O Neno do Pixama a Raias

Publicado o 13 Febreiro, 2008 na sección Biblioteca por Xulio Dobarro

O NENO DO PIXAMA A RAIAS: JOHN BOYNE; tradución ao galego de Daniel Saavedra, Narrativa K 2007, Edit. Faktoría de libros. Vigo.

¿Queda algo por dicir dun libro que desde a súa aparición en 2006 en Irlanda leva acaparado mes tras mes os primeiros postos de ventas e está a converterse nun dos máis populares do panorama editorial e segue a ser obxecto de reedicións en case todas as linguas modernas?

Pois ben, a primeira sorpresa coa que se vai atopar o posible lector é que o autor solicitou das diferentes editoriais que se abstivesen de dar unha reseña que, por outra parte é o habitual en case todas as publicacións, na contraportada, pero nesta ocasión dinos o editor que non se nos adiante o miolo da narración para que sexa o lector quen se adentre nunha nova aventura porque o libro que ten entre as mans é moi difícil de difinir e que pode anular a experiencia da súa lectura se se nos anticipan acontecementos. ¿Verdade ou habilidade editorial? O caso é que a historia non ten refugallo ningún e ademais consegue involucrar a moitos lectores.

Para respectar esta complicidade co autor/editor, tamén nós nos imos abster de verquer opinións que poidan contribuír a estragar a narración cuxo protagonista é un neno de nove anos chamado Bruno, que descobre a un amigo de nome Shmuel, da mesma idade,nun lugar e nun tempo non moi lonxanos, pero moi especiais e de ingrata lembranza. As derradeiras verbas da novela (curta) son “E este é o final da historia de Bruno e a súa familia.Isto todo, por suposto, pasou hai moito tempo, e non podería pasar de novo algo semellante.

Non hoxe en día.”

O editor da edición en castelán advirte que non é un libro só para adultos -poderiamos pensar que tratándose dun protagonista tan xove que fose máis ben recomendado para a etapa infantil, sen embargo, non é así-, que tamén o poden ler, e sería recomendable que o fixeran, nenos a partir de trece anos.Polo tanto, aceptamos estas suxerencias e invitamos ao alumnado de 3º e 4º da ESO especialmente e a todos os membros da comunidade educativa para que se sumen á vaga lectora desta historia tan humana.

Sen entrar noutro tipo de análises, argumental ou tematica, sí podemos anticipar, sobre todo para aquelas persoas que lles impoñen as moitas páxinas, que é unha novela curta -case se podería dicir que é un conto- , de lectura doada pero chea de intensidade e de dramatismo e, sobre todo, unha chamada de atención á conciencia humana que nalgunha etapa da historia da humanidade ten sido especialmente perversa e que segundo algúns é preciso corrixir (O pai de Bruno di que “Aquí estamos a corrixir a historia”) pero, ao protagonista, o estudo desta historia e da xeografía segundo as directrices do pai, resultáballe aburrida e agradecía mais o xogo dos disfraces da avoa cando era polas festas do nadal ou de cumpreanos que, por outro lado, ela tampouco compartía as actuacións do seu fillo.

O ambiente humano que preside a novela é o que o narrador sintetiza, dalgunha maneira, no seguinte parágrafo do penúltimo capítulo:

“De feito, alí onde miraba (Bruno), vía dúas clases de persoas diferentes.Ou alegres soldados rindo e berrando, ou triste xente chorando co pixama a raias, moitos dos cales parecían estar mirando para o infinito como se estivesen durmidos”

¿Imaxinas xa de que clase de pixama se trata?

Con respecto á tradución ao galego, esta presenta algunhas eivas que, ou ben son froito da urxencia por publicar o libro canto antes para acadar un certo mercado, ou ben porque se descoidaron algúns aspectos gramaticais.

En calquera caso está moi ben que estas obras que acadan certa sona, se publiquen, se é posible, de non ser antes, ao mesmo tempo que a edición en castelán, porque así estarase contribuíndo de xeito máis pleno á normalización do idioma.

Related Posts with Thumbnails

Publique un comentario

Debe estar conectado para publicar un comentario.


Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo