Un libro alternativo e de balde para as vacacións alternativas
Ofrecido polos seus autores de balde en formato .pdf
http://www.vnavarro.org/wp-content/uploads/2011/10/hayalternativas.pdf
(Ligazón cortesía do Prof. Torrado)
Boas vacacións!
Teclee debaixo no campo da lupa o termo a procurares e prema na lupa ou na tecla Intro do seu teclado
As máis aventaxadas á ida e á volta, María, Gala e Eva. Ao fondo, a cidade
Alumnado de terceiro da ESO e o profesorado acompañante trasladáronse o día 19 de novembro ata a parroquia de San Salvador de Coruxo e, en particular, ao lugar onde ten a súa sede a Comunidade de Montes veciñais do mesmo nome. Cando eran as dez da mañá xa nos atopabamos nese lugar para recibir as primeiras instrucións das persoas que puxo ao noso servizo a Comunidade de montes. Estas persoas, un garda forestal e outro empregado, introducen aos visitantes nas primeiras nocións do que é un monte periurbano e as distintas especies animais agrupadas por familias que se poden atopar neste monte. Sorprende, por exemplo, a presenza dalgunhas aves,réptiles (víbora de Seoane) ou anfibios (salamandra rabilonga), xunta a mamíferos (teixo, xabarín, etc) e mesmo algún peixe (anguía), e, sobre todo, polo seu valor ecolóxico, ao ser considerados algúns deles como endémicos.
A sorpresa aínda foi maior cando unha daquelas persoas empezou a mostrar exemplos de niños de paxaros de formas moi caprichosas e elaboradísimas (de carrizo, merlo, gaio, etc), ou restos da presenza dalgúns insectos (vacaloura) ou “camisas” das serpentes.
A continuación, iníciase unha das actividades máis esixentes, a da andaina por camiños de xabre e con abondosa presenza arbórea e algunha que outra encosta para pór a proba a resintencia dalgúns dos compoñentes. Nada máis saír do local empezamos a subir a costa de San Sebastián entre piñeiros e eucaliptos con pequenas mostras de vexetación autóctona e observando a variedade de terreos con moitos modelos de vexetación, unhas veces espontánea e outras sometida á vontade humana. Chámase a atención sobre un aspecto fundamental como é o da presión das árbores alóctonas sobre as autóctonas e como aquelas presentan un crecemento moi rapido e polo tanto de maior interese para a produción madeireira que as autóctonas, de crecemento lento pero moi importantes para os bosques pola diversidade que xeneran ao seu arredor e no soutobosque, -citamos neste caso a bidueiros, castiñeiros, acivros, carballos, etc,-.
Unha parada técnica antes de iniciar a subida ao Maúxo
A medida que nos imos adentrando no monte e en dirección sur cara á Ría podemos desfrutar dunhas vistas extraordinarias sobre esta e visualizar distintos puntos no horizonte desde esta atalaia : Cíes, Cabo Home, Toralla, Samil, O Morrazo, son algúns dos nomes que se barallan, e, máis preto, a vexetación outonal móstranos unha paleta de cores que vai desde os verdes brillantes dos acivros ou érbedos ata os amarelos e marróns dos pradairos, castiñeiros ou carballos americanos, e que algúns deles presentan os froitos vermellos (érbedos) e outros xa perdidos (capudre).
Á metade do percorrido, e antes de iniciar a costa máis pronunciada, aproveitamos para repoñer forzas e curiosear entre os piñeiros algunha que outra sorpresa (un arbustiño de xilbarbeira no medio dunha mesta presenza de piñeiros ou algún paporrubio que peteira polo chan á busca dalgún verme despistado), e, como non podía ser menos, unha basta presenza de pegadas frescas de xabarín, porque nos estamos achegando a unha zona onde hai abundancia de castiñeiros e nogueiras e que estes mamíferos frecuentan para aproveitar os froitos que quedan da colleita ou achegarse aos lugares onde hai abundancia de auga para refrescarse ou desparasitarse.
No alto do Maúxo, mentres elas e eles agardan, os demais coroáno
Cando chegamos ao Parque forestal de Coruxo xa é mediodía pero aínda nos quedaba un treito para alcanzar A Chan grande, Castro Chouzo e o Maúxo (450 m. de altitude) e a mámoa que segundo parece existiu/existe nese emprazamento. Desde o punto máis alto divísase ata a ría da Arousa e desde logo un lugar privilexiado para facerse unha composición abondo perfecta da cidade de Vigo e da súa contorna: Val do Fragoso, O Galiñeiro, Chandebrito, O Aloia, A Grova, Rande, San Simón. -Dicía por alí alguén que, ao mellor, o que compuxo a cantiga “Vexo Vigo, vexo Cangas; tamén vexo Redondela; vexo a ponte de San Paio, camiño da miña terra”, se tería achegado ata aquí para inspirarse-.
O descenso é máis rápido, sobre todo, porque á facilidad do terreo se unían as ganas de comer. Non hai moito tempo que perder porque, ademais, as condicións meteorolóxicas empezan a voltarse algo adversas e isto aínda non rematou.A viruxe faise cada vez máis intensa e iso anima a protexerse pola cara leste do monte.
Faremos unha parada no lugar coñecido como regueira de Laxiade, onde a Comunidade de montes está a levar a cabo a erradicación da acacia negra e do eucalipto e propiciar a recuperación deste bosque atlántico con variedades ripícolas como ameneiros, freixos, abelairas, capudres, carballos, nespereiras ou cerdeiras, e por onde corre auga en abundancia para que algúns réptiles, anfibios ou mamíferos medren no seu propio hábitat, porque como ben dicía un dos poñentes, algunha destas especies son especialmente vulnerables aos cambios ao non ter facilidade para desprazarse, cando si o poden realizar aves ou mamíferos, por exemplo.
No traxecto de volta deixamos a ambos lados da estrada microbosques con variedades arbóreas que forman soutos, acibeiros, carballeiras e, como non, moitos eucaliptos. Tamén se pode ver o recuncho onde se concentra a biomasa para a súa transformación en abono ou traslado a algunha central para a produción de enerxía eléctrica.
Profesorado e alumnado seguen as explicacións da arqueóloga ao pé do petroglifo e a lenda de Pedra Moura
Ás catro da tarde, unha arqueóloga da Mancomunidade de montes ofrécesenos para explicarnos os petroglifos que abondan neste monte e, en concreto, o de Pedra Moura, considerado como un dos máis grandes e ao mesmo tempo máis enigmáticos e moi mal conservado polo estado de abandono que presenta. Cando xa tomo ía rematar, e que a arqueóloga explicase algunha lenda relacionada con este lugar a partir da lectura duns informes, unha veciña da parroquia dá testemuño, non só de que a lenda de Pedra Moura existe senón que ela mesma tiña visto moitas veces desde a súa infancia ata había pouco tempo “unha serea, moi guapa, que á saída e á posta do sol saía a peitearse enriba da rocha cun peite de cristal e que deixou de aparecer desde que alguén fixo esas inscricións ou tentaron convertir aquela rocha nunha canteira”. A maxia do momento non ten palabras para describila e algún dos que ía no grupo quedou de volver entrevistar á señora Carme que ampliaba a lenda a outra rocha, moi cerca e cunha serea algo diferente,no lugar de Pedralonga.
O serán xa estaba alí pero había que estirar a xornada ao máximo,correndo, brincando ou xogando ao voleibol e ao fútbol. Así foi como transcorreu un día de inmersión na natureza, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial do monte e na liña do que propón a Axenda escolar 21, na que participa o Instituo, coñecer ese medio natural e así respectalo e conservalo para as xeracións vindeiras.
Ofrecido polos seus autores de balde en formato .pdf
http://www.vnavarro.org/wp-content/uploads/2011/10/hayalternativas.pdf
(Ligazón cortesía do Prof. Torrado)
Boas vacacións!
No IES do Castro estamos levando a cabo unha campaña de divulgación ou concienciación entre a comunidade escolar. O obxetivo final é solicitar que o Ombú do noso xardín pase a estar no Catálogo de “árbores senlleiras” de Galicia, da Consellería de Medioambiente e Medio Rural.
Este catálogo inclúe as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan ‘merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección’ (Decreto 67/2007, do 22 de marzo de 2007, DOG 74). A finalidade do catálogo é ‘protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación’
Neste momento, a táboa recolle 147 árbores e 31 conxuntos. Algunhas especies senlleiras de Vigo son a Camellia japonica (Matusalén de Camelias do Pazo de Castrelos), Casuarina equisetifolia (Casuarina da Alameda da Praza de Compostela), Eucalyptus globulus ( Eucaliptos do Pazo de Castrelos), Fagus sylvatica (Faias do Pazo de Castrelos), Liriodendron tulipifera (Tulipeiro de Virxinia do Pazo de Castrelos) e Olea europaea (Oliveira do Paseo de Alfonso XII).
Arredor deste 5 de xuño, día do Medioambiente recolleremos sinaturas entre a comunidade escolar.
Tamén queremos protección para o noso Ombú.
Axúdanos a que o Ombú se sume a lista!
Alumnado Axenda 21
IES do Castro, Vigo
Máis fotos e algunha información nun blog en construcción
http://castrogalego.blogspot.com.es/
Parabéns aos participantes e gañadores deste concurso fotográfico temáticoconvocado polo Dpto. De Matemáticas do instituto
Pablo Rodríguez
Irene Isolde López
Lucía Llarina González e Belén Caramés
Lucía Llarina González e Belén Caramés
Dentro do programa de seguridade do IES do Castro realizouse a práctica anual de simulacro de saída e evacuación de emerxencia o pasado venres, día 3 de febreiro.
Neste vídeo obsérvase que a práctica se fixo con orde e seguindo as directrices do profesorado.
Nunca sabemos para o que temos que estar preparados. Grazas a todos e todas.