Novembro Mes da Ciencia en Galego
No mes de novembro dende as bibliotecas escolares celebramos a Mes da Ciencia.
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, impúlsase a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.
MANIFESTO MES DA CIENCIA EN GALEGO
O FEITIZO DA CIENCIA
Está en todas partes. Dentro do teu ordenador, no microondas e na neveira da cociña, en todos os medicamentos que tomamos de cando en vez, nos instrumentos de medición que hai nos hospitais, nas lámpadas que dan luz cando marcha o Sol, no motor do coche e do patinete eléctrico… chámase ciencia e é unha das ferramentas máis poderosas que desenvolvemos os seres humanos para tratar de comprender como está organizado e como funciona o mundo. A ciencia non é unha cousa escura que só se fai en complexos laboratorios, senón que, por riba de todo, é unha maneira de pensar, unha actitude para chegar ao coñecemento. Consiste en observar a natureza con paciencia e curiosidade, dun xeito rigoroso e meticuloso, co obxectivo de, pouco a pouco, descubrir os mecanismos que se agochan detrás dunha planta que agroma, dun bebé que comeza a camiñar, dun volcán en erupción ou dun medicamento que elimina a dor de cabeza. O traballo da ciencia pode facerse cun lapis e un papel, anotando o paso de aves migratorias, propoñendo unha hipótese brillante para explicar algún fenómeno da natureza, ou desenvolvendo unha solución matemática para calcular a danza aérea dunha bolboreta. E, por suposto, o traballo da ciencia tamén se fai nas instalacións que hai nos centros de investigación e de ensino, desde as máis simples ata as máis especializadas. En Galicia temos a fortuna de poder facer ciencia de calidade nos laboratorios das universidades e doutros centros de ensino. O importante e botarlle ilusión, paciencia e moita imaxinación. Pero ademais de facer ciencia, todos podemos gozar do traballo, das achegas e das vidas das científicas e dos científicos mergullándonos nos libros. Cada libro é unha viaxe interestelar á mente doutras persoas, ás súas aventuras, penas e alegrías. Nas nosas bibliotecas podemos gozar sen límite con relatos abraiantes sobre o funcionamento do cerebro, a vida das abellas ou a construción dun aeroplano. Cada libro é unha xoia capaz de alimentar e de estimular a mente. E ademais podemos gozalos na nosa lingua, en galego, porque a ciencia fala todos os idiomas, pode emocionar todas as mentes. O mes da ciencia en galego nas bibliotecas é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia dos libros e do coñecemento que atesouran. Pero, ollo; esta actividade é profundamente aditiva e, sen que un se decate, pode acabar gozando da lectura todos os días do ano.
Xurxo Mariño Alfonso Profesor, investigador e divulgador científico
CLIC NA IMAXE E DESCARGA O MANIFESTO
Estamos a seleccionar libros de ciencia en galego para que durante este mes podades achegaros a novas lecturas de temática científica tanto divulgativa como de ficción.
No seguinte link pódese atopar unha recompilación de materiais de ciencia en galego
MATERIAIS CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
Imprimir este Artigo













