Consello escolar: En defensa do Ensino Público

Publicado o 14 Outubro, 2011 na sección Consello escolar por Alberte Zato

Texto aprobado no Consello escolar e que se enviará ás autoridades educativas do noso país galego:

EN DEFENSA DA ESCOLA E DO PROFESORADO DO ENSINO PÚBLICO

A escola pública foi desde a súa creación a encargada de asegurar o dereito á educación de toda a poboación para superar as desigualdades de orixe, foi o principal medio para garantir a cohesión social e estableceu as bases do progreso das sociedades. A educación pública garante a non discriminación por raza, sexo, relixión ou outras razóns.

O profesorado está no centro de todo o entramado educativo. Ao longo destes últimos anos perdeu unha parte importante do recoñecemento social que tiña. Se algo necesita nestes momentos o profesorado é comprensión e motivación, non insultos e descualificacións.

Un bo servizo público define ás sociedades avanzadas e prósperas. Mentres noutros países da nosa contorna toda a sociedade pecha filas a favor do profesorado para dispor no futuro de bos e boas profesionais e mellores cidadáns, en Galicia o profesorado está padecendo de forma inxusta ataques e recortes non só como profesionais da Educación senón tamén como empregados públicos, e o peor é que ditos ataques veñen a miúdo desde responsables das Administracións Públicas.

Coa escusa da crise económica as Administracións Públicas están aplicando recortes nos presupostos educativos que poden traer graves consecuencias para o futuro da nosa sociedade. Dende o curso pasado os recortes introducíronse de forma continuada e progresiva nos orzamenros educativos.

Non menos graves son as demagóxicas manifestacións de algúns responsables das administracións educativas que intentaron desprestixiar a labor docente presentando a profesores e profesoras como pouco traballadores. Os responsables políticos coñecen perfectamente que a xornada semanal do profesorado é de 37,5 horas semanais. O aumento das horas lectivas nos horarios dos docentes significa a redución do número de profesores e profesoras, o que inevitablemente repercute na desaparición de desdobres, clases de reforzo e apoio, programas de cualificación profesional inicial e outros programas, titorías e na impartición de materias das que o profesorado non é especialista.

A educación galega ten a súa propia crise, anterior á crise xeral que vivimos, que se reflicte especialmente nos elevados índices de fracaso e de abandono escolar temperá.

No conxunto do Estado español o paro xuvenil estímase en máis dun 43,5%, e dicir, case a metade da mocidade entre 16 e 24 anos. En Galicia este paro estímase en cerca dun 30 % e a porcentaxe de alumnado que non acada o título da ESO, é dicir, o índice de fracaso escolar achégase ao 28%. Precisamente agora, cando sé empezaban a reducir estas cifras, é cando se fan os recortes no ensino público.

Por todo o anterior, o Consello escolar deste centro:

A rectificación das políticas de recortes na inversión educativa por parte da Consellería.

A continuidade e a ampliación das medidas xa iniciadas para superar os altos índices de abandono e fracaso escolar, que nos colocan á cola de Europa, garantindo os cadros de persoal docentes necesarias para levalas a cabo, mediante ofertas de emprego público adecuadas ás necesidades e a renovación dos cadros de persoal docentes a través da prórroga das xubilacións que establece a LOE.

O recoñecemento do profesorado como principal activo do sistema educativo e a rectificación de certas actitudes que intentan enfrontar á sociedade co colectivo docente, menoscabando o seu prestixio e a súa autoridade.

A garantía do dereito a un emprego digno para todos os docentes e que se poña fin á temporalidade e ao subemprego do profesorado interino nos centro públicos.

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo