Actividades CAS en marcha

Publicado o 30 Outubro, 2010 na sección Noticias do Programa do Diploma do BI por Isabel Flores

As actividades CAS no curso 2010-11

Como se indica no texto inicial desta sección, que contén unha síntese da programación das actividades CAS, o Bacharelato Internacional ten como meta a formación integral do alumnado e dentro deste proceso “As actividades CAS conforman unha parte clave …,  complementando o contido académico, abrindo vías positivas para unha cidadanía responsable e solidaria e fomentando o desenvolvemento creativo, físico e social do alumnado a partir das súas experiencias de traballo cooperativo.”

A idea da formación integral trabállase dende distintos aspectos, por exemplo, deste modo:

-búscase dar importancia ás experiencias e a aprendizaxe fóra das aulas e do entorno da educación  formal

-promóvese que o alumnado aprenda dos propios erros, para facerse responsable dos seus actos

-valóranse e poténcianse as habilidades persoais como a integridade, a empatía e interese polas outras persoas, o respecto e consideración, a negociación e a escoita activa. A avaliación das mesmas realízase a través de condutas e accións extraídas de diversas fontes e observación e comunícase ao alumnado de xeito construtivo, ofrecendo orientación para desenvolver os propios valores e habilidades.

Neste momento hai diversos proxectos xa en funcionamento -ou en diversas fases de traballos de preparación- xestionados en xeral por alumnado de 2º curso polo momento, pero con participación de alumnado tanto de 2º como de 1º curso:

Grupo de ‘Save the frog’ en acción:

-campaña de divulgación e concienciación sobre o proxecto

-recollida de papel nas aulas para a súa reciclaxe

Grupo de apoio A.I., preparando unha campaña contra a Pena de Morte e concienciando sobre os Dereitos Humanos en xeral.

Grupo de divulgación ‘As Corcerizas’, redactando un traballo sobre a viaxe de estudos a este Centro Medioambiental.

Grupo ‘Día da Paz’- deseño e redacción de materiais para contribuír a esta celebración no seu momento; integrado dentro do mesmo hai un grupo musical, traballando a súa creatividade ao servizo da promoción da paz.

Grupo de voluntariado na Biblioteca (xestión e dinamización):

-curso de formación (xa realizado)

-colaboración en horario de recreo e tarde en diversas tarefas

Alumnado CAS que forma parte do equipo de Mediación (dirixido polo Dpto de Orientación), dispoñible para casos de ‘conflitos entre iguais’.

Grupo promoción do deporte –preparando unha charla para alumnado de 1º ESO, coa colaboración do Dpto de Ed. Física.

Grupo de colaboración co Rastrillo da ONG local HUMI.

Grupo de colaboración coa ONG ASEM-Galicia.

Os proxectos CAS son algo ‘real’, ‘vivo’ no que o alumnado interacciona coa sociedade ou os diversos elementos que condicionan a realización de proxectos. Por exemplo, algunhas persoas preparadas para participar na ‘Marcha Aspanaex’ deste ano viron as súas intencións frustradas ao suspenderse a marcha a causa das condicións meteorolóxicas do momento. Isto supón un valor imprevisto, no sentido de ter que reaccionar á situación, buscando solucións para variar un plan de imposible realización. A reflexión sobre a situación tamén proporciona oportunidades de ‘aprendizaxe experiencial’.

Actividades de formación

Aparte das actividades de formación ordinarias, este ano xa se realizaron dúas ‘extraordinarias’ coa colaboración de persoas expertas nas materias correspondentes.

Para 2º de BI, o profesor Román Raña deu unha charla sobre creatividade, dende o punto de vista da poesía, dentro do ciclo Charlas C, como continuación as realizadas o curso pasado sobre música e artes plásticas. O alumnado asistente á charla valorou especialmente a oportunidade de ter acceso de primeira man á comprender o proceso creativo, o valor da lingua ao servizo do mesmo, e en xeral a posibilidade de  comprender mellor e polo tanto apreciar máis a poesía.

Pola súa parte, 1º E acaba de estar catro días no Centro Medioambiental de As Corcerizas (http://www.amigosdaterra.net/info/ascorcerizas/index.html) xestionado por Amigos da Terra. Esta actividade consiste nunha viaxe de estudos centrada na programación de CAS, aínda que moitas das actividades realizadas teñen unha función integradora de diversas materias e requerimentos do BI.

Na foto podemos ver o grupo camiñando monte a través para ir realizar o seu proxecto de voluntariado en Arnuide

montanas-reducida.jpg

A avaliación da actividade –enfocada a buscar solucións a problemas globais, dende unha perspectiva local- aínda está por realizar polo alumnado, pero podemos adiantar algunhas das experiencias vividas e habilidades traballadas

Por exemplo tivemos a oportunidade de

1. analizar a problemática medioambiental local e global, así como a finalidade do voluntariado na sociedade e do Servizo de Voluntariado Europeo

2. insistir na redacción de concisos textos informativos

-practicando a escribir ‘sinteticamente’

-traballando a creación de ‘criterios’ e opinións propias

-aplicando criterios de selección ‘intuitivos’, así como organización sistemática da información

-buscando vocabulario axeitado para expresar a aprendizaxe persoal, as emocións, sentimentos ou reaccións, así como a evolución destes aspectos.

3. practicar técnicas para debates e presentacións en público (elaboración dun proxecto de voluntariado e presentación pública do mesmo)

3. practicar traballo cooperativo, para comprender mellor as capacidades de relación persoal e funcionamento en grupo, así como as posibilidades de modificación das mesmas, reflexionando sobre o que realmente significa a solidariedade, a tolerancia, a cooperación, a participación.

A afirmación de Eduardo Punset no seu libro El viaje al poder de la mente (Ed. Destino, 2010)  ‘…se ha comprobado que las conductas altruistas… provocan una mejora del estado de ánimo.’, resultou confirmada pola experiencia do alumnado durante a actividade de voluntariado no concello de Vilar de Barrio.

4. prestar algunha atención ao benestar físico e psíquico, que axuda a conseguir mellores resultados académicos.  Estes días traballamos con algunhas ideas:

-achegamento á natureza

-escoita activa e pensamento positivo

-técnicas de relaxación e visualización

5. realizar diversas actividades de voluntariado etnográfico e medioambiental:

-En Arnuide, sendos equipos traballaron na mellora dun muíño e espazo público –a beira do Camiño de Santiago- e na limpeza dunha zona de río para evitar o asolagamento das hortas veciñas.

-No Centro Medioambiental das Corcerizas realizáronse traballos de mellora do espazo. Tamén se fabricou un composteiro que foi doado ao CEIP de Vilar de Barrio onde alumnado e profesorado teñen o proxecto de reducir o lixo producido no centro.

-Na visita ao CEIP de Vilar de Barrio o alumnado de 1º E explicou á alumnado e profesorado do centro a importancia da compostaxe e a redución do lixo e as pautas para o uso óptimo do composteiro.

Na foto podemos ver ao grupo de alumnado rodeando o composteiro donado ao CEIP de Vilar de Barrio. Están no exterior do centro baixo a árbore que acolle o composteiro para facilitar que manteña unha humidade óptima.

grupo-reducida.jpg

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo