


ENTRE “FAROS” EN CHAPELA
É ben coñecido o interese da empresa Prensa española, editora do xornal FARO DE VIGO, en que a xuventude se achegue ata as súas instalacións para coñecer máis de cerca, onde diariamente se elabora o xornal co que se deitan ou almorzan moitos vigueses e viguesas. Por iso, ao longo do curso, permite que os escolares coñezan in situ a que pode considerarse a maior empresa de comunicación da cidade, non só polo que representa na vida diaria, senón, tamén polo valor histórico que gardan nos seus arquivos fotográficos e documentais.
Pois ben, como de competencia social e cidadá se fala tanto nos novos currículos, ademais de ser materia de estudo obrigado na Lingua o coñecemento dos textos xornalísticos, non podíamos rexeitar a oferta destas visitas como actividade complementaria para dar cumprimento a esas competencias e ao currículo. Deste xeito, o Departamento de Lingua galega organizou para o alumnado de 3º da ESO unha saída ás instalacións do Faro, que, dito sexa de paso, na cidade vén sendo sinónimo de xornal.
O percorrido iníciase na sala onde traballan os xornalistas das diferentes seccións, que no momento da visita está baleira, para dar paso a continuación a outra sala onde se conta parte da historia do xornal, nacemento (1853), por que é no momento actual “decano da prensa nacional”, como existe unha hemeroteca que reflicte parte da nosa historia e da historia do mundo (guerras mundiais, República española, Guerra civil, Citroen, Barco cabo Estay, O Celta,..) e un arquivo fotográfico dun valor supremo. Así, ata chegar ao século XXI, no que se presenta a prensa dixital, á que non se pode substraer ningún medio que queira sobrevivir, polo momento compartindo espazo co formato papel.
O auditorio parece mostrar certo interese
O percorrido continúa polos talleres, a onde chegan xa as noticias preparadas para a súa impresión nunha espectacular rotativa que vai cuspindo xornais como churros. Aquí explícanse os cambios extraordinarios que se teñen experimentado nos últimos anos, de acordo coas novas tecnoloxías, para acabar pasando polo almacén de onde xa sae o periódico preparado para a súa distribución. Neste tramo final é cando se aproveita para reflexionar sobre o consumo responsable dalgúns recursos como é a enorme cantidade de papel que diariamente se usa e que ten unha repercusión moi forte nos bosques, a auga, etc., así como outros materias: aluminio ou tintas,por exemplo.
Entre as bobinas de papel que van converterse en xornais
Ata aquí, o que poderíamos considerar a noticia en estado puro, obxectiva, noticia breve, ou o que na técnica da pirámide invertida responde a eses seis W do inglés, segundo algúns sabían e a outros se lles refrescou ese día. No que queda, vou ser maís subxectivo para reflexionar sobre algo que ten máis que ver co que, como, cando ou con quen destas actividades.Explicareime.
O que subscribe, sempre entendeu que o proceso de ensinanza debía realizarse en base a un principio, máis ou menos admitido, de “ensinar e aprender deleitando” e procurando que, sen renunciar ao universal, se partise do inmediato, da contorna, do coñecido, que como é ben sabido, no caso de Galicia, desde o Padre Sarmiento, é un criterio abondo aceptado.
Pois ben, o anterior, non exclúe nin o rigor, nin o esforzo, nin a memorización, senón que se complementan; por iso, parece lamentable, que nun momento de recortes sociais, cando se ofrecen estas actividades, de xeito gratuíto, é dicir, con cargo ao ensino público, non se lles conceda o valor que merecen por parte do alumnado e que as familias -non todos, nin todas- se debían involucrar máis na parte que lles corresponde.Que quero dicir con isto? Que a tarefa de acompañantes por parte do profesorado, con grupos de 60, 70, 100 persoas, debería limitarse a iso, e non ter que preocuparse polo “saber estar” , aínda que, tamén, porque, en caso contrario, corremos o risco de que as actividades extraescolares pasen a mellor vida. Onde mellor, senón, se poden adquirir as tan traídas e levadas competencias social, cidadá, coñecemento do medio físico, etc. pregoados na Lei, que no propio medio, no museo, no teatro, no parque forestal, na fábrica, etc.Quede aquí esta reflexión agridoce, sen ira, a raíz da visita.

