nos recordou que, en certo modo as sociedades maís “desenvoltas” teñen unha parte de culpabilidade porque “todos os móbiles levan no seu interior algunhas pingas de sangue humano” e, o que é peor, de “sangue novo”.
Aínda quedou un momento para o lecer cunha animada sinatura de libros e autógrafos e o desexo de que o espirito de Madiba perdure ata o infinito e máis alá.
Non había présa por ir ao recreo

