Con C de creatividade-2010

Publicado o 20 Decembro, 2010 na sección Noticias do Programa do Diploma do BI, Sen categorizar por Isabel Flores

Charla de creatividade con Román Raña

por Antón Ramil Rodríguez

O mércores día 7 de outubro tivemos a oportunidade de aprender novos xeitos de ser creativos os alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato E. Román Raña, profesor de lingua galega do instituto e poeta que publicou varios libros de poesía e que foi gañador de varios certames de poesía moi recoñecidos en Galicia, foi o encargado de mostrarnos unha nova forma de creatividade.

Centrouse principalmente na poesía, campo no que leva anos innovando  e no que inviste tempo e unha boa dose de creatividade para realizar poemas con gran calidade (é un dos poetas galegos da xeración dos 80’s).

Comezou explicando que, dende o seu punto de vista, todo poeta que se considere como tal debe incluír nas súas obras catro ingredientes fundamentais:

-         A metalinguaxe: é imprescindible reflexionar desde a lingua sobre a lingua nos propios poemas.

-         O xogo: o poeta debe xogar cos recursos literarios tales como a metáfora, a ironía etc. É sen dúbida o ingrediente principal, xa que gran parte da creatividade recae nel.

-         A narratividade: os poemas, ás veces, poden contar unha historia. De feito os primeiros poemas, mesopotámicos e chineses, eran narrativos. Isto demostra que se pode referir una historia de maneira poética, engadíndolle á mesma unha beleza expresiva e un ritmo distinto, fruto da creatividade do autor. Un claro exemplo deste tipo de poemas aquí en España  é o “Cantar del Mio Cid” que narra as andanzas do cabaleiro Rodrigo Díaz de Vivar na reconquista do Al- Andalus aos musulmáns.

-         O sentimento: é moi difícil expresar os sentimentos, xa que non son tanxibles nin visibles. Un poeta que se precie debe tratar de expresar o que sente mediante as palabras. Este ingrediente quizais sexa o máis difícil de plasmar nos poemas.

Tras esta explicación leunos catro poemas onde destacaban cada un destes elementos. O ingrediente que estaba presente en todos eles era o xogo. O poema que máis me gustou foi o narrativo, xa que había múltiples referencias culturais e históricas aportándolle ao poema verosimilitude e calidade.

Dende o meu punto de vista creo que foi unha boa experiencia, que nos mostrou outra forma de creatividade, complexa e persoal, pero que dalgún xeito nos pode axudar en futuros proxectos á hora de innovar e ter boas ideas cara ao plantexamento  e a realización dos mesmos.  Para finalizar creo que é preciso dicir que o que sacamos en limpo desta charla é que todo o que facemos ten matices de creatividade achegados por nós.

Na foto o alumnado de 2º E co profesor Román Raña, baixo o coñecido ombú do IES do Castro

roman_ranha_segundo_e.jpg

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo