Á conquista de Roma

Publicado o 17 Marzo, 2008 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

Roma

Foron nove días coas respectivas noites moi intensos. Todo empezou o día sete de marzo cando de boa hora se iniciou a travesía terrestre. A primeira parada nocturna realízase case na fronteira con Franza, en Lloret de mar. Isto quere dicir que despois de máis de doce horas de autobús o corpo pide descanso, pero o que se lle dá é esmorga; o alumnado de cuarto da ESO non está disposto a desperdiciar un só minuto de lecer, tanto é así que esta primeira noite fóra da casa para moitos/as a primeira sen a custodia familiar pode ser unha boa ocasión para a parranda e non se pode desperdiciar. Non hai oportunidade para ir á discoteca e polo tanto organízan a festa pola súa conta.

A segunda etapa non está menos exenta de abondante quilometraxe porque desde o punto anterior hai que procurar chegar ata Niza. Aquí a situación non só mellora senón que se complica nada máis chegar, despois de ter pasado por lugares como Mónaco e abeirando toda a costa azul. A orixe da complicación arranca de que a hospedaxe non resulta do agrado dos rapaces e os responsables daquela adoptan unha aptitude desafiante e dunhas esixencias que non se correspondían coas prestacións. A noite foi longa e tensa porque pesaba sobre nós a posible non devolución da fianza depositada de vinte euros per cápita.

Abandonamos Franza e dispómonos a cruzar os Alpes en dirección a Venecia. A paisaxe xa mudara varias veces de aspecto despois de ter recorrido máis de mil quiñentos Km e deixar atrás os Pirineos ao lonxe ou a comarca dos Monegros, ou a comarca da Camarga francesa regada en parte polo Ródano;e este país do Languedoc e da Provenza tan querido polos pintores impresionistas franceses; pero agora esta terra agreste e montañosa italiana daba paso aos cultivos de vide e flores en bancais case inaccesibles ao pé do mar Mediterráneo, e logo de moitas reviravoltas chegamos á horta de Venecia cando xa é de noite e nos vemos nunha península para o día seguinte acercarnos á cidade das góndolas.

Antes de Venecia,a cidade de Verona dános un respiro de autobús e serve de exemplo de tradición romana polo seu anfiteatro, ben conservado, e por outro lado tamén de lenda arredor dos amantes Romeo e Xulieta. Visitamos e percorremos as rúas desta cidade entrañable e romántica e a maioría dos compoñentes do grupo non deixaron de facerse algunha foto ao pé do monumento a Xulieta para desexarse moitos éxitos na conquista amorosa.

Grupo da viaxe

A primeira aproximación a Venecia realízase cunha viaxe en barco pola baía e infórmanos un guía daqueles aspectos máis salientables nas illas que hai arredor daquela e das actividades principais que se teñen desenvolto historicamente en cada unha delas: construción de barcos, elaboración de cristal (Murano), escola naval militar e que Venecia está a perder poboación de maneira alarmante, ben sexa polo elevado custe da vida ou pola inestabilidade que supón vivir nunha constante ansiedade polo capricho das augas e sobre todo nos tempos que corren coa subida do nivel do mar.

A visita á cidade de Venecia non deixa de sorprender, nin deixa indiferente a ningún dos compoñentes do grupo. Nada máis chegar, aínda que o día era frío, a praza de san Marcos está acugulada de xente e as entradas ao campanil ou á catedral cos espectaculares mosaicos e os teitos dourados, así como os cabalos en bronce que Napoleón roubara á cidade e que á súa vez os venecianos trouxeran dalgún dos puntos que dominaran anteriormente, sorprenden a todos e non deixan de ser admirados e recoñecer o extraordinario labor dos antigos orfebres e arquitectos. A catedral, con planta de cruz grega combina estilos arquitectónicos de oriente e occidente, e en particular do románico e gótico.Un dos tesouros máis admirados é o da Pala d´oro, especie de retábulo con incrustacións de pedras preciosas e fondo de ouro.

O palazo ducal fálanos do pasado glorioso de Venecia e é unha boa mostra da arte gótica coa complicada estrutura de figuras xeométricas nas fachadas con diferentes cores. Desde o campanil, Galileo fíxolle unha demostración ao dux de turno e que nos días claros chegaban a verse os picos dos Alpes. Estas e outras curiosidades como a do reloxio que mandaran construír os duques e que cando os técnicos remataron a obra lles mandaron quitar os ollos para que non puideran deseñar outro semellante. Algunha viaxe en góndola e paseos polas rúas estreitas de Venecia desde o Rialto ata a ponte dos suspiros completouse a xornada nesta illa marabillosa.

En dirección sur, cara a Florencia, o berce da cultura renacentista, tampouco deixa de impresionar a praza da Signoría porque aquí empezamos a atoparnos coas impresionantes esculturas do Renacemento italiano de Miguel Angel (O David); a catedral que é a cuarta máis grande de Europa e segue a ser o edificio máis alto da cidade coa súa cúpula laranxa, o baptisterio de dimensións excepcionais e no que foron bautizados importantes florentinos, como por exemplo, Dante, o autor da Divina Comedia, e no que destacan de maneira especial as portas cuxos orixinais están elaborados en ouro e que son obra de Brunelleschi e outros colaboradores. O campanil destaca pola súa altura e, ao igual que as demais construcións, pola riqueza dos materiais empregados: mármores de cores moi diferentes(toscano branco, verde e rosa) que contribúen á creación dunha obra non só arquitectonicamente excepcional senón tamén de auténtica beleza de policromía e harmonía. A xornada é tan densa que resulta case imposible poder abordar unha mínima parte de tan importante patrimonio artístico. Non por iso deixamos de visitar un lugar tan típico como é a ponte Vecchio sobre o río Arno que na súa orixe acolleu talleres de artesáns vencellados á ferrería para ferrar os cabalos e elaborar ferramentas, pero como se atopa cerca dos palazos ducais, nun determinado momento estes pediron construír un paso superior para evitar o contacto cos transeúntes e así esquivar tamén os malos olores que desprendían, por iso esa dobre planta e que a inferior hoxe acolle só tendas de ourivesaría.

Outro dos monumentos excepcionais é a igrexa gótica de Santa cruz que acolle no seu interior as tumbas de Miguel Ángel , de Maquiavelo e Galileo e que presenta como curiosidade a construción case total en tixolo da bisbarra pero co engadido da fachada en mármore de cores diversas. Non se pode esquecer de facermos unha referencia aínda que só sexa nominal ás galerías de pintura dos Uffizi porque non seu interior acolle unha das pinacotecas máis importantes de Italia con obras de Botticelli (Nacemento de venus), de Urbino (Venus espida), Caravaggio (Baco), Leonardo da Vinci (A anunciación),Rafael (Virxe do xílgaro),etc. . Aquí foi a familia dos Médicis a que fixo posible todo isto, e tamén a que acabou adquirindo o pazo dos Pitti, a outra familia rival que acabou tendo que vender o seu patrimonio á anterior.

A sexta xornada, despois de abandonar Florencia con nostalxía, recuperamos a ledicia cando chegamos á vila de San Gimignano, enclave medieval e que destaca na súa configuración o número extraordinario de torres que chegaron a ser motivo de rivalidade entre familias para ver quen era capaz de levantar a máis alta.Na segunda guerra mundial foron obxectivo doado para a aviación alemá, pero aínda así conserva esta vila extraordinarios pazos de orixe gótica e unha boa gastronomía como demostra a abondosa oferta de caza maior (xamón de xabarín), e os viños e aceites da bisbarra.

Nesta mesma xornada acóllenos a cidade de Siena cun excepcional Duomo construído en mármore (1136-1382) e que presenta adosada unha nave que non foi acabada e que de terse concluído tería sido a catedral máis grande da cristiandade. Coma nas cidades anteditas non pode faltar o campanil e o baptisterio.

Outro dos elementos arquitectónicos que destaca nesta cidade é a Praza do campo e sobre todo o seu deseño en forma de abano. Ao lado a torre do concello, é a segunda máis alta de Italia de feitura medieval e que preside unha das festas máis tradicionais da Tosacana: O palio, que consiste na celebración de carreiras a cabalo a pelo entre as diferentes confrarías de antigo e que non están exentas de picaresca e rivalidade para poder conquistar esa enseña de seda que se lle concede aos gañadores das dúas edicións que se celebran cada ano.

O cansazo acumúlase, pero o espírito de descuberta non decae porque nos agarda a cidade eterna, Roma. Menos mal que no programa das visitas estaba previsto visitar o primeiro día a cidade do Vaticano, porque en caso contrario sería difícil poder decidir por un ou outro itinerario.Hai que saír de boa hora para conseguir entrar e non ter que agardar nunha ringleira interminable. Así é, desde as seis e media da madrugada os servizos de apoio, -profesorado acompañante-, inicia unha batida de portas, sabas e mantas para poder saír en dirección ao Vaticano. Cando chegamos, xa hai unha multitude de persoas que se apresuran por entrar canto antes, non sen antes pagar o imposto relixioso para poder acceder ás dependenzas desta cidade tan especial.Todo cheira a euros e cera. A capela Sixtina, impresionante, polos marabillosos frescos de Rafael, Botticelli e Miguel Ángel, pero que non se pode aprezar todo o seu significado profundo se non se coñecen as pasaxes do antigo e novo testamento. A persoa que previamente nos informa dalgunhas salas do Vaticano conta tamén algunha anécdota referida, por exemplo, aos espidos das figuras e que sobre todo Miguel Ángel tratou de convencer aos papas da súa presenza como de representación do home en estado puro, ou como as formas antropomórficas se van deformando a medida que se pasa da creación ao xuízo final.

A impronta de Miguel Ángel queda especialmente marcada pola obra da construción da Basílica de san Pedro e en particular pola cúpula que a preside, aínda que os planos iniciais os deseñara Bramante e reelaborounos Rafael. Dentro da basílica, de planta de cruz latina, hai moito de que falar pero especialmente sobresaliente é o traballo da Piedade de Miguel Ángel, e o de Bernini polo baldaquino en bronce de columnas salomónicas cuxo material fora traído doutro templo romano, o Panteón. De seguido, a visita das grutas da basílica trasládannos a tempos pretéritos e nas que os sepulcros dos papas son o máis impresionante, nuns casos pola grandiosidade das tumbas e noutros pola conservación deses representantes da igrexa.

A saída da basílica non é menos impresionante, sobre todo pola obra da columnata de Bernini que dá unha sensación de recollemento e de grandiosidade dada a extraordinaria superficie coa que conta (240 m. de ancho por 340 de largo), a máis vasta de Roma, e o obelisco de orixe exipcia no centro.

Abandonamos o Vaticano para dirixirnos ao castelo do santo Anxo, que fora antes mausoleo de Adriano e que foi anesionado polos papas como lugar de refuxio ou de prisión.

Pola tarde o percorrido pola cidade de Roma lévanos ata a praza Navona, antigo lugar de competicións circenses que tiña capacidade para 30.000 espectadores e que conservou ese deseño e incorporou as modernas terrazas e fontes, unha delas de Bernini e que serviría de basamento para a colocación dun monolito exipcio; o Panteón está considerado como unha das obras máis perfectas da Roma antiga e acolle no seu interior os sepulcros de personaxes históricos: Rafael, Víctor Manuel II, etc. e que serviría para inspirar outros lugares de enterramento en París ou templos de corte funerario.

A fontana de Trevi, o xentío que hai ao seu redor case impide achegarse ata a auga que brota entre fervenzas artificiais dos escultores da escola de Bernini, e todo por cumprir co rito de lanzar algunha moeda e beber se é o caso para así ter a certeza de que algún día voltará á cidade.

Non podía faltar un percorrido polas inmediacións da praza de España e nesa escaleira maxestuosa facer a foto de rigor e comprobar que pegada á escaleira atópase un museo adicado a poetas ingleses que no seu día lle adicaron unha admiración especial. Moi preto atopamos outra impresionante praza, del Popolo, e enriba dela un mirador extraordinario que permite visualizar unha boa parte da cidade: o Pincio.

A segunda xornada en Roma íanos deparar o recorrido máis profundo pola Roma antiga: O Coliseo, mandado construír por Vespasiano e rematado polo seu fillo Tito no ano 80 da nosa era, é o edificio máis emblemático da historia de Roma, chegando a considerarse como símbolo da cidade e da súa vida. Para facerse unha idea da importancia arquitectónica e social hai que ter en conta que a súa construción feita a base de tixolo e pedra de travertino e que incluso foi levada para a construción de San Pedro ofrece unha estabilidade extraordinaria porque aínda hoxe 2000 anos despois é utilizado para a representación do Vía crucis de venres santo, concelebrado polo Papa. A inauguración supuxo festas durante 100 días e déuselles morte a máis de 9000 feras. As columnas exteriores do que se conserva na entrada principal son un resumo dos tres tipos de columnas gregas:dórica, xónica e corintia. Nestes días estase a celebrar no seu interior unha exposición de motivos romanos vinculados aos trofeos e accións levadas a cabo contra os inimigos.

No entorno do Coliseo destacan os foros, é dicir, os lugares nos que na Roma antiga se desenvolvía a maior actividade social e política. O foro romano por excelencia é o que acolle templos como o das Vestales, de Saturno, Xulio César no que estes días están a celebrar o aniversario da súa morte (15 de marzo do 44 a.C.), os arcos de triunfo de Tito, de Septimio Severo ou de constantino. Un pouco alonxado deste punto atópase o foro de Traxano no que destaca a extraordinaria columna Traxana e os mercados do mesmo nome. Tamén moi preto de aquí vemos o circo Máximo que contaba cunha capacidade aproximada para 200.000 persoas, ou as termas de Caracalla e o teatro de Marcelo, único exemplo conservado de teatro antigo. Así ata unha interminable numeración de motivos vencellados á Roma máis profunda e que non nos é posible seguir avaliando, ademais dos museos palatinos ou igrexas como a de san Xoán de Letrán.

A derradeira tarde que pasamos na cidade achegámonos ata un dos exemplos de catacumbas (coementeria, mellor dito), de Domitilia, que aparecen algo alonxadas da cidade e que segundo se nos conta unha das razóns, á parte de querer ocultar o enterramento dos mártires cristiáns ou non mártires, era pola falta de espazo na cidade e por cuestións de hixiene para evitar o mal olor dos mortos e dos andazos que podían provocar. Infórmannos que, por exemplo, estes enterramentos soterrados en cubículos moi pequenos alcanzan unha lonxitude de 17 Km. de galerías.A verdade é que impresiona pensar que para poder acollerse aos ritos cristiáns tiveran que realizar este traballo de minería e galerías interminables e que moitos dos operarios perderan a súa vida ao mesmo tempo que daban sepultura aos mortos.

A cidade é polo tanto un exemplo da loita sanguiñolenta entre o mundo pagán, politeísta, e a introdución do cristianismo da man de Constantino O Grande que no ano 312 autoriza a liberdade de culto para os cristiáns, despois de ter cruzado o río Tíber sobre a ponte Milvio (batalla homónima), a ponte máis antiga de Roma, non a actual que serve para selar o amor entre as parellas que cos cadeados se prometen amor eterno.Neste sentido a cidade de Roma é considerada con xusta razón o berce da cultura occidental europea-mediterránea e da que somos herdeiros non só pola lingua latina que nos deixaron senón tamén pola pintura, escultura e a arquitectura que nas diferentes manifestacións artísticas ten chegado ata nós a través dos movementos románicos, renacentistas e neoclásicos.

Pois, cunha visita á famosa ponte Milvio poñemos proa cara ao aeroporto de Fiumichino e aterramos en Vigo cara a noitiña do sábado quince de marzo. A pesar de todos os sensabores e intres de certa confusión ou malhumor, cremos que o grupo de alumnado e profesorado involucrado desfrutou dunha interesante experiencia e que debe ser mantida para as vindeiras xerazóns de estudantes e se se pode mellorala, por exemplo, procurando que o traslado sexa máis rápido ou que os itinerarios estean máis delimitados.

Italia

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo