O Ombú xa é árbore senlleira
Inicio da campaña.Xa pasaron cinco anos
Despois de moitas voltas e reviravoltas, o pasado 29 de xullo recibiuse na Secretaría do Instituto a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre a inclusión no catálogo galego de Árbores Senlleiras do Ombú. “Esta resolución conleva a inclusión do exemplar no Catálogo galego de árbores senlleiras, o que se fai coas seguintes especificacións:
Código:149A
Nome da árbore: Ombú do Castro
Especie: Phytolacca dioica L.
Localidade: Vigo
Concello: Vigo
Provincia: Pontevedra”
Pois ben, como xa anticipaban os medios de comunicación en días pasados a boa nova, a árbore pasa a formar parte dese catálogo galego e será a primeira na cidade e na provincia que se faga acreedora de semellante honra, e, será a terceira en Galicia, xunto coas existentes no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla (Vedra) e no centro cultural de Santa Cruz de Oleiros na provincia da Coruña.
Na cidade olívica vén ocupar o sétimo lugar dentro dese catálogo, despois de ser recoñecidas con anterioridade outras como a oliveira do Paseo de Afonso, O Matusalén,a Tulipeira de Virxinia, e unha Faia,todas estas no Pazo de Castrelos, así como unha casuariana na Alameda. Dentro da súa especie, nun catálogo publicado polo concello de Vigo de “Árbores singulares” no ano 1993 informábase da existencia doutro Ombú na rúa Redondo pola zona de Samil. A día de hoxe xa se pode advertir a presenza dalgún outro por Castrelos á beira do río Lagares.
Con este breve relato o que queremos é expresar a satisfacción da Comunidade educativa do Ies do Castro por acadar un obxectivo que se marcara xa hai uns cantos anos e para que todas as xeracións que levan transitado ao longo dos vinte e tres anos de historia do centro saiban que todos os coidados e atencións que se lle renderon deron o seu froito. Como xa se ten dito nalgunha ocasión, resulta un tanto paradóxico que o centro de Secundaria máis novo da cidade conte cunha das árbores máis vellas.
Por outro lado, non deixaremos pasar a ocasión para agradecer a sensibilidade dos que desde os alicerces da construción do centro souberon preservar a integridade do que se converteu como nunha especie de tótem e de culto para todos aqueles que dun xeito ou outro contribuíron á súa conservación, protección e difusión.En particular, hai que suliñar a solidarieda expresada desde o Consulado da República de Arxentina, e dos escritores M. Rivas e Luís G. Tosar que de xeito expreso asinaron documentos de apoio para que a iniciativa tivese o desenlace coñecido.
Foron moitos os momentos nos que os milleiros de estudantes que levan pasado por aquí se espreguizaron á súa sombra ou mesmo se encaramaron a algunha póla. Sen esquecer a obrigada reportaxe gráfica que cada promoción se acubillou á súa sombra para a despedida definitiva ao ter cursado COU e 2º de Bacharelato.

Promoción 2010-2016
En fin que,merece unha mención especial o alumnado que rematou este curso 2015-16, porque foron algúns deles os que participaron de maneira activa na creación de materiais como o boceto e documentación inicial que se presentou na primeira solicitude alá pola ano 2012 e que fora resolta negativamente, así como noutras actividades de documentación e información sobre a diversidade botánica do xardín (Axenda 21 de Galicia) e que permite contar na actualidade cunha Guía dalgunhas das plantas máis visibles da contorna do que está a ser considerado como un lugar de interese desde o punto de vista medioambiental.
En todo caso, facemos un chamamento á Comunidade educativa do Ies do Castro, e, de maneira especial aos equipos directivos vindeiros, para que esta dinámica de conservación, protección e difusión da nosa flora do xardín se siga mantendo e se lle dea a maior visibilización, tanto de cara ao propio centro, como ao exterior.
A resolución da Consellería de Medio Ambiente, neste sentido, é clara:“o exemplar cuxa catalogación se solicita, cumpre coas condicións sinaladas no artigo 2º do decreto citado con anterioridade, en canto ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, significación cultural e interese científico e educativo. Polo que conclúe que a árbore obxecto da solicitude é merecente das medidas específicas de protección que supoñen a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras”
No mes de setembro agardamos realizar algún acto simbólico no que se podería incluír, por exemplo, a colocación dalgunha placa cos datos obxectivos da árbore, ou algunha outra mención de interese. Ou mesmo programar algunha actividade escolar de intercambio con institucións unidas por algún vínculo entre Arxentina e Galicia (Consulado de Arxentina en Vigo, colexio Santiago Apostol de Bos Aires, etc.).

Profesorado e alumnado de 3º da ESO e Bachar. na compaña d´O Rivas
En fin, que como diciá o poeta que anceiaba 1000 primaveras máis para a Lingua Galega, tamén imos expresar o sentir colectivo de moitas persoas vencelladas ao centro no pasado e presente, desexando que o Ombú chegue a ser, como mínimo, bicentenario.
(Para aqueles que queiran seguir a evolución desta angueira poden consultar na páxina Web do Instituto introducindo no buscador a palabra OMBÚ.Ou tamén consultar nos medios de comunicación local as novas que tiveron como protagonista A ÁRBORE.)
Imprimir este Artigo









