O pequeno grande home de Flores

Publicado o 31 Xaneiro, 2010 na sección Bioloxía e Xeoloxía, Departamentos por Xosé Ramón García

hobbit.jpgOs últimos traballos mostran que o ‘Hobbit’ evoluíu en África hai máis de dous millóns de anos e utilizaba ferramentas. JAVIER SAMPEDRO - Madrid - 25/10/2009

Cinco anos despois do seu descubrimento na illa de Flores, en Indonesia, os científicos seguen reexaminando o fósil humano máis desconcertante da historia: LB1, o home de Flores, que en realidade era unha muller. Medía un metro e non tiña máis cerebro que un chimpancé, pero viviu hai só 17.000 anos. Algúns paleontólogos non aceptan que represente unha especie anana, e sostiveron sempre que LB1 é unha muller moderna con algunha enfermidade rara. Segundo os últimos estudos evolutivos, non obstante, a enfermidade tería que ser tan rara como unha máquina do tempo.

O polgar dos seus pés era perpendicular aos demais dedos e tería calzado un 40. A súa clavícula non é de tipo humano, pero o nariz sitúao entre os homínidos

Os novos datos tampouco confirman a interpretación inicial dos descubridores do hobbit: que esta especie era un descendente evolutivo do Homo erectus, o primeiro homínido que saíu de África (hai 1,8 millóns de anos). Como o erectus xa tiña un tamaño similar ao noso, esta interpretación implicaba que o hobbit ou Homo floresiensis, que é o seu nome técnico, se tiña que ter miniaturizado na illa de Flores. O fenómeno é coñecido noutros mamíferos.

Segundo os novos resultados, o hobbit non é un homo erectus que se fixo anano, senón que xa saíu anano de África, porque provén dunha especie aínda máis antiga que o erectus, dunha época en que os homínidos aínda non creceramos de tamaño. Non é que a nova idea sexa moito máis convencional que a anterior. Algúns paleontólogos, en realidade, vena aínda máis chocante. Simplemente, é a que cadra mellor con todos os datos.

Os principais traballos son dos equipos de Michael Morwood, da Universidade Nacional Australiana en Canberra (Journal of Human Evolution avanzado na edición online o 21 de xullo de 2009), Dean Falk, da Universidade Estatal de Florida (anticipado neste medio o 28 de febreiro de 2009) e William Jungers, da Universidade de Nova York en Stony Brook (Nature, 7 de maio).

En conxunto supoñen a primeira análise detallada de toda a morfoloxía do esqueleto -non só do cranio- e a súa comparación evolutiva coas demais especies de homínidos.

Se se corrixe a lonxitude do seu pé polo tamaño do seu fémur, como adoita facerse, a hobbit de Flores tería que ter calzado máis dun 80. Aínda que non tería podido calzar, porque tiña o polgar perpendicular aos demais dedos. Con todo, o resto do esqueleto mostra que a súa posición era erguida. Os datos xa refírense aos esqueletos de 11 individuos, aínda que o único cranio segue sendo o de LB1.

A súa clavícula non é de tipo humano, nin sequera de tipo homo, recta e longa, senón curta e curva ao estilo primitivo. A súa pelve parécese máis á dun australopiteco que á nosa, que foi inventada polo homo erectus hai 1,8 millóns de anos. O óso trapezoide do seu pulso non ten forma de bota, como o humano, senón de pirámide, un trazo típico dos monos.

A excepción é a cabeza. Non pola súa capacidade cranial de 420 centímetros cúbicos, que volve ser a dun australopiteco ou un chimpancé, senón por certos detalles da súa forma. O nariz delgado e os arcos ciliares prominentes, por exemplo, parecen propios do noso xénero. Son estes trazos os que xustifican a súa designación de Homo floresiensis, é dicir, a súa inclusión no noso xénero.

A comparación de todos estes trazos, os antigos e os modernos, entre todas as especies de homínidos, non cadra con que o home de Flores sexa un descendente evolutivo do Homo erectus. Indica, pola contra, que é unha especie anterior. Unha das primeiras do xénero, de feito, como o pioneiro Homo habilis, que tamén é un mosaico de formas primitivas e modernas (aínda que non o mesmo mosaico, senón outra combinación). Nos primeiros tempos do xénero Homo, os mosaicos eran a norma.Dende hai 4 millóns de anos, evolucionaron en África unha vintena de especies de homínidos. As primeiras foron do xénero Australopithecus, como Lucy, que se extinguiron hai 1,5 millóns de anos sen saír de África nin experimentar un aumento cerebral. O xénero Homo xurdiu hai 2,5 millóns de anos, e polo tanto coexistiu cos australopitecos durante un millón de anos.

Supoñíase ata agora que o Homo erectus, cun cranio próximo aos 1.000 centímetros cúbicos, foi o primeiro homínido que saíu de África, hai 1,8 millóns de anos (está ben documentado que pouco despois se estendeu por Asia). Se a nova interpretación é correcta, o home de Flores teríaselle adiantado en centos de miles de anos.

Na cova de Liang Bua, onde se desenterrou LB1, aínda que non nos mesmos estratos, se acharon ferramentas avanzadas que confunden aínda máis o cadro. Pero a maior parte dos artefactos desa cova -que se remontan a 800.000 anos atrás-, e todos os da veciña escavación de Mata Menge, son moi similares aos achados en Olduvai, Tanzania, que foron tallados fai un millón e medio de anos, quizais máis. E estes adxudícanse ao primitivo Homo habilis, non ao máis moderno Homo erectus. Isto cadra coa nova teoría. As ferramentas modernas non cadran con ningunha. A paleoneuróloga Dean Falk, da Universidade Estatal de Florida, comparou o interior do cranio do hobbit co doutros homínidos e humanos modernos, incluído un microcefálico. Os datos mostraron xa en 2005 que as dúas formas eran moi distintas. Pero mostraron que había unha posibilidade que non contemplaran os descubridores do hobbit.

“A nosa reconstrución do cerebro é tamén compatible con que o hobbit e o Homo erectus compartisen un antecesor común de pequeno tamaño”, explicou Falk entón. “Se isto fose certo, o cerebro do hobbit non tería sufrido unha miniaturización en ningún momento, senón que o cerebro do Homo erectus tería experimentado un crecemento durante a evolución desta especie [hai dous millóns de anos], ao mesmo tempo que o seu corpo. Esta hipótese implicaría que os trazos avanzados que detectamos no cerebro do hobbit empezaron a evolucionar antes de que o cerebro do erectus aumentase de tamaño”.

Máis información

http://www.prodiversitas.bioetica.org/prensa85.htm

http://es.wikipedia.org/wiki/Homo_floresiensis

 Resume as dúas hipóteses sobre a orixe da especie Homo floresiensis de que trata o artigo.

Modifica a árbore evolutiva dos homínidos segundo as dúas hipóteses sobre a orixe do Homo floresiensis

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo