Compartindo con M. Rivas unha xornada memorable
Non sei o que pode pensar calquera que vexa esta foto de M. Rivas non estando presente nese día e nesa hora na Sala de conferencias do centro, cando o pasado tres de marzo un grupo abondo numeroso de alumnado e profesorado tivemos a ocasión de poder, admiralo?.Porque unha cousa é utilizar a linguaxe corporal para comunicar, e outra ben diferente é querer imitar o voo do Espírito Santo cando, despois que o presentador introducira O Misterio da Santísima trindade, o protagonista aproveitou para darnos a súa peculiar visión do Misterio con alusións máis ou menos cultas, segundo a tradición galega, como a que refería Castelao cando consideraba que se algún día Galicia chegaba a ser un “pobo de seu” debería entronizar a vaca, o peixe e a árbore, ou se se podería entender o antedito misterio polo que alguén viu reflectido no nabo, na nabiza e no grelo. En fin, que todo viña a conto de que, despois de que o que subscribe establecera unha comparación profana cos tres “manueles” da nosa historia literaria, é dicir, Manuel Curros Enríquez, o pai; Manuel María, o fillo; e Manuel Rivas, o espírito santo; pois, todo empezou primeiro co que se acaba de relatar e despois, -momento ao que corresponde a ilustración- a cando aquel conta unha vivencia familiar, que presenciara a súa nai na súa parroquia, que falaba de que cando o crego se dirixía aos fregueses para explixcarlles o antedito misterio, pois había, -como en cases todas as parroquias galega- un “toliño” que o crego lle concedeu o beneficio de identificarse co Espírito Santo, e como aquel estaba simbolizado por unha pomba, “o toliño” botábase a “voar”, -como fai Rivas na foto- cada vez que o cura mentaba a antedita verba. Chegou un momento en que o que parecía un xogo para aquel inocente, a autoridade eclesiástica prohibiulle a entrada na igreza, e, a partir dese momento paecíalles aos fregueses que se botaba algo en falta. Tamén houbo outra referencia antropolóxica ao trevo que, dalgunha maneira, na tradición irlandesa simbolizaría esta triple interpretación do misterio dun xeito máis panteísta, e tal e como aparece recollido na súa bandeira.
Pois, como dícia, que se podía suxerir na presentación dun home que, segundo as últimas reseñas das súas obras “a súa obra está escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosa editoriais do mundo” ? O primeiro que se me ocorreu foi lembrar a Rosalía de Castro e tomar emprestadas as súas palabras do Prólogo de Cantares Gallegos cando di”que grande atrevemento é sen duda para un probe inxenio como o que me cadrou en sorte, dar á luz un libro cuxas páginas debían estar cheias de sol”. E así foi como, co seu permiso, iniciamos esta xornada memorable.
Denantes de entrar en espazo pechado, e logo de ser saudado por varias persoas do centro, encamiñámonos de cara ao xardín, despois de informalo que contabamos cunha árbore peculiar, chamada Ombú en lingua amerindia, tamén árbore da bela sombra, nacional de Arxentina e do gaucho, sabedores como somos da súa paixón pola conservación da natureza e do patrimonio material e inmaterial de Galicia. Despois de sorprenderse da beleza -agora espido, pero quizais aínda máis sorprende que coa folla e flor- e de acariñar as súas raíces, suxeriu que podía semellar un paquidermo ou, mesmo, diría eu un armadillo pola forma que está adoptando a súa raíz fora da terra e que ascende cun multitoro. Aproveitamos para comunicarlle que o centro está xestionando coa Consellería responsable que sexa catalogada como ÁRBORE SENLLEIRA, pola súa antigüidade, dendrometría, e símbolismo antropolóxico de intercambio entre a nación Arxentina e Galicia.
A todo isto hai que dicir que a lectura do seu libro de relatos, Madonna e outros contos de inverno, polo alumnado de 3º da ESO, foi,en realidade, unha desculpa, porque, máis que nada, do que se trataba era de que coa súa presenza e a súa forza espiritual, poética recaese sobre o auditorio, fose en forma de pomba ou de chamas, ao estilo das bágoas de San Lourenzo, e que o amor polos libros e a lectura, tal e como ten demostrado reiteradamente na súa extensa bibliografía en “Os libros arden mal”, “O último día de Terranova”, etc.
Así foi como, despois de explicar que as súas obras eran como unha especie de círculos concéntricos que se van engarzando unha nas outras, e que os pequenos xestos poden ser tanto ou máis importantes que os que protagonizaron reis, políticos ,etc. en realidade soen ter maior recoñecemento un Shakespeare, Cervantes ou Blanco Amor,por poñer algún exemplo, que as batallas ou guerras das que aqueles puideron ser protagonistas. E así foi como chegou o recitado/dramatización do poema incluído nun dos seus últimos poemarios “A boca da terra”, co que rende unha sentida homenaxe ao patrón e aos mariñeiros do barco “Xurelo” cando con motivo do traslado de residuos radiactivos á “Foxa atlántica” -así se titula o poema- un grupo de persoas se desprazou a ese lugar que estaba servindo de cemitrio de residuos e que con esta acción se paralizou esa práctica tan nociva para Galicia e a humanidade en xeral. Este foi o momento máis emotivo de toda a súa intervención polo dramatismo que para el representaba ese feito e que tería unha moi fonda repercusión no desenvolvemento posterior do lixo radiactivo. De feito, a partir de aí, os estados tiveron que empezar a buscar outras alternativas.
Ninguén quería deixar pasar esta oportunidade para poder contar coa sinatura dalgún dos seus libros. Así foi como de xeito pausado e con toda a entrega que se lle pode poñer accedeu a asinar todos os libros que lle foron presentados: fose o libro de visitas da Biblioteca, fosen os dalgúns rapaces que a súa familia lle mandou traelos para non desaproveitar a ocasión; o caso foi que ninguén que quixo quedou sen que asinase o que lle presentaron; a pesar de que outro centro estaba agardando por el como auga de maio.
Finalmente, e xa de novo no exterior, e cumprindo co rito das grandes ocasións, alumnado, profesorado e M. Rivas achegámonos ata o OMBÚ para realizar a foto de rigor e así, unha vez máis seguir reivindicando a condición de ÁRBORE SENLLEIRA, petición á que se sumou o propio autor e que nesta mesma xornada temos coñecemento que o Cónsul de Arxentina en Vigo, Osvaldo Jorge Degdeg, tamén vén de expresar o seu apoio e que xa expresou en documento escrito e vai referendar coa súa presenza no centro o vindeiro día 9 de marzo.
Por último, e seguindo as ensinanzas do mestre e tal e como xa coñecía o alumnado existente, porque este texto xa fora lido con anterioridade en contacto coa natureza, en Fragoselo, monte de Coruxo,procedemos a agasallalo co que non podía ser menos, unha peza de Sargadelos! e o máis rechamante: un toxo!. Por que ? Pois, tal e como el propón nun libro titulado “Unha espía no reino de Galicia” un dos artigos titulados “O toxo is beautifull” recomenda, e sempre de xeito inxenioso e con moito tino que, entre outras ideas ,en Galicia, podían terse en conta as seguintes:
“O movemento antirracista que reclamou os dereitos civís dos negros fixo popular aquel lema de Black is beautifull. Os probos holandeses, precursores do ecoloxismo, proclamaron aquilo de que “o pequeno é fermoso”. Por iso, os galegos deerían de popularizar entre os seus eslógan internacionais ese do toxo is beautifull. O toxo é belo!
e segue afondando máis no tema “volvendo ás flores e ás letras, por que non regalar o 17 de maio un libro cunha poliña de toxo florido?. Ademais do detalle, contribuiriamos a desenvolver a industria editorial e unha fonte de ingresos para a necesitada economía rural : a da chorima.”
“Metamos o toxo nos fogares.Non na cama, pero si ao seu carón, no floreiro da mesa de noite.Levémolo, canda a xesta, aos xardíns galegos. Mágoa é que os poucos parques das cidades galegas non se vexa un carballo nin un castiñeiro, coa grata excepción compostelá da carballeira de Santa Susana. Plantemos, si, camelias e magnolios, esas xoias orientais que a fidalga campiña galega tomou como propias. E plantemos tamén toxo.
O fermoso toxo que vestiría co ouro das chorimas o corazón desfeito das cidades desfeitas.”
Que vos parece? Non vos resulta inxenioso e á vez algo espiritual e de apostolado, como diciamos ao comezo, ao personificar o Espirito santo n´O Rivas. Non sei!
Manuel mima, a espiña ou a chorima?do toxo traído do corazón de Galicia

