Martín de la Puente en Río de Janeiro :)

Publicado o 10 Setembro, 2016 na sección Zona Alumnado, Taboleiro Transversal por Alberte Zato

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

O Ombú xa é árbore senlleira

Publicado o 10 Agosto, 2016 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 cartel-ombu-peq.JPG

 Inicio da campaña.Xa pasaron cinco anos 

Despois de moitas voltas e reviravoltas, o pasado 29 de xullo recibiuse na Secretaría do Instituto a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre a inclusión no catálogo galego de Árbores Senlleiras do Ombú. “Esta resolución conleva a inclusión do exemplar no Catálogo galego de árbores senlleiras, o que se fai coas seguintes especificacións:

Código:149A

Nome da árbore: Ombú do Castro

Especie: Phytolacca dioica L.

Localidade: Vigo

Concello: Vigo

Provincia: Pontevedra” 

Pois ben, como xa anticipaban os medios de comunicación en días pasados a boa nova, a árbore pasa a formar parte dese catálogo galego e será a primeira na cidade e na provincia que se faga acreedora de semellante honra, e, será a terceira en Galicia, xunto coas existentes no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla (Vedra) e no centro cultural de Santa Cruz de Oleiros na provincia da Coruña.

Na cidade olívica vén ocupar o sétimo lugar dentro dese catálogo, despois de ser recoñecidas con anterioridade outras como a oliveira do Paseo de Afonso, O Matusalén,a Tulipeira de Virxinia, e unha Faia,todas estas no  Pazo de Castrelos,  así como unha casuariana na Alameda. Dentro da súa especie, nun catálogo publicado polo concello de Vigo de “Árbores singulares” no ano  1993 informábase da existencia doutro Ombú na rúa Redondo pola zona de Samil. A día de hoxe xa se pode advertir a presenza dalgún outro por Castrelos á beira do río Lagares.

Con este breve relato o que queremos é expresar a satisfacción da Comunidade educativa do Ies do Castro por acadar un obxectivo que se marcara xa hai uns cantos anos e para que todas as xeracións que levan transitado ao longo dos vinte e tres anos de historia do centro saiban que todos os coidados e atencións que se lle renderon deron o seu froito.  Como  xa se ten dito nalgunha ocasión, resulta un tanto paradóxico que o centro de Secundaria máis novo da cidade conte cunha das árbores máis vellas.

Por outro lado, non deixaremos pasar a ocasión para agradecer a sensibilidade dos que desde os alicerces da construción do centro souberon preservar a integridade do que se converteu como nunha especie de tótem  e de culto para  todos aqueles que dun xeito ou outro contribuíron á súa conservación, protección e difusión.En particular, hai que suliñar a solidarieda expresada desde o Consulado da República de Arxentina, e dos escritores M. Rivas e Luís G. Tosar que de xeito expreso asinaron documentos de apoio para que a iniciativa tivese o desenlace coñecido.

Foron moitos os momentos nos que os milleiros de estudantes que levan pasado por aquí se espreguizaron á súa sombra ou mesmo se encaramaron a algunha póla. Sen esquecer a obrigada reportaxe gráfica que cada promoción se acubillou á súa sombra para a despedida definitiva ao ter cursado COU e 2º de Bacharelato.

colectiva.jpg

Promoción 2010-2016 

En fin que,merece unha mención especial o alumnado que rematou este curso 2015-16, porque foron algúns deles os que participaron de maneira activa na creación de materiais como o boceto e documentación inicial que se presentou na primeira solicitude alá pola ano 2012 e que fora resolta negativamente, así como noutras actividades de documentación e información sobre a diversidade botánica do xardín (Axenda 21 de Galicia) e que permite contar na actualidade cunha  Guía dalgunhas das plantas máis visibles da contorna do que está a ser considerado  como un lugar de interese desde o punto de vista medioambiental.

En todo caso, facemos un chamamento á Comunidade educativa do Ies do Castro, e, de maneira especial aos equipos directivos vindeiros, para que esta dinámica de conservación, protección e difusión da nosa flora do xardín se siga mantendo e se lle dea a maior visibilización, tanto de cara ao propio centro, como ao exterior.

A resolución da Consellería  de Medio Ambiente, neste sentido, é clara:“o exemplar cuxa catalogación se solicita, cumpre coas condicións sinaladas no artigo 2º do decreto citado con anterioridade, en canto ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, significación cultural e interese científico e educativo. Polo que conclúe que a árbore obxecto da solicitude é merecente das medidas específicas de protección que supoñen a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras”  

No mes de setembro agardamos realizar algún acto simbólico no que se podería  incluír, por exemplo, a colocación dalgunha placa cos datos obxectivos da árbore, ou algunha outra mención de interese. Ou mesmo programar  algunha actividade escolar de intercambio con institucións unidas por algún vínculo entre Arxentina e Galicia (Consulado de Arxentina en Vigo, colexio Santiago Apostol de Bos Aires, etc.).

grupo-2.jpeg

Profesorado e alumnado de 3º da ESO e Bachar. na compaña  d´O Rivas

En fin, que  como diciá o poeta que anceiaba 1000 primaveras máis para a Lingua Galega, tamén imos expresar o sentir colectivo de moitas persoas vencelladas ao centro no pasado  e presente, desexando que o Ombú chegue a ser, como mínimo, bicentenario.

(Para aqueles que queiran seguir a evolución desta angueira poden consultar na páxina Web do Instituto introducindo no buscador a palabra OMBÚ.Ou tamén consultar nos medios de comunicación local as novas que tiveron como protagonista A ÁRBORE.)

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

O ombú, máis preto de ser senlleira?

Publicado o 21 Xuño, 2016 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

jpg.JPG

O alumnado de 1º da ESO tamén se sumou á petición.Xuño 2016

O DOG DO DÍA 8 DE XUÑO RECOLLE A SOLICITUDE PRESENTADA

ANUNCIO do 18 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se someten a información pública varias solicitudes de inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras.

O artigo 4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, establece o procedemento de catalogación e descatalogación de exemplares e formacións.

As seguintes solicitudes de inclusión de exemplares no Catálogo galego de árbores senlleiras foron realizada polas persoas interesadas de acordo con ese procedemento:

Rexistro de entrada: 4211/RX725693.

Data: 18.3.2016.

Solicitante: IES do Castro.

Especie: Phytolaca dioica L.

Localidade: Vigo.

Concello: Vigo.

Provincia: Pontevedra.

O artigo 4.4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, establece que as solicitudes de catalogación ou descatalogación de exemplares e formacións e a documentación presentada xunto con elas se someterán ao trámite de información pública por un prazo de vinte (20) días, para os efectos de que os interesados poidan presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

EXTRACTO DO DOCUMENTO DO CONSULADO DE ARXENTINA EN VIGO, EN APOIO DA SOLICITUDE DE ÁRBORE SENLLEIRA PARA O OMBÚ:(1º de marzo de 2016)

Tengo el agrado de dirigirme al Señor Director del Instituto do Castro con relación a su correspondencia cursada a este Consulado General.

Al respecto, me es grato conocer de la centenaria existencia de un ejemplar de un “Ombú”en el recinto de vuestra Institución, árbol muy representativo de Argentina que simboliza a la región pampeana y donde tambien se le conoce con el nombre de “árbol del gaucho”. Igualmente cabe destacar que el Ombú, como símbolo estético de la naturaleza, se encuentra presente en la historia misma de nuestra República, enlazada con la poesía y el relato gauchesco así como con el sentir cultural y social más profundo de nuestro pueblo.

En tal sentido, resulta de gran complacencia que nuestro querido Ombú resulte ser un lazo más entre las excelentes relaciones del pueblo Argentino y Español, en especial del pueblo Gallego, y en la muy querida ciudad de Vigo.

Es pues en este contexto, que este Consulado General vería con sumo agrado que el Ombú (especie Phytolaca Dioica) pueda ser declarado como “Árbore senlleira”, y formar así parte del patrimonio inmaterial de la Xunta de Galicia.

Sin más reiterar mi profundo agradecimiento…”

MONÓLOGO DO VELLO OMBÚ

raiz-2016.jpeg

Outono do 2015

En que cavila o “senlleiro” da aba do Castro, despois de tantos anos de presenza calada, pero testemuña de moitas angueiras?

-Lembro cando cheguei, milagrosamente, no transatlántico que me traía desde a Pampa arxentina ao porto de Vigo, encerrado naquel baúl de madeira, sen aire, sen luz, como un escravo, alá polo ano de graza de 1900, e que despois daquela longa travesía enraizaría nestas terras ás que me fun adaptando, como se acostumara, no alén mar, quen me trouxo aquí.

-Botei de menos a planicie e a sombra dos meus proxenitores, porque, o sermos “árbore da bela sombra” ou nacional da Arxentina é por algo, e o feito de que serviramos como marcas das distancias no terreo tamén tiña o seu aquel.Por iso, de cando en vez me invadía a nostalxia, ou o que aquí lle chaman morriña, saudade; pero nunca quixen que a “bela sombra” mudase a “negra sombra”, cando había pouco tempo que a autora que alcuñara esta denominación andara por aquí pola cidade para publicar os seus Cantares gallegos. Mesmo se correra a voz de que o poeta M. Curros Enríquez tamén puxera proa desde a Habana cara á Coruña, onde ía ser homenaxeado naqueles días, 1904, despois de ter traballado arreo, co que ía ser primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, en 1906. E, como non, este ano tamén se leva falado arreo do centenario da fundación das Irmandades da fala en 1916 e do seu principal ideólogo, Antón Vilar Ponte.

-Aquel home, bo e xeneroso, tratoume con moita mimarría. Nos días de calor, cando a seca se prolongaba, de boa hora, denantes de que o sol asomara pola parte de Peinador, xa me viña arrefriar a terra que aínda mantiña a lentura da noite, pero que eu agradecía polo que me agradaba á hora da sesta. Baixo este sol de xustiza, e a medida que ía descendendo cara a Cíes, eu recuperaba o sorriso polas cores entreveradas do solpor e da ría cara a Cabo Home.

-Os invernos non eran tan fríos como eu viña cavilando na travesía, con medo e medio mareado a causa do temporal, pero, aínda así, como aínda non existían os plásticos e os invernadoiros, mandou facer un traxe á medida, a base dunhas telas abrigosas, para protexerme nas noites de xeada.

-Co paso dos anos fun collendo seguridade e medrando coma ningún outro do xardín. O meu amo sempre lle recordaba a un axudante que tiña para as tarefas da horta, que de paso que coidaba dela que me vixiase e me preguntase como estaba de saúde e se precisaba máis auga da que nacía ao meu redor ou abono, que non dubidase en pedirllos.

toro.jpeg

Inverno do  2016

-Foi así como,xa cando eu contaba vinte ou trinta anos, ao señor dáselle por ler en galego e ter curiosidade por algo que chamaban as Irmandades da Fala, o grupo Nós e o Partido Galeguista e entérase que un tal Alfonso D. R. Castelao, despois de ser elixido deputado durante a República, participar na redacción do Estatuto de Autonomía, ser un pensador excepcional e un artista no máis amplo sentido da palabra, ten que iniciar o camiño do exilio a Arxentina a causa da represión exercida durante e despois da Guerra Civil. A todo isto, xa sabedes, que Castelao faleceu e foi enterrada no cemiterio da Chacarita, na cidade de Bos Aires, cerca doutro ombú, e que, tanto eu como Castelao, viñamos sendo dun tempo. O que sinto é que , mi amo, non puido ver o traslado dos restos mortais do pensador á cidade de Santiago de Compostela,ao cemiterio de Galegos Ilustres en 1984, acto que non estivo exento de polémica, porque había persoas que non compartían esa decisión.

-Na “Longa noite de pedra” destes anos difíciles, e ver como “paseaban” a algúns cara ao monte do Castro para ser fusilados ao pé da fortaleza, a min dábame moita mágoa ver como mi amo adoecía de dor propia e pola dor allea. Foi así como, xa eu feito un mozo, puiden sobrevivir ao sufrimento do señor e á maleza que me empezaba a arrodear: aínda quedaban algunhas hortas de cultivo (A Luguesa)pero, ao meu redor, no que antes era un verxel, medran silvas, eucaliptos e algún que outro carballo.

ombu8-peq.JPG

Verán 2012

-Era polo outono da década de 1960,cando o meu señor que xa só peiteaba algunhas canas , á hora do solpor, veuse despedir de min e desexoume longa vida para que algún día eu puidera dar fe de todo isto que estou contando . Desaparecín á vista dos veciños, ao igual que algúns camelios e loureiros que, tamén, do meu tempo, sobreviviran entre as matogueiras. O Concello tiña un proxecto dunha rúa paralela á do camiño de Atalaia, que nunca se materializou, que de levarse a cabo a miña sobrevivencia corría certo perigo.

-Volveuse poboar a miña contorna con persoas que eu nunca vira, disque de etnia xitana, e con construcións de malamorte, ata que se oe que a cidade medrou tanto que precisa un Instituto, que sería o nº 12, ou tamén chamado da Hispanidade. Como isto sexa verdade, -cavilei eu- seguro que as miñas polas e os meus toros van acabar no vertedoiro, porque, ademais, disque non vallo nin sequera para madeira ou pasta de papel, nin leña, porque o meu interior é moi brando, como unha herba, non teño nin sequera anelos como ten un piñeiro, un carballo ou castiñeiro, e que máis ben semello un pobre sabugueiro que só vale como flor de san Xoán para espantar as meigas ou que os nenos fabriquen tiratacos, ou como o que me contaban a min de pequeno que, o noso era dar sombra aos gauchos e medir as distancias en ombús, porque froito non dou porque son macho.

-Isto, como vedes, non pintaba moi ben. Pero, velaiquí, que cando se decide que os alicerces do novo Instituto ían asentarse nestes terreos, aló polo ano de 1992; unhas persoas, segundo se vai avanzando na urbanización, descóbrenme a min , entre as silvas, cando xa había uns cantos días que oíra uns ruídos estraños que viñan sendo dunhas enormes máquina que arrasaban a feito, incluídas as chabolas e todo o que atopaban ao seu paso. Eu, xa tremando co medo, suando polas raíces externas de “paquidermo” -segundo expresión de M. Rivas- empezáronme a caer as poucas follas que conservaba do verán; pero, nisto, un señor cun casco branco e con pinta de saber o que tiña entre mans, adiantouse á Caterpilar e mandou parar.

-Pensei eu, será este o meu salvador? Poida que si, porque semella un “home bo e xeneroso” e debe mandar algo.Así foi como lle escoitei falar por un aparello, que logo me enterei que era un móbil e que nunca vira, e preguntaba polo Arquitecto da unidade técnica de Educación para comentarlle algo. Meu dito , meu feito; a máquina parou de socato, eu sen saber aínda por que.

-Pararon as máquinas de fedellar ao meur redor, ata que pasados uns días, un grupo de persoas, todas elas traxeadas,con semblante preocupado e un feixe de papeis con moitas liñas, segundo eu vía desde riba, lles escoitei mencionar a palabra “pavillón de deportes” e que mellor sería sacrificar algúns metros deste e salvarme a min da desfeita.

-Así foi, como ao ano seguinte, 1993, sendo Presidente da Xunta, M. Fraga Iribarne, se inaugura o que hoxe coñecemos como IES DO CASTRO, e que como xa dixen enriba tamén foi nº 12 ou de Hispanidade pola rúa que naquel intre era de referencia para a zona. Dunhas noutras, a rapazada deu en subir por min arriba ata que nunha ocasión me romperon algunha póla e estivo a piques de custarlle a exclusión da viaxe de fin de curso a algún pola miña culpa.

-En fin, que algunhas persoas deron en agarimarme e estes últimos anos teño sido obxecto de moitas atencións. Tanto e así que, uns entusiastas disto da conservación da natureza non só me mimaron a mín senón que trouxeron novos compañeiros, algúns xa tan esveltos coma mín, ou maís. Tamén vin andar,todos atafegados, a un grupo de profesores e alumnos polo xardín cunhas placas identificativas que ían chantando ao pé de cada unha das miñas irmás, e disque pertencían a un programa chamado Axenda 21 que vela por estes temas de conservación e medio ambiente. Outras persoas que ían ao monte de Fragoselo a celebrar o día da árbore, da primavera ou da poesía e foron agasalladas con algunha árbore tamén estas andan aí (sobreira, érbedo, etc.). Pois, que estou vivindo un momento feliz, porque me acaban de dicir que a promoción que vén de rematar este ano, 2010-16, lle deron en chamar “Promocíon ombú”, porque moito alumnado desta xeira participou nese programa e, ademais, quérenme facer famoso porque desde o ano 2012 iniciouse unha campaña en favor da declaración como ÁRBORE SENLLEIRA para min. E non che digo nada a cantidade de veces que fun fotografado ao longo dos vinte e tres anos de existencia do Instituto:como mínimo, cada fin de curso por todas as promocións de alumnado e profesorado que se despediron á miña sombra.

-Que, si, que agardo que coma outras irmás miñas que xa foron recoñecidas pola Xunta na Coruña (Centro cultural de Santa Cruz-Oleiros e Pazo de Ortigueira-Vedra), -quizais con menos méritos-, tamén eu me considere merecente de tal título. Senón, que llelo pregunten a todos os membros da Comunidade educativa do Ies do Castro ou a persoas que como M. Rivas, Luís G. Tosar ou ao Consulado de Arxentina en Vigo que xa expresaron a súa solidariedade con esa declaración.

-Como iredes vendo,voume expresando algo mellor en galego e agora disque tamén hai que falar inglés – a saber para que-, á parte do castelán con acento sudamericano e galego que aprendera de mi amo “gayego”. Isto de aprender o idioma galego foi case unha necesidade porque resulta que a revista que publica o Instituto na fin de curso leva o meu nome, OMBÚ, e sería unha descortesía pola miña parte e unha afronta non lela, aínda que hai algúns compañeiros meus que non lles importa. Como digo eu, polo menos saber se falan dun, o de ben ou mal, é o de menos. Mira que ata me sacaron nas portadas dos xornais locais e na TVG.Máis popular có Ghayoso, que xa é dicir!

img_52761.JPG

Os da Axenda 21

-Xa me esquecía de darlles as grazas a todos aqueles que fixeron posible esta fazaña.Desde o meu amo que entre baúis e maletas de madeira arribamos a Vigo, ata aos salvadores da decapitación cando estaba en serio perigo, e, como non, a todos os que están contribuíndo á miña perpetuidade, como testemuña viva do pasado, presente e futuro.

-Xa vou rematar con esta leria, porque non sei que pensaredes vós, pero, eu teño para min que isto foi unha arroutada que, como dicía o de Rianxo, “de tanto calar xa falo só” e o que si me gustaría confesar, aquí entre nós, e que vería con bos ollos, que o Presidente de Arxentina, o señor Macri, organizase algún programa como eses de “reencontros”da Xunta, pero, ao revés, para os arxentinos da diáspora e que eu puidese así bicar a terra que me viu nacer.

O Vindeover. Xullo de 2016

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Premios Confemadera para o centro

Publicado o 26 Maio, 2016 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

A última edición dos premios Confemadera-hábitat que convoca esta asociación de empresarios da madeira de Galicia, baixo o eslogan “O monte é a nosa vida.Axúdanos a coidalo“, tamén foi xenerosa como na xeira anterior, para o Instituto. Nesta ocasión por partida dobre, xa que non só resultou premiado o centro na categoría colectiva, senón tamén na individual. O ano pasado fora o alumnado de segundo da ESO o que recibira tal recoñecemento e este curso son  os de primeiro da Eso os que reciben o agasallo  pola reportaxe-presentación sobre a xornada de inmersión na natureza no monte de Fragoselo o pasado mes de marzo que, como xa é costume, se vén celebrando en colaboración coa Comunidade de montes en man común da parroquia de Coruxo.

premio-confemadera.jpg

Alumnado de 1º da ESO, M. Novás, Xulio e autoridades

Como xa se dixo neste portal, a xornada dese día ten unha finalidade primordial, a de concienciación da importancia que ten o monte en xeral e, os de man común, en particular.Ou o que de xeito máis ou menos xeral se inclúe dentro do concepto de patrimonio material e inmaterial.  Porque, como xa se ten dito noutros foros, aqueles forman coma unha ferradura sobre a Ría que os fai imprescindibles para a cidade desde moitos puntos de vista: ambiental (os pulmóns periurbanos da cidade, pola diversidade de flora e fauna,etc); económico (as infraestruturas creadas neses espazos son innumerables: zoo, aeroporto, campos de fútbol, persoas que traballan no mantemento deses montes, etc), e social (miradoiros innumerables, rutas de senderismo e deportes ao aire libre, son algunhas das múltiples actividades que se levan a cabo).

A xornada dese día complétase cun percorrido polo monte, acompañada das explicación pertinentes por parte dos traballadores da Comunidade, unha plantación de árbores autóctonas e reflexión sobre algúns puntos de interese desde calquera dos puntos de vista sinalados.

O traballo premiado non vén  ser máis ca unha pequena reportaxe sobre a xornada na que, precisamente, se destacan os tres valores esenciais que recollen as bases do concurso.Polo tanto, non ten sido moito o sacrificio no que os actores son os alumnos e Chus e Xulio os organizadores.

kilian.jpeg

Alumnado do centro preparando os discursos

A maiores do traballo colectivo, premiaron outro individual de Manuel Novás, alumno de 2º da ESO, que a partir da experiencia do ano pasado, organizou os materiais en formato vídeo e o fixo acredor dun vale de 150 € para  gastar nunha tenda moi popular da cidade.

O premio outorgado ao centro por un valor de 300 € será destinado a algunha actividade que teña que ver, precisamente, coa concienciación medioambiental e respecto pola natureza, como por exemplo, algún acto reivindicativo do OMBÚ como árbore senlleira, da que estamos a agardar novas da  Consellería en canto a se vai ser declarada ou non como tal e de non selo, pois, a seguir nesta liña de sensibilización na defensa da natureza, en xeral, e, do monte e a súa diversidade, en particular, denantes de que os montes da periferia se transformen en monocultivo e os soutos, fragas e regueriras como  a de Laxiade sexan exemplo de salvación das árbores de ribeira e de todo o que iso conleva.

O acto de entrega de premios tivo lugar o día de hoxe, 26 de maio no salón de actos do Colexio a Ensinanza de Vigo, onde asistiu unha representación do Instituto,  que estivo presidido pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez ; o Director xeral de centros e recursos humanos da C. de Educación, X.Manuel Pinal e o Presidente de Confemadera, Elier Ojea, que entregaron os diplomas  ao alumnado e aproveitaron para lanzar unha mensaxe aos asistentes para que se menmtalicen da importancia do monte, da diversidade vexetal e a Conselleira incidiu sobre o perigo dos incendios que tanto dano producen en todos os sentidos.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Vídeo: “Diálogo por la Educación”

Publicado o 18 Abril, 2016 na sección Taboleiro Transversal por Xavier
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Día da árbore en Fragoselo (Coruxo)

Publicado o 22 Marzo, 2016 na sección Celebracións, Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 ascenso.jpeg

Primeiros pasos de ascenso a Fragoselo

Unha vez máis a primavera non chegou soamente a onde case todo o mundo pensa, senón que tamén o fixo a onde tiña que chegar, ao monte. Para celebrar a chegada da estación e o Día da árbore, o alumnado de 1º da ESO trasladouse ao monte de Fragoselo, na parroquia de San Salvador de Coruxo, que dá nome á comunidade de montes veciñais en man común desa parroquia, e alí poder desfrutar dun día sen libros, cadernos e lapis, aínda que non de móbiles, porque se lle advertiu de que poderían usalo para poder recoller fotos de interese desde o punto de vista medioambiental.A todo isto, hai que advertir que xa o freire Martín Sarmiento aconsellaba ao seu irmán con respecto á educación do seu fillo que se debería empezar por mostrarlle de que árbore se trataba, en galego,  e logo aprender os nomes en castelán e latín.

euca.jpeg

O que sobreviviu á tala dos eucaliptos

A recepción na sede da Comunidade de montes por parte do persoal que traballa aí ilustrando aos rapaces sobre a importancia que teñen os montes veciñais en man común, a súa propiedade, e as especies que nel se poden atopar serviu de introdución á xornada, para sorprenderse con descubertas tan especiais como que alí habitan especies endémicas ou que unha boa parte de mamíferos, réptiles e anfibios poden ser vistos na contorna destes montes periurbanos que forman unha especie de mirador en ferradura sobre a ría de Vigo.Iso en canto á fauna, para logo facer un breve percorrido pola flora e introducilos na importancia de salvagardar as especies autóctonas (sobreira, carballo, castiñeiro,etc) fronte á invasión doutras menos beneficiosas polo que pode supoñer a expansión do monocultivo con árbores do tipo do eucalipto ou a acacia negra.

tres.jpeg

En plena faena de cultivo

A continuación o exército de braceiros dirixiuse ao punto reservado para levar a cabo a que sería a maior descuberta do día: a plantación de árbores autóctonas:sobreiras, castiñeiros, érbedos, cerdeiras, etc. A todo isto, hai que recoñecer que a parte máis dura do traballo estaba realizada por Rubén e Alfonso que xa tiñan os foxos preparados para nada máis chegar e plantar, como así foi, non sen o conseguinte perigo para uns recén iniciados nas artes  do sacho, a pa, ou o angazo. En calquera caso, puxéronlle vontade e interese para que á volta duns anos poidan ver a súa obra vexetal.Advertíuselles  que o terreo que pisaban e onde se plantaba non había moito tempo estivera cuberto de piñeiros e eucaliptos e o que se quere é rexenerar ese espazo con variedades caducifolias, maís acordes coa flora galega.

De seguido iniciouse o percorrido polo monte tentando mostrarlles o que nos pode ofrecer este medio  en canto ao patrimonio material e inmaterial. Así tamén respondiamos a un dos obxectivos da xornada que era o de facilitarlles recursos para poder participar no concurso que organiza Confemadera e que ten como eslógan na súa campaña:”O monte é a nosa vida”, coa que prentende sensibilzarse á xuventude sobre o valor do monte desde o punto de económico, social e ambiental.

souto.jpeg

Castiñeiros, acivros, bidueiros e tulipeiros

Logo de deixar atrás o campo de fútbol, e a ambas mans plantacións recentes e outras xa madeirables, chegamos ata  o punto verde no que se atopa a planta de biomasa e que este ano está de máxima actualidade porque está recollendo un número moi elevado de palmeiras que son vítimas dun escaravello vermello que fai que moitas delas sequen polo efecto dese insecto. As mostras están a vista, ducias de toros de palmeiras agardan pola súa transformación en biomasa. Neste punto, cando xa é hora do recreo, non se lle perdoa á parva, como é de rigor entre os esforzados traballadores.

De non ser pola intervención humana que trazou o camiño de acceso ata o parque forestal, máis enriba, estariamos a cruzar por unha especie de fraga na que conviven variedades vexetais moi diversas: castiñeiros que forman soutos, acivros que conservan o seu verdor á sombra daqueles e pola súa orientación, bidueiros aos que delata a súa casca branca -aínda non teñen folla moitas das árbores-, carballos e piñeiros, nogueiras e amieiros, freixos e salgueiros conviven en harmonía coa auga cantareira  que estes días humidece a terra que esixen estas especies. A flor está presente en pereiras bravas, espiños e cerdeiras, e dentro duns días tamén os tulipeiros de Virxinia, érbedos e capudres, para que paxaros e abellas cumpran coa súa tarefa.

laxiade.jpeg

Descenso á regueira de Laxiade

No percorrido hai un punto de especial interese coñecido como regueira de Laxiade, onde desde hai uns anos a Comunidade de montes está levando a cabo un traballo importante  de recuperación de especies autóctonas características de ribeira e que serve como reflexión e ensinanza sobre a importancia do monte desde o punto de vista ambiental:a auga fai que medren os amieiros, abelairas e freixos fronte ao que antes eran eucaliptos e acacias.  Como se fose un lugar de culto, encrucillada, onde tradicionalmente en Galicia se acostumaba a cantar un responso seguido dunha oración, no noso caso aproveitamos para realizar a lectura/recitación  dalgúns textos que na historia da literatura galega teñen sido de atención por parte de poetas e narradores algunhas plantas típicas: o toxo, os carballos, ou o castiñeiro foron este ano motivos de atención da man de M. Rivas e Manuel María. Aquel por ter un texto inxenioso adicado ao toxo e este por ter varios na súa produción literaria e adicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

Así se foi pasando a mañá, e mentres agardamos para subir aos autobuses aínda houbo tempo para xogar ao fútbol, enredar no parque infantil  e, por se era pouco,  practicar un pouco de ioga.

ioga-1.jpeg

Uns intres para fútbol,xogos e ioga na natureza

En fin, agradecérmonos ao profesorado acompañante e ao persoal da comunidade de montes de Coruxo o termos desfrutado dunha xornada completa, así como o detalle de agasallarnos cunha sobreira que sería plantada ao pé do érbedo que xa enraizou no xardín do Instituto,como proba da colaboración ao longos destes últimos anos entre as dúas institucións e como contribución á ampliación de especies vexetais que cada ano se van incorporando á longa lista da que xa se dispón e acadar o que xa vén sendo unha teima por parte do Instituto: que o OMBÚ sexa catalogado pola Consellería de medioambiente,infraestruturas e territorio  como  ÁRBORE SENLLEIRA.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

O OMBÚ, ÁRBORE SENLLEIRA.PARA CANDO?

Publicado o 14 Febreiro, 2016 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

Como xa será sabido pola maior parte das persoas que tiveron ou teñen algunha relación co Instituto, no ano 2012 iniciáronse os trámites de petición da catalogación do OMBÚ, como ÁRBORE SENLLEIRA. Ao longo do ano pasado, entre os meses de xullo e decembro  a Consellería de Medioambiente e Ordenación do Territorio comunica que a árbore obxecto de catalogación como tal non reúne os requisitos para ser considerada como SENLLEIRA. Como cabe recurso de alzada ante a Dirección Xeral que ditou a resolución, e despois de ser tomado o acordo polo Consello Escolar de presentalo, entendemos que se debería  reclamar tal consideración  e así se fixo, ampliando algúns datos e adxuntando unha nova memoria, porque se valorou que as razóns alegadas resultan  demasiado xeneralistas e, polo tanto, mantemos a petición, e, ademais, para que quede constancia de que de non ser desta volta, se siga reivindicando por xeracións vindeiras,por entender que é digna dese mérito.

Á parte do recurso adxuntouse a memoria explicativa, que vai a continuación,  abondosa documentación gráfica e estamos á espera dalgunhas adhesións dalgunhas  institucións públicas

cartel-ombu-peq1.JPG

Cartel publicitario no ano 2012

1.-HISTORIA: O INSTITUTO DO CASTRO foi inaugurado no ano 1993, e atópase nun lugar que, ao entender da comisión, podemos considerar privilexiado. A razón é que sendo o derradeiro centro en construírse no corazón da cidade, O monte do Castro, conta coa árbore máis antiga de calquera centro público de ensino da cidade e, mesmo de toda Galicia, e do propio monte do Castro onde abondan árbores autóctonas e alóctonas, centenarias e outras que non o son tanto, pero, en calquera caso, un lugar excepcional desde o punto de vista medioambiental e paisaxístico.

Ao viveiro do Concello de Vigo accédese por unha das rúas peonís que linda co recinto onde se atopa o OMBÚ e que é motivo de admiración polos viandantes que ascenden ao parque.

Asimemo, o que agora se coñece co nome de IES DO CASTRO, inicialmente foi INSTITUO DE HISPANIDADE, porque, como é sabido, é a rúa que dalgún xeito delimita O Castro polo Sur e que acolleu a moita poboación procedente da emigración americana e por iso se lle bautizou así.

O lugar onde se atopa o OMBÚ, no momento que se levaron a cabo os traballos de urbanización foi unha sorpresa o seu descubrimento, chegando a condicionar o retranqueo do Ximnasio para a protección daquel, e dicimos sorpresa porque a maleza que invadía os terreos impedía visualizalo.

A sensibilidade dos técnicos, acertadamente, sacrificaron parte do proxecto para prestixiar A árbore.

Diríase que a xénese do centro estivo profundamente marcada por aquela, e chegando a converterse, pouco menos que nun símbolo totémico e de culto, sobre todo, a medida que ía medrando e o Instituto se identificaba cada ano máis con ela.

Así, e na medida que se ían coñecendo máis pormenores da súa historia e da súa orixe, se foi facendo máis popular entre as vinte e tres promocións de estudantes que levan pasado polo centro e máis aínda ao decubrir que está considerada a ÁRBORE DA BELA SOMBRA E NACIONAL DE ARXENTINA.

En resumo que, se a cidade olívica se identifica coa OLIVEIRA, O IES DO CASTRO e A REPÚBLICA ARXENTINA recoñécense no OMBÚ. E non é casualidade que a casa Museo de Rosalía en Padrón acollese dede o ano 1975 outro OMBÚ doado polo Centro Galego de Bos Aires, como símbolo da irmandade e agradecemento ao pobo arxentino pola acollida prestada ás innumerables vagas de emigrantes a Arxentina desde o século XIX.

Por iso, entre outras razóns, para defender a proposta de ser ÁRBORE SENLLEIRA,unha delas é a do simbolismo que encerra desde o punto de vista histórico e cultural nas relacións con Arxentina, e que de consolidarse a proposta podería abrir algún intercambio máis intenso no ámbito educativo, por exemplo, co Colexio Apostol Santiago de Bos Aires, cofinanciado pola Xunta de Galicia, co consulado de Arxentina, e coa casa de Arxentina, ambos os dous con sede nesta cidade.

Neste sentido, a Comunidade educativa do Ies do Castro, imbuída por este espírito de respecto á natureza, sempre mantivo unha atención exquisita pola ÁRBORE e foi motivo de sensibilización para que o recinto se fose ampliando en canto a especies arbóreas de orixe diversa: figueriras, limoeiros, salgueiros choróns, metrosidero, oliveira, palmeiras.Véxase a GUÍA DAS ÁRBORES E PLANTAS, elaborada polo centro con motivo da participación na AXENDA 21

ombu8-peq.JPG

O OMBÚ  na primavera

 2.-CRITERIOS UTILIZADOS PARA AVALIAR O CARÁCTER MONUMENTAL DO EXEMPLAR PROPOSTO:

 CRITERIOS DENDROMÉTRICOS: Segundo consta documentalmente, achégase unha copia do Libro :Catálogo das árbores singulares do Concello de Vigo, editado por este, no ano 1998, e cuxa fotografía corresponde ao ano de inauguración do centro en 1993, naquel momento dise o seguinte: INSTITUTO DE BACHARELATO en camiño Atalaia( 5 m. 60-80 anos D ).

Despois destes anos transcorridos, todo apunta a que como mínimo a poidamos considerar centenaria, se non máis, porque segundo contan os interrogados máis vellos “sempre estivo aí” e que sería un indiano o que a traería desde Arxentina a finais do século XIX.

 

raiz-2016.jpeg

Raíz e toro en febreiro de 2016

Esas medidas, tal e como se puxo de manifesto na petición inicial, xa foron superadas de xeito exponencial nestes vinte e tres anos de maior visualización.

Así, o grosor do toro, ao ser multitoro, nada que ver co que presentaba naquel momento, o mesmo a súa altura, ou o diámetro da copa. Mesmo se diría que o seu exotismo, se o comparamos con outras árbores da mesma especie en Arxentina ou Brasil, pola documentación manexada, non acadan facilmente ese volume.

 CRITERIOS BIOLÓXICOS E ECOLÓXICOS: Como xa se dixo máis enriba o OMBÚ atópase nun espazo que podemos considerar excepcional por ser lugar de acceso ao parque municipal do Monte do castro e non haber ningún outro en toda a contorna daquel, no que si hai unha variedade extraordinaria de especies vexetais, pero ningunha da que estamos a falar. Na bisbarra, o antedito estudo documenta outra máis, pero non das dimensións desta.

En canto ao seu porte, e polo que se puido contrastar con outras da súa especie catalogadas como senlleiras: Centro cultural de Santa Cruz de Oleiros e pazo de santa Cruz en Vedra, ningunha destas supera á que nos estamos a referir, ou máis ben se diría que non acadan o seu porte.

En canto ao seu hábitat, aínda que flanqueado polo propio edificio, está nun espazo protexido desde o punto de vista urbanístico e de máximo interese paisaxístico e medioambiental: acceso áo Mirador do monte do Castro, Paseo das Camelias no mesmo parque, cedros, palmeiras, carballos americanos, teixos e outras moitas especies conviven na súa contorna: dentro e fóra do recinto do Instituto, pero ningunha da cal estamos a presentar, e que se ata agora está máis ou menos visible, do que se trata é de facela aínda moito máis e proxectala de cara ao exterior do centro, porque se atopa pegada a esa rúa peonil da que se falou mái enriba e que no futuro ben podía ser coñecido como PASEO DO OMBÚ.

Desde o punto de vista educativo, en tanto que centro de ensino que a acolle, temos a responsabilidade de preservala e dala a coñecer para así legárllela ás xeracións vindeiras como proba da nosa historia e do respecto pola natureza.

Foi así como nestes vinte e tres anos de historia do Instituto, e quizais inspirados por ese espírito que transmmite o OMBÚ, se levaron a cabo moitas iniciativas de carácter medioambiental, por exmplo: O monte do Castro como recurso didáctico, Inmersión no monte veciñal de San Salvador de Coruxo, Colocación de placas identificativas das especies vexetais do xardín..1º Premio do concurso de Confemadera na edición 2015 .(Véxanse documentos anexos)

 

CRITERIOS ESTÉTICOS: Teñen sido varias as interpretacións que se fixeron, por parte do alumnado, como portada para ilustrar a revista editada polo centro e á que deu nome A ÁRBORE, e son moitas as actividades que se desenvolven ao seu abrigo sentados enriba desas raíces prominentes: clases ao aire libre, recitais de poesía, lugar de lecer e de confidencias amorosas, etc. (Véxase documentación gráfica).

Pero, neste caso, deixamos que a voz do poeta arxentino, LUIS L. DOMÍNGUEZ 1810-1898,de xeito fragmentario, nos transmita a súa visión da mesma e que vén a reproducir, en parte, a visión que poderíamos ter calquera que o vise aquí, pero neste caso na Pampa arxentina:

Ten cuidado del pampero,
Que es tremendo su huracán.

Puesto en medio del desierto
El ombú, como un amigo
Presta a todos el abrigo
De sus ramas con amor.
Hace techo de sus hojas.
Que no filtra el aguacero,
Y a su sombra el sol de enero
Templa el rayo abrasador.

Cual museo de la pampa
Muchas razas él cobija;
La rastrera lagartija
Hace cuevas a su pie,
Todo pájaro hace nido
Del gigante en la cabeza,
Y un enjambre en su corteza
De insectos varios se ve.”

 CRITERIOS HISTÓRICOS E TRADICIONAIS: Como xa se dixo con anterioridade, a historia da “NOSA ÄRBORE” está ligada a unha situación que de xeito, máis ou menos cíclico, se repite na sociedade galega desde tempos inmemoriables: A emigración. Se non como se explica que unha única árbore medre nun lugar, illada do seu lugar de procedencia, de non ser por que alguén a trae a Galicia como agradecemento ou homenaxe á terra que o acolleu alén mar. Hai que pensar que o porto de Vigo foi, ata non hai tantos anos, (1950-60) un dos principais lugares de partida de grandes transatlánticos con destino a América e que algunhas das figuras máis senlleiras da nosa cultura, recalaron, voltaron ou morreron alá: Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio… Unha das rúas que dá acceso ao Instituto é a de M. Curros Enríquez (1851-1908), e ata non hai moito tempo un dos bustos de homenaxa ao poeta tamén se atopaba nunha das rúas do monte do Castro, coñecido, precisamente, polo nome da poetisa máis emblemática da Literatura galega, Rosalía de Castro (1837-1885) e dela son os famosos versos de “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos” que rebelan o drama da emigración.

Por iso,o feito de que o Centro Galego de Bos Aires agasalle á Casa Museo de Rosalía cunha árbore desa mesma especie non será algo casual, senón profundamente simbólico: por amor, morriña, apego, agradecemento… En todo caso, os vasos comunicantes entre Arxentina e Galicia veñen de vello, e continúan nos nosos días.

 CRITERIOS DE SITUACIÓN: A ubicación, desde logo, parece excepcional, se temos en conta que é única na súa contorna e que non sucede o mesmo con outras que sendo exóticas se reproduciron en grandes cantidades, ben con fins ornamentais ou económicos, pénsese, por exemplo, nas palmeiras, eucaliptos, etc.

Do aspecto paisaxístico, non cabe dúbida que estamos a falar dun dos puntos máis visitados nese sentido, e que de obter a catalogación de ÁRBORE SENLLEIRA, contribuiría a ampliar o interese visual da aba do Castro, da Ría e de todos os espazos que rodean a cidade.

En conclusión, estariamos contribuíndo a manter a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia e que coa protección legal que lle concedería a súa catalogación poder desfrutalo as novas xeracións e perpetuar a súa memoria polo seu valor antropolóxico, estético e cultural, comprometéndose o centro a promover estes valores e a respectar os requisitos derivados de tal recoñecemento.

 espida.jpeg

 Inverno 2016

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo