Viaxe de estudos do alumnado de 1º E
As Corcerizas
(Centro de Educación Medioambiental xestionado por Amigos da Terra)
O luns, día 25 de outubro, fomos ás Corcerizas (Serra de San Mamede) para realizar un proxecto CAS. O noso obxectivo principal era fomentar as nosas capacidades creativas e de acción social. Nos catro días que durou esta viaxe aprendemos a importancia de preservar o medio ambiente e como facelo, coñecemos a relevancia da reciclaxe e do comercio xusto; tamén vimos as diferentes clases de voluntariado que existen, para, nun futuro, pór os nosos servizos ó alcance da sociedade. Fixemos diferentes actividades para poder entender todo isto, como, por exemplo: camiñadas polo monte, rehabilitar un muíño, limpar un río, fabricar un compostoiro para un colexio de Primaria dos arredores…, xunto con outras actividades que nos axudaron a comprender mellor o mundo que nos rodea.
Cremos que foi unha experiencia moi positiva, en xeral, para todo o grupo. Fomentou o traballo en equipo e a confianza entre os compañeiros. Grazas a este proxecto agora temos outra visión diferente e máis realista do mundo.
Aprendemos que hai unha alternativa máis equilibrada á vida que levamos normalmente. Afondamos en feitos coma o comercio xusto, o voluntariado e a reciclaxe mediante actividades prácticas que podemos desenvolver no noso día a día, e, ao mesmo tempo, contribuír co noso medio.
En xeral, á xente da nosa clase esta actividade gustounos moito. Coñecémonos mellor e melloramos a nosa capacidade crítica e obxectiva.
Texto e selección de fotos: Eduardo Fusco e Andrea Froíz