Sesión de creatividade musical con Geraint Lloyd Davies
Texto de Mª Carmen Dacasa e Antía Fernández 2º Bach E
O pasado día nove de decembro, os grupos de 1º E, 2ºE e alumnado invitado de 1ºA e 1ºB asistimos á charla que concedeu o pianista galés Geraint Lloyd Davies no Conservatorio Superior de Música, como parte da serie de tres charlas sobre a creatividade nas que tamén participaron a profesora de Belas Artes, Loreto Blanco Salgueiro e o poeta e profesor do noso centro, Román Raña.
Falounos sobre música, pero non só dende unha perspectiva artística senón tamén dende unha óptica máis persoal, de como a sentía, da “uncatchability”, como el mesmo describía esa imposibilidade de retela, da fluidez das notas que, unha vez soaban, desaparecían para sempre.
Transmitiunos a súa paixón pola música, como o marcou ao longo da súa vida, o que tivo como resultado que a nosa atención non decaera nin un só momento durante a hora e media que durou a charla.
Mais non se só limitaba a explicarnos verbalmente a súa experiencia, senón que intercalaba a interpretación de pezas de piano, facendo mostra da súa habilidade, acompañado ás veces da cantante solista e flautista Lucía Barreiro, que nos deleitou coa súa impresionante voz.
Algunhas das persoas presentes nesta charla son estudantes de música que nos contan que chegaron a identificarse co pianista, posto que a música, a pesar do efémeras que son cada unha das súas notas, produce ao mesmo tempo, unha serie de sensacións que non se poden transmitir doutra forma que non sexa a través desta, xa que é única.
Por outra parte, aqueles que se encontraban menos familiarizados con este arte, estiveron de acordo en que esta actividade foi para eles realmente interesante, ao longo da cal puideron gozar dunha melodía que fluía grazas ao virtuosismo do pianista, quen en todo momento se mantivo próximo ao seu público.
Puidemos disfrutar da beleza de pezas creadas por compositores como Beethoven, Brahms, Prokofiev, Rachmaninoff e Frank Martin, algunhas das cales estiveron interpretadas a dúo entre o piano e a flauta travesera, ou a armonizadas pola voz da solista. 
A pesar das dúbidas iniciais dos participantes, o feito de que a charla estivese realizada na lingua inglesa non lles supuxo ningunha dificultade. Este foi un motivo para o contento do público, que remarca que foi algo novidoso e que finalmente chegaron mesmo a sorprenderse da facilidade coa que puideron seguila.
En conclusión, a opinión xeral dos participantes é moi positiva e cualifican a experiencia de “moi inspiradora e suxestiva”. Coinciden en que esta permitiulles afondar na esencia da música, na súa natureza e puideron de esta forma comprender un pouco mellor o proceso musical. Piden que se sigan realizando máis charlas deste tipo no futuro, que sin dúbida algunha, non deixarán endexamais de sorprendernos.
 
					
				 Imprimir este Artigo
 Imprimir este Artigo
	
	









