Un ano máis, o pasado vinte e nove de abril, e despois de adiar a actividade por causas meteorolóxicas, o alumnado de primeiro da ESO participou dunha xornada excepcional de inmersión na natureza, porque a primavera, cos seus altos e baixos non permitiu que se realizara antes. Este retraso impediu que non se puidera levar a cabo  algunha práctica de campo como se fixera outros anos, por exemplo, a plantación dalgunha árbore ou a colocación de casetas para os paxaros, porque para calquera das dúas actividades teriamos que telo feito antes, pero, como por outro lado se quere mostrar a vitalidade da primavera en toda a súa dimensión de cor, olor e esplendor, pois houbo que escoller entre unha das opcións, e neste caso optamos pola segunda. Tal e como se nos explicou por parte dos coñecedores da realidade do monte, a estas alturas do ano, os paxaros xa están criando e as árbores xa están moi avanzadas para trasplantalas.

No local da Comunidade de montes,Rubén explica de 1ª man algúns detalles
En todo caso,finalmente a xornada cubriu as expectativas porque, despois de que o  alumnado asistise á conferencia da asociación Confemadera sobre o monte, “O monte é a nosa vida” a promesa era que participarían nunha xornada na natureza e así se fixo.
Como? Pois,armándose de calzado e roupa adecuada e desprazándose ata a sede da Comunidade de montes veciñais en man común de San Salvsdor de Coruxo(Fragoselo), onde seriamos recibidos polo persoal de dita asociación e lles dariamos unha información complementaria sobre aspectos como o que é un monte veciñal en man común, que se trata de montes periurbanos que forman como unha especie de ferradura sobre a ría de Vigo, que xeralmente están xestionados por persoas que pertencen a unha determinada parroquia e que teñen unha importancia extraordinaria desde o punto de vista económico, ambiental e social. Pénsese, se non, nos terreos que ocupa o aeroporto, o zoo, os campos de adestramento da Madroa, varios campos de fútbol de clubes do concello(Beade, Coruxo, Santa Mariña, etc.).
Rubén, un dos técnicos que traballa para esta Comunidade foi o responsable de mostrarlles algunhas das especies da fauna que se poden observar neste monte e mesmo algunhas que son endemismos de Galicia, aparte de curiosidades como os diferentes tipos de niños que constrúen algunhas das aves propias desta contorna ou insectos que morreron e recollen para ilustrar os visitantes (vacaloura, xoaniña).
Despois desta  presentación e dalgunha outra chamada de atención sobre a importancia histórica que teñen os montes en Galicia, mesmo remontándonos á cultura de orixe celta co culto ás árbores e a posterior cristianización dalgúns lugares e motivos ancestrais, verase o exemplo coa cercanía do petróglifo de Pedra moura, onde, a pesar do mal estado de conservación se poden ver moitos dos elementos relativos a esta manifestación artística e a lenda que rodea tal rocha. Pois, non hai moito tempo que unha veciña dicía ter visto unha serea que polas mañás e cando se poñía o sol se peiteaba enriba desta rocha.

Observando os detalles do petróglifo de Pedra moura
De seguido pasamos polo punto limpo onde se acumulan toneladas de residuos vexetais que están sendo triturados para logo destinalos a abono ou transformación en enerxía eléctrica cando son trasladados ás centrais de obtención de enerxía.
Moi preto de alí, e despois de salvar un forte desnivel pola aba oriental do monte de Fragoselo, onde se está levando a cabo un proceso de trasformación dun eucaliptal e piñeiral nunha auténtica fraga a base de reintroducir árbores, maiormente caducifolias e de ribeira, como  amieiros, cerdeiras, nogueiras, castiñeiros, sobreiras ou acivros, entre outras, pasamos a rentes dun dos lugares máis interesantes desde o punto de vista vexetal, porque se formaron como  pequenos recunchos a base de castiñeiros, bidueiros e tuliperios de Virxina, que están próximos a mostrar  flores tan chamativas e que sorprenden  no medio dun monte galego. Como curiosidade comentar que nese intre un técnico de montes estaba a tratar os castiñeiros contra a enfermidade do chancro.
Unha vez que chegamos á cota máis alta da andaina, o descenso resulta máis cómodo en dirección á regueira de Laxiade. Como indica o seu nome, e con estes días tan chuviosos, a natureza neste lugar móstrase en todo o seu esplendor.Este é dos puntos que serven para reflexionar sobre o que é unha fraga e a importancia da biodiversidade fronte ao monocultivo de eucalipto e piñeiro. Así, aprovéitase para repoñer forzas e, simultaneamente, para ilustrarnos algo máis en vivo e en directo sobre algúns detalles.Por exemplo, destaca a abundancia de auga que facilita o crecemento de especies propias desta contorna, así vemos como medran  freixos, abelairas, amieiros, onde antes campaban as acacias negras e os eucaliptos ou piñeiros. Cunha consideración, que non se trata de demonizar estas variedades, porque son a fonte de ingresos principal para manter a actividade da comunidade e ao mesmo tempo de poder repoboar algunhas zonas que serían invadidas de non ser controladas. Do que se tratará será de evitar o monocultivo baseado exclusivamente nunha das variedades alóctonas.

Área de descanso,recoñecemento de especies e paisaxismo
Como diciamos, este lugar de descanso serviu tamén como foro para escoitarmos da voz de Carmen a lectura dun clásico de M. Rivas titulado “O toxo is beatifull”, no que reivindica este arbusto e que nestes días presenta a súa faciana máis amable e colorista: O toxo. Entre outras consideracións, M. Rivas sostén o seguinte: “O toxo é unha das creacións estéticas máis enxebres de Galicia.” “Os poetas cantaron o toxo porque teñen o don de mirar con agarimo aquilo que moitos ignoran” , “…. á vista das lombas douradas polas toxeiras .É como se viñera Van Gogh e se puxera a pintar, en vivo, sobre o lenzo o monte”.  E, aproveitando a cercanía da celebración do día das Letras galegas, pois, velaí vai a proposta d´O Rivas:”Pero volvendo ás flores e ás letras, por que non regalar o 17 de maio un libro cunha poliña de toxo florido ? para concluír con humor e ironía “Metamos os toxos nos fogares. Non na cama, pero si ao seu carón, no floreiro da mesa de noite. Levémolo, canda a xesta, aos xardíns galegos…”

Carmen le o relato de M. Rivas en homenaxe ao toxo
En fin, unha pequena homenaxe a este arbusto tan importante na economía tradicional de Galicia e, á vez, tan poético como pode resultar para expresar o amor, ao xuízo do poeta:”a maís fermosa flor enxergada entre espiñas”.
Pois ben, como xa vai sendo horas de voltar á “gaiola”, e deslizándose pola cara oeste de Fragoselo, a presenza da Ría, as Cíes ou o Morrazo non deixan indiferente a ninguén pola grandiosidade da paisaxe que se ofrece desde a aba do monte. Só resta engadir que nesta zona, non só a presenza de árbores é interesante pola abundancia de érbedos, sobreiras ou capudres, senón que tamén as rochas, non como petróglifos, senón como soporte pictórico  sirvan  para que algún “artista” actual se exprese con vivas cores e obteña orixinais figuras a partir dalgunhas laxes.

Foto de familia, coas illas Cíes ao fondo