Por Santos e Nadal, libros a fartar

Publicado o 13 Decembro, 2015 na sección Lingua e Literatura galegas, Biblioteca por Xulio Dobarro

joao.jpeg

Antón Riveiro Coello (Xinzo da Limia-1964)explicando a súa obra”As rulas de Bakunin” 

Estas son algunhas das imaxes que corresponden á conferencia-coloquio sobre  a obra “As rulas de Bakunin” que, co seu autor Antón Riveiro Coello e coa colaboración da editorial Galaxia, tivo a oportunidade o alumnado de 2º de bacharelato de escoitar de primeira man como foi a xénese desta obra, que, xa se convertiu nun clásico entre os escolares.

A presenza do  autor, por segunda vez nos últimos tres anos, é moi de agradecer porque o alumnado escoita de primeira man unha versión novelada dunha etapa tan convulsa da nosa historia,e abondo documentada,  como foi a da República, e, ao mesmo tempo serve como estímulo para incitar a posibles creadores, ou, como mínimo a crear novos lectores, logo da experiencia narrada por aquel.

A maior parte da súa intervención estivo centrada na análise da obra sinalada. pero tamén se nos deu a oportunidade de contar con algunha reflexión sobre a súa última novela,“Os elefantes de Sokúrov”, da que cremos  está chamada a recibir moitos eloxios, tanto pola súa excepcional oportunidade da publicación ao coincidir coa celebración das festas de Nadal, como por outros moitos motivos  de actualidade, que, partindo do ano 2012, ás veces os personaxes, na súa ansia de descubrir o seu pasado, nos trasladan a tempos pretéritos con algúns episodios non precisamente moi felices, pero que forman parte da nosa historia non tan lonxana.

Por outo lado,os espazos da novela, xerais ou particulares, están cargados de mensaxes reais e simbólicas. Así, o autor adéntranos na parte máis escura da cidade de Santiago, o antigo barrio do Pombal, e, ao mesmo tempo réndelle unha homenaxe cordial á cidade na que a pedra e a choiva veñen a ser como o corazón e a alma daquela.Especialmente recomendada para ex ou composteláns de pro que teñan gravados os paseos pola carballeira de Santa Susana, “as rúas”, o Preguntoiro, Cervantes, o Pombal, a Algalia, etc.

Case poderiamos atrevernos a suxerir que Antón constrúe unha novela redonda, tanto desde o punto de vista formal (o uso do monólogo, como recurso reiterado que lle concede unha maior credibilidade á trama, nos personaxes principais está moi logrado), como pola temática variada, porque aquí aparecen tratados os temas do amor (en diferentes etapas da vida:desde a adolescencia ata a vellez, mesmo o sexo, e a prostitución, nunha dobre vertente), como da morte nas súas máis variadas facianas: asasinato, suicidio, drogadicción, etc.

En resumo, unha obra que debe ser lida con atención, que ademais se presenta cunha lingua áxil e dinámica, que lle dá fluidez e dinamismo ao discurso que non permite deixar de lela ata o desenlace.

O título e a fotografía da portada, desde logo nada que ver cunha estampa galega, pero si coas experiencias vividas pola protagonista cando na súa infancia ía ao circo e voltou na súa madurez a toparse cunha pasaxe na que un elefante -que podía ser o mesmo da infancia- vai morrer na beira do Sarela . A erudición de Antón maniféstase na súa cinefilia e no coñecemento profundo da filmografía de Sokúrov ,ao tratarse dun dos directores máis sesudos do cinema ruso actual.

roman.jpeg

“A través das historias dos seus personaxes, Riveiro Coello consegue vencellar pasado e presente, unindo inextricablemente a recuperación da memoria coa busca do senso da vida. Moi poucos novelistas conseguen transformar temas de actualidade coma os problemas da vellez, os desafiuzamentos, o traballo precario da mocidade e a pobreza nas rúas nun relato sobre o esencial da vida humana. Riveiro Coello é quen de o facer ao incrementar a capacidade de atracción das reviravoltas dunha trama coidada en todos os seus pormenores, co engado duns personaxes trazados de maneira vívida e cuns recursos literarios nos que a metáfora e o símbolo están ao servizo da narración. Os elefantes de Sokúrov é unha gran novela sobre o presente porque, desde o actual, nos fai concibir o tempo todo como un senso que libera”

sokurov.jpg                                                terranova.jpeg

“Os elefantes de Sokúrov” (Galaxia)

Outra novidade que nestes días chega á Biblioteca é a novela de Manuel Rivas: “O último día de Terranova”, que, con semellante título poderiamos pensar que nos trasladaría ata as lonxanas costas de Canadá para falarnos dun drama ecolóxico ou dos pescadores galegos á procura do bacallau. Pois non, o que di a reseña da editorial é o seguinte:

A libraría Terranova é un lugar diferente no planeta Terra, habitada por libros e almas, un escenario de amores e resistencia, un refuxio de náufragos da vida, un santuario de animais, un lugar de memoria e emoción, onde de súpeto aparece no escaparate o letreiro da Liquidación total de existencias por peche inminente. Cando chega o ultimato e se pon en marcha o proceso de desafiuzamento, Vicenzo, o libreiro, que arrastra as secuelas dunha doenza na infancia («O meu corpo é un manifesto!»), revive a propia historia e a da libraría, mentres tenta facer fronte á especulación e ao que el chama o Imperio do Baleiro. Terranova é un lugar de emoción e memoria. Foi porto de desembarco de libros descoñecidos ou prohibidos, unha especie de Ítaca entre Europa e América, un territorio de liberdade secreta no franquismo, onde as «botellas ao mar» do exilio retornan, en xeito de libros, en maletas e baúis de emigrantes. E será tamén o lugar de acollida para unha personaxe engaiolante, Garúa, unha moza exiliada arxentina, cuxa chegada transformará a vida de Terranova en tempos da chamada Transición, aínda perigosos e de gran incerteza histórica. Galicia, Bos Aires, Madrid, París, Lisboa…, xunto ao Pulmón de Aceiro, a Cámara Estenopeica, a Terra Escondida, a Memoria Profunda, o Faro e a Liña do Horizonte, son territorios e espazos reais que tamén pertencen á xeografía íntima da libraría Terranova. O último día de Terranova é unha novela de enxeño multiforme onde conflúen os xéneros literarios entrelazándose a serie negra, o humor da poética surrealista mesturado co da oralidade popular, e un realismo tan a rentes do chan como transcendente. A libraría Terranova converterase para quen entre nela nun lugar inesquecíbel.

louvre.jpeg

jiro.png

Entrevista publicada no xornal “La Voz de Galicia”(13-12-2015), en cuxo titular recolle a seguinte mensaxe:“A arte é un espello no que se reflicte a túa propia experiencia” e na que se lle presentan varias cuestións relacionadas co manga e afirma con respecto  a Miguel Anxo Prado que “é un dos seus mangakas favoritos”, o que vén a demostrar o coñecemento da situación desta técnica en Galicia, e, ao mesmo tempo, a súa actualidade.

Pois ben,chegou á Biblioteca a súa obra titulada Los guardianes del Louvre,segundo os críticos, unha xoia asinada polo xaponés Jiro Taniguchi, que pasou un mes do ano 2013 empapándose da pintura e do misterio que arrodea moitas das obras que garda o museo, e no que sabe adicarlle unha homenaxe á arte e contar unha profunda historia de amor.

Taniguchi é un xenio do cómic e o mangaka máis occidental. Nesta obra cóntanos como o propio debuxante chega a París, e despois de pasar por unha febre extraña, adéntrase no Louvre e na maxia que envolven algúns dos cadros e dos artistas máis relevantes.

Tamén visitará outros dos museos da cidade e adicaralle unha sentida homenaxe aos outros gardiáns que durante a ocupación nazi puxeron a salvo algunhas das obras.

E como non, tamén unha historia de amor, adicada ao amor da súa vida e demostrarnos que a Arte é máis grande que a vida.

Así imos rematando a crónica e o ano 2015, para que con estas e outras maís que aquí non se inclúen, invitarvos a pasar pola Biblioteca e encher estes días de lecer cun libro, clásico ou moderno, novela ou poesía, teatro ou cómic,revista ou ensaio, en inglés,francés,  castelán ou galego  e  desexarvos unhas felices lecturas de Nadal e  aninovo. 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Si, don Francisco, tamén hai neogalego na LOMCE

Publicado o 3 Decembro, 2015 na sección Taboleiro Transversal por Alberte Zato

Fonte: Faro de Vigo 2-12-2015

Clique na imaxe para ler

undefined

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo