Presentación da novela “Ollos de auga” a cargo do seu autor Domingo Villar
Este mércores, 2 de abril, agás algún imprevisto de última hora, o escritor vigués Domingo Villar (Vigo, 1971), presentará no noso instituto a súa novela Ollos de auga, publicada pola editorial Galaxia no ano 2006.Actualmente vive en Madrid, onde traballou como guionista de cinema e de televisión. Colabora coa radio e con xornais.
Desde o punto de vista creativo é a súa primeira novela que ambienta na cidade de Vigo e que xa foi traducida ao castelán e debe estar a publicarse en italiano. Con respecto a esta urbe hai unha nota do autor que convén reproducir aquí polo que poida servir de aclaración aos lectores.![]()
“Agás Carlos,alma do Elixio e bo amigo, Cristina do bar Puerto, e a cidade de Vigo, un paraíso en pendente imposible de imitar, todos os personaxes e situacións referidos nesta novela son imaxinarios, polo que calquera semellanza coa realidade é unicamente accidental”.
Como novela policíaca, protagonizada polo inspector Leo Caldas e o seu colaborador Rafael Estévez, responde á trama habitual de asasinato-investigación-descuberta do autor daquel, aínda que neste caso o procedemento para o asasinato se trate de algo abondo rebuscado e que só estarían en condicións de executar persoas vencelladas á sanidade, ou polo menos habituados a empregar un determinado tipo de substancias.
Polo demais, haberá que preguntarlle se esta novela non é máis que a primera entrega de unha serie, e se vai continuar explotando a este inspector que practicamente vén de estrearse nese dobre papel de comentarista de radio e máis de inspector. A orixe da investigaciónn ten que ver co asasinato de dúas persoas, Lois Reigosa e Orestes, que como consecuencia dunha sexualidade non asumida polos seus “amantes”, acaban sendo obxecto de persecución e morte para que non quedaran pegadas desas relacións amorosas. Polo tanto, crime paxional que arranca da homosexualidade non asumida dunha persoa socialmente ben relacionada na cidade de Vigo, o doutor Zuriaga, e a vinganza da súa dona, Mercedes, que, en complicidade co seu amante e a aparición do cadelo Pipo aclaran quen son relamente os verdadeiros artífices deste asasinato.
O tempo que transcorre no desenvolvemento da narración é reducido (sobre dez días de primavera, moi cercanos aos actuais) aínda que a extensión da novela non sexa tan curta en proporción. O espazo é totalmente urbano, incluídas algunhas incursións nas vilas do Porriño ou de Bueu, onde vai ser enterrado Lois Reigosa, ocasión que aproveita o escritor para facer algunha reflexión sobre o mundo mariñeiro, por exemplo cando se lles trata ás viúvas do mar como “viúvas brancas” ou para aclarar que, a diferenza da maioría dos personaxes resultantes dese caso, o morto é fillo de solteira e vive da conxunción dun traballo máis ou menos estable como músico de jazz e de profesor suplente no conservatorio municipal de Vigo e que as xentes do mar lle agradecen a este que lles devolva os seus familiares porque no caso contrario “miran ao mar cada mañá preguntándolle polos seus”.
O ambiente nocturno da cidade responde ao dunha urbe con espazos moi diversos e de intereses moi diferentes. O título da novela queda tamén clarificado polo atractivo físico de Lois e sobre todo polos seus “ollos de anxo”, de auga, alcumado Olliños.
En conclusión, todos os personaxes da novela son algo vítimas da súa existencia. Uns pola súa hipocresía e outros pola incerteza da súa sobrevivencia, o mesmo inspector anda algo aqueloutrado.
Como novidade formal, destacaría o recurso empregado na presentación de cada capítulo e que responde ao que poderiamos denominar como técnica lexicográfica, é dicir, de adoptar un vocábulo do dicionario que pode servir como síntese ou idea principal do capítulo e ao mesmo tempo ofrecer as distintas acepcións dese termo.Véxase senón os títulos do 1º e derradeiro, respectivamente: “escuro”, “claro”.
Noraboa polo traballo e a seguir explotando a vea investigadora deste S. Holmes vigués.
Imprimir este Artigo









