Xornada de inmersión cultural do alumnado de 3º da ESO

Publicado o 28 Outubro, 2015 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

                                                                   monxe.jpeg

Un monxe explica algunhas das virtudes do mosteiro

Cando  está a rematar o mes de outono, e denantes de que o inverno deixe núas árbores e  plantas e, en particular, as vides que estes días presentan unha variada gama de cores na comarca do Ribeiro, tivemos a oportunidade de adentrarnos na Galicia profunda, case no seu corazón, porque foron os lugares  de Oseira, O Carballiño e san Cibrao de Las os escollidos para levar a cabo o que poderiamos denominar como bautismo cultural para o alumnado de terceiro da ESO.

Explicaremos  en primeiro lugar o de bautismo cultural, porque, como se puxo de manifesto, para a maioría, lamentablemente, isto de mosteiros, igrexas e pedras como que non lles suscita demasiada curiosidade, e, por iso, as institucións públicas, chámense escolas, institutos, etc. teñen a responsabilidade de  dárlles a coñecer ese patrimonio e así aprender a respectalo. Nesta ocasión foi o patrimonio artístico representado en dúas xoias da nosa arquitectura: O mosteiro, abadía, ou cenobio de Santa María a Real de Oseira e o que queda do castro de San Cibrao de Las, despois de ter pasado polo Carballiño e observar o estilo ecléctico da igrexa da Veracruz do arquitecto Antonio Palacios, porriñés con abondosa obra na comarca (Templo Votivo de Panxón, A Virxe da Roca, edificio do concello do Porriño, por non citar outras moitas na cidade de Madrid e quen propuxo un ambicioso deseño urbanístico para Vigo  que non se chegou a materializar)

sara.jpg

Sara, Samuel, Raquel e Miguel seguen con atención a explicación

Pois ben, a crónica foi máis ou menos así. O día ameazaba choiva constante pero non por iso deixamos de arriscarnos porque así estaba programado. O primeiro punto de destino era a abadía de Oseira e alí aterramos a media mañá despois de deixar atrás a comarca do Ribeiro e cruzar por lugares tan sinalados como Leiro, San Clodio, O Varón, Partovia…Cando nos estamos achegando ao lugar, observamos con sorpresa que eran moitos os pelegríns que seguindo a Ruta da Prata se dirixían cara ao mosteiro e tamén son varias as panadarías que anuncian o famoso pan de Cea, con denominación xeográfica. No fondo dun pequeno val regado polo río Oseira, ao abrigo da serra da Martiñá, móstrase en todo o seu esplendor o espectacular cenobio, rodeado de verdes prados,frondosos  soutos e carballeiras que, como no caso das viñas, tamén estes días poden  presumir  de colorido. Na finca que rodea o edificio pasta ao aire libre gando de raza autóctona frieiresa, unha das últimas incorporacións ás diversa actividades “industriais” que desenvolven os monxes.

Segundo a información facilitada por un dos monxes que actuou como guía, e para entender o porqué alguén quixo outorgarlle ao mosteiro a denominación de “Escorial galego”  chegaría  para confirmalo a  superficie construída de 43000 m.cadrados, e a maiores os 83000 m. da finca que o rodea. A fundación data do ano 1137 e, por destacar algún dato significativo, poderían sinalarse os seguintes: expulsión dos monxes cando a desamortización de Mendizábal, case en ruínas regresan en 1929 e inician unha restauración titánica, chegando a concedérselle o premio Europa Nostra. Algunhas das fontes que presidían os claustros foron trasladadas á cidade de Ourense, despois de ter sufrido algún incendio.

En construción de tales dimensións é doado observar os diferentes estilos arquitectóncos que se encerran tanto no seu interior como fóra. Por sinalar algún elemento especial está a igrexa con planta de cruz latina, que se construiu entre 1200 1 239, polo tanto, momento do esplendoroso románico galego, pero, neste caso, enriquecido con arcos oxivais pola influencia da arquitectura cisterciense -orde á que pertencen os monxes na actualidade-, con abondosas pinturas na bóveda e laterais, así como unha peculiar bóveda de estilo gótico inglés, que, segundo os especialistas é case única en España. Nun espazo anexo á igrexa, actualmente sacristía, atópase a ” xoia da coroa”, a sala capitular do sec. XV que está sustentada por catro columnas centrais de fustes torsos rematando nunha orixinal bóveda con motivos filosóficos, celtas, etc. (Sala das palmeiras, porque as columnas semellan palmeiras en movemento).

junior.jpg

Iníciase o ascenso ao castro

Claustros, cociñas,solainas e escaleiras dunha riqueza decorativa excepcional seguen sorprendendo ao visitante, así como algunha que outra curiosidade como a de que conservan no que foi  a antiga botica do  convento o BOTAME con plantas medicinais desde moi antigo, e eses recipientes son de fabricación orixinal de Sargadelos.

Desde o punto de vista gastronómico, todo parece indicar que a importancia do polbo na comarca do Carballiño se debe a que o mosteiro chegou a ter un priorato da súa xursidición na vila de Marín e que parte dos diezmos serían pagados en especie co antedito cefalópodo, que o darían a coñecer os monxes, aínda que o seu aspecto non fose moi atractivo ao vérllelo comer a aqueles -que aínda hoxe son máis ben vexetarianos  e de peixe-, pois así se fixo popular por aqueles lares. Do resto de produción propia non esqueceremos o famoso eucaliptine, licor con distintos sabores, o que non é de estrañar cando historicamente teñen elaborado champaña, pormenor que non sorprende ao sabermos que a orde aínda segue a ter a día de hoxe a sede central n Francia.

Para despedirnos deixamos ás nosas costas unha fachada ornamentada con columnas salomónicas e un almohadillado que remata coas dúas torres barrocas e o arco de entrada ao recinto que lle concede toda  a solemnidade que o cenobio merece.

Despois de facermos unha parada técnica na vila do Carballiño, dirixímonos a un dos castros máis grandes de Galicia en proceso de escavación desde a metade do século pasado; San Cibrao de Las. Ademais, desde hai pouco tempo funciona na aba do monte un centro de interpretación da cultura castrexa que con abondosa documentación e unha xeira pola “Ciudá” serve de ilustración e reflexión sobre unha etapa tan importante para o coñecemento da nosa historia, a configuración da nosa cultura e, da lingua, en particular.

ascenso.jpeg

Inmersión no castro

Son os guías do recinto os que nos van trasladar a eses tempos prehistóricos e, en particular, ás actividades que puideron desenvolver dentro e ao redor do castro. Lembremos que son aproximadamente catro séculos, desde o II a. C. ata o II d. C, e, polo tanto estamos no momento cumio de transición entre a cultura “autóctona”, castrexa, prerromana e a latinización do noroeste da Península, o que explica , en parte, as grandes dimensións do recinto amurallado e o seu avanzado estado de romanización.

A visita ao centro documéntase cunha introdución a algunhas actividades coñecidas (agricultura, gandería, metalurxía, ourivería, etc), para dar paso  a un percorrido in situ sobre as características da cidade: murallas defensivas, accesos, alxibe, antecroa, lar, ata coroar a croa desde onde as vistas se poden estender ata outros puntos fortificados na antigüidade, así como puntos xeográficos de interese natural como  a serra de san Mamede, monte Faro,Castromao, e mesmo o río Miño, despois de regar a cidade de Ourense, acoutarse en Castrelo de Miño e encamiñarse cara a foz de Camposancos.

lanza.jpeg

Ardor guerreiro e pirómano

A sorpresa da xornada quedou reservada para o final, cando un dos guías do centro se preparou para mostrarnos algunhas réplicas de artiluxios de caza como lanzas de madeira, que foron evolucionando a distintos  metais, pero, o máis impactante foi conseguir lume a partir da frición de dous paus, iesca e estopa. Produciuse o milagre e fíxose o lume, e mesmo algúns participaron do ritual de saltalo como se fose a cacharela de san Xoán.

Chove. Seguen berrando.

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo